lus do candil, Á
Obra de Ánxel Fole publicada por Galaxia en 1953 e que constitúe a súa primeira achega á narrativa curta. Premiada polo Centro Galego de Bos Aires, prologada por Fernández del Riego e ilustrada por Xohán Ledo, foi pioneira na xeira da narrativa de posguerra. Falouse dun libro que achegaba historias das terras do Courel ao tempo que amosaba a fala, costumes e crenzas das súas xentes. Chamouse a atención sobre o misterio e a presenza do sobrenatural naquel feixe de contos -catorce en total- froito dun narrador de fecunda imaxinación e notable capacidade de observación que retomou a tradición do conto folclórico, de dimensión oral -o conto contado- e empregou unha lingua deturpada e imperfecta, pero de gran naturalidade e autenticidade. O escritor sitúa á fronte dos contos un limiar, “Terra do Courel”, interno á ficción que enmarca e cohesiona o conxunto de acordo coa fórmula de conto de contos, empregada, respectivamente, por G. Chaucer, G. Boccaccio e Don Juan Manuel na contística anglosaxona, italiana e española. Desde o punto de vista técnico baséase nunha enmarcación espacio-temporal, no encaixe ou engrenaxe de historias dentro da mesma narración con incorporación de varios narradores, na presenza do narrador que ao contar interpela ao auditorio, no remate da fábula narrativa cunha sentenza didáctico-moral e no predominio do suceso ou acontecemento sobre calquera outro elemento do mundo narrativo, circunstancia que confire un especial pulo ao fío da acción narrativa. Tematicamente, oito destes contos son de filiación fantástica (“O Lordanas”, “Aleluia”, “Os difuntos falaban castelao” e “As meigas atinan sempre”) e o humor está realzado moi especialmente en “O documento”. Hai exemplos de narracións máis realistas, historias do aquén, de lobos ou de bandidos, que corresponderían ao tipo de narración de aventuras (“Os lobos”, “A caixa de morto”), e no terreo das lendas sitúase “O tesouro”. É seguramente a obra que máis plenamente o define como contador de historias e a que leva o seu selo máis persoal.