Lusíadas, Os

Lusíadas, Os
[LIT]

Poema épico portugués de Luís Vaz de Camões que apareceu en 1572 en Lisboa en dúas edicións simultáneas. Inspirado tanto na Eneida de Virxilio coma no Orlando furioso de Ludovico Ariosto, este poema de amor, dor e heroísmo foi concibido estruturalmente de acordo coas regras formais do xénero épico: 10 cantos, 1.102 estrofas e 8.816 versos; composto en oitava rima e en decasílabos heroicos con cesura na segunda, terceira ou cuarta, sexta ou duodécima sílabas. Os cantos presentan, como esquema canónico, unha proposición (I.1-3), unha invocación ás ninfas do Tejo, as “Tágides” (I.4-5), e unha dedicatoria ao Rei Sebastián (I.6-18), seguindo a acción ou narración in medias res. O autor recorre á mitoloxía grecolatina para dinamizar a acción a través do conflito entre a protección adxuvante de Venus e a inimizade opositora de Baco. O casamento simbólico dos navegadores coas ninfas dará lugar a unha descendencia forte e bela que, pola condición divina que lles fora recoñecida, irá concretizando in aeternum a misión dos portugueses. De aí que esta epopea termine nun chamamento ao novo Rei Sebastián, para que logre vencer a ‘vil tristeza’ do presente co Portugal do futuro. Deste xeito, a obra insírese na corrente do mesianismo nacionalista portugués, que a próxima submisión política ao rei español tornaría máis forte. Tomando por obxecto toda a historia nacional, o poeta centra a narración na viaxe de Vasco da Gama a India (1497-1498), pero o verdadeiro protagonista é o pobo portugués. Enlazadas coa historia desta viaxe aparecen intensas referencias narrativas e proféticas a outros acontecementos da historia de Portugal, e tamén a determinadas ideas cristiás e humanistas, ás veces de forma simbólica. A obra cumpriu a necesidade estética e cívica de celebrar os grandes feitos dos portugueses ao longo da historia e enxalzar as fazañas dos fillos de Lusus -os lusíadas-, pero tamén reflectiu a amargura con respecto aos aspectos máis crueis do colonialismo portugués. Ademais, amosou o espírito renacentista pola súa curiosidade científica suma de coñecementos botánicos, astronómicos e xeográficos, polo seu sentido nacionalista e polo seu mesmo tema, característico da época. A exaltación do amor no episodio final, a illa dos amores, onde os heroes son favorecidos polas ninfas e Tetis polos seus feitos heroicos, é outra característica plenamente renacentista e xustifica o elemento marabilloso pagán da obra.

Palabras veciñas

Lusco e Fusco | luscofusco | Lüshun | Lusíadas, Os | Lusinchi, Jaime | Lusio, casa forte de | lusismo