lusitano -na
(< lat Lusitānu)
-
adx
Relativo ou pertencente aos lusitanos.
-
s
[ETN/HIST]
Individuo do pobo lusitano.
-
s
m pl
[ETN/HIST]
Pobo ibérico preindoeuropeo que recibiu importantes contribucións indoeuropeas e que ocupou os territorios que se estendían entre o Douro e o Guadiana, que incluían a zona occidental da Meseta e unha parte da actual Extremadura, e que deu nome á provincia romana de Lusitania. Habitaron un territorio densamente poboado pero escasamente urbanizado. A súa economía dependía da agricultura e da práctica da gandería, que se complementaba coa caza e a pesca. A súa principal riqueza mineira era o ouro que se extraía da area aurífera do Tejo, pero suponse que tamén explotaron os xacementos de estaño, chumbo e cobre da rexión, ben coñecidos en época romana. A conquista da Península Ibérica polos romanos levounos a enfrontarse cos lusitanos desde o 190 a C. Despois de acadar importantes vitorias contra os romanos, especialmente baixo o mando de Viriato entre os anos 147 e 138 a C, tralo seu asasinato a resistencia foi esmorecendo e refuxiáronse nas montañas, ata que en época de Augusto foron definitivamente sometidos.