Luxemburgo
Estado de Europa Occidental, situado entre Bélxica, ao O e ao N, Alemaña, ao L, e Francia, ao S (2.586 km2; 439.764 h [2001]). A capital é Luxemburgo.
Xeografía física
É un país de relevo ondulado, con dúas rexións naturais ben diferenciadas: a setentrional, o Ösling, cun terreo cuberto de bosque e no extremo norte, de landas e turbas; e a rexión centromeridional, o Gutland. O dominio climático é continental e presenta diferencias térmicas entre o N e o S durante o inverno, mentres que no verán as temperaturas son case uniformes ao longo de todo o país. As precipitacións son abundantes. Destacan os ríos Sûre, Our, Clerf e o Wiltz, todos eles na rexión setentrional.
Xeografía económica
Economía e sectores de actividade
Os cultivos principais son os cereais (cebada, trigo, avea, centeo), as patacas, a ferraxe, a viña, as froiteiras (maceiras e ameixeiras) e as rosas. A gandería céntrase no gando bovino e porcino. A facilidade de dispoñer do carbón das concas do Ruhr e do Sasar fixo posible o establecemento de importantes centros siderúrxicos. Luxemburgo ten que importar todos os combustibles que consome. As outras industrias son a mecánica, a de explosivos, a de fertilizantes, a da pel e do coiro, a de produtos farmacéuticos, a do cemento, a da cervexa, a do viño, a do tabaco, a de fibras artificiais de orixe plástica e a de produtos metálicos.
Comercio exterior
Luxemburgo importa carbón, carbón de cociña, ferro, petróleo refinado, gas natural e electricidade, alimentos, maquinaria, vehículos e produtos metálicos non ferrosos para o consumo. Exporta ferro coado e aceiro, así como produtos plásticos, maquinaria eléctrica, téxtiles sintéticos, pneumáticos e queixo. Forma parte do Benelux. A unión comercial e aduaneira con Bélxica é tan intensa que as estatísticas internacionais só reflicten o comercio exterior de Bélxica-Luxemburgo, e o franco luxemburgués foi paritario co franco belga.
Transportes e comunicacións
Conta con 5.179 km de estradas e 115 km de autoestradas, ademais de 274 km de vías férreas, dos que 261 están electrificados. O porto de Mertert, na fronteira con Francia e Alemaña, fai que Luxemburgo participe con estes dous países na navegación renana que pasa polo río Moselle canalizado. Conta con aeroporto internacional.
Xeografía humana
A poboación de procedencia francesa e alemá é moi homoxénea, mentres que o resto está formada por portugueses e italianos. A maioría fala o luxemburgués, dialecto do xermánico, pero o francés, empregado principalmente pola administración, e o alemán, empregado no comercio e na prensa, tamén son oficiais. A densidade da poboación é alta e distribúese irregularmente. A poboación urbana é do 91,5% (2000).
Sociedade e goberno
Diversidade étnica e cultural
O maior grupo étnico son os luxemburgueses, cun 62,7%. Outros grupos importantes son os portugueses (13,2%), franceses (4,6%), italianos (4,6%), belgas (3,4%), alemáns (2,4%) e neerlandeses (0,9%). O luxemburgués, desde 1984, é a lingua oficial, xunto co francés, empregado principalmente na administración, e o alemán, empregado no comercio e na prensa. A relixión católica é maioritaria, cun 95,2% fronte ao 4,8% doutras relixións. A educación é obrigatoria entre os 6 e os 15 anos.
Desenvolvemento humano
O Indicador de Desenvolvemento Humano sitúao entre os países cun desenvolvemento humano alto (ocupa o 12º posto cun índice do 0,924). Este indicador desagregado ofrece o seguinte balance: a esperanza de vida ao nacer é de 74 anos para os homes e de 80 anos para as mulleres, o índice de alfabetización de adultos é do 99% da pobación, o índice bruto de escolaridade é do 72% e o PNB por habitante (PPA) é de 42.930 $ EE UU.
Goberno e política
Luxemburgo é unha monarquía constitucional e hereditaria. Segundo a Constitución de 17 de outubro de 1868, o poder executivo reside no gran duque que o delega no consello de ministros, encabezado polo presidente do goberno. O poder lexislativo é exercido pola Chambre des Députés/Châmber vun Députéirten, formada por 60 membros elixidos por sufraxio universal directo e un sistema proporcional para un mandato de cinco anos. O poder xudicial reside no Tribunal Superior de Xustiza, integrado por xuíces designados de xeito vitalicio polo gran duque. O sistema legal baséase nun sistema de leis civís e acepta a lexislación coercitiva do Tribunal Internacional de Xustiza. As principais forzas políticas son a formación de dereitas Parti Chrétien-Social du Luxembourg/Chrëschtlich-Sozial Vollekspartei Lëtzebuergesch (PCS/CSV), o socialista Parti Ouvrier Socialiste Luxembourgeois/Lëtzebuergesch Sozialistesch Arbechterpartei (POSL/LSAP), o socialdemócrata Parti Démocratique/Demokratesch Partei (PD/DP), os verdes Déi Gréng (Os verdes) e o extremista Déi Lénk/Die Linken/La Gauche. Forma parte dos seguintes organismos internacionais: Benelux, Consello de Europa, EBRD, OCDE, ONU, UEO e Unión Europea.
Historia
A fundación de Luxemburgo
Cruzamento de camiños e rutas comerciais romanas, o seu territorio foi dominado polos francos. Converteuse en condado en 963 e a condesa Ermesinda II (1196-1247) centralizou o poder, aínda que outorgou unha grande autonomía ás cidades. O conde Enrique V (1228-1310) converteuse en emperador e tamén Carlos I (Carlos IV, 1346-1378). En 1354 perdeu o seu rango de condado e converteuse en ducado ao tempo que adquiriu, entre outros, o condado de Chiny. En 1388 pasou a formar parte dos territorios de Moravia.
Dos duques de Borgoña aos Países Baixos
O duque de Borgoña Filipe o Bo adquiriu este territorio (1441) que formou parte do estado borgoñón ata que, á morte de Carlos o Temerario, pasou a mans dos Habsburgo (1477). Integrado nos dominios dos Habsburgo españois (1555), foi ocupado polos franceses entre 1684 e 1698 durante o reinado de Luís XIV, período en que Vauban fortificou a praza de Luxemburgo. Cara a 1713 os principados do N pasaron aos Habsburgo de Austria e formaron unha confederación denominada Países Baixos, aos que Luxemburgo pertenceu ata 1839. En 1795 os Países Baixos e o Principado de Liexa integráronse na República Francesa.
O estado de Luxemburgo
O Congreso de Viena converteu, en 1815, o ducado de Luxemburgo en gran ducado, teoricamente autónomo, pero vinculado mediante unión persoal aos Países Baixos. Despois da rebelión belga de 1831, foi dividido en dúas partes (1839): a parte máis extensa, francófona, foi asignada a Bélxica, mentres a outra metade, xermanófona, continuou formando o gran ducado e foi entregada a Guillerme I. Polo Tratado de Londres (1867) estableceuse a neutralidade do gran ducado e a parte holandesa volveuse estado independente, pero mantívose a unión persoal entre Luxemburgo e os Países Baixos baixo a autoridade nominal do rei de Holanda ata 1890.
Evolución do gran ducado ata a Segunda Guerra Mundial
O país experimentou un forte crecemento neste período tralo descubrimento de xacementos de carbón, e construíronse ferrocarrís para transportalo. As necesidades de man de obra provocaron unha importante inmigración. En 1905 instalouse unha nova dinastía, co gran duque Adolfo como primeiro representante. Os intentos de anexión por parte de Alemaña en 1914 puxeron en perigo a neutralidade de Luxemburgo e levouno a renunciar ao Zollverein. Despois da guerra o PCS/CSV acadou o dominio político. En 1921 estableceu unha unión económica con Bélxica, a UEBL (Union Économique Belgo-Luxembourgeoise), e adoptou o franco belga como moeda da UEBL, mentres mantiña o franco luxemburgués limitado na súa emisión. A depresión económica da posguerra prolongouse pola crise de 1929, pero a súa economía recuperouse apoiada no sector siderúrxico, que tiña o seu principal mercado en Alemaña.
A Segunda Guerra Mundial e a construción da Unión Europea
Durante a Segunda Guerra Mundial sufriu a invasión alemá e unha xermanización forzada. As perdas humanas polo conflito chegaron ao 2% da poboación. Durante o proceso de reconstrución, abandonou a súa neutralidade e despois de converterse en membro fundador da ONU (1945), integrouse na OTAN (1949), na CECA (1951) e na CEE (1957). Trala súa adhesión á CEE, Luxemburgo experimentou un novo período de crecemento e expansión económica. En 1959 o líder do PCS/CSV, Pierre Werner, converteuse en primeiro ministro. Na década de 1960 converteuse nunha das sedes da CEE, cunha gran relevancia como centro financeiro, ao tempo que viviu un importante proceso de integración na CEE. A Gran Duquesa Carlota abdicou en 1964 en favor do seu fillo o Gran Duque Xoán. Nas eleccións xerais de 1974 o PCS/CSV perdeu por primeira vez o seu dominio político desde 1919, e formouse un goberno de coalición entre o POSL/LSAP e o PD/DP encabezado por Gaston Thorn (1974-1979), que se enfrontou coa crise siderúrxica (1974-1975). Sucedeuno Pierre Werner na presidencia (1979-1984), mandato marcado por unha prolongada recesión. Nas eleccións de 1984 accedeu á presidencia unha coalición liderada por Jacques Santer, que permaneceu como primeiro ministro á fronte dunha maioría reducida do PSC/CSV e POSL/LSAP nas eleccións de 1989 e 1994. A vocación europeísta do goberno de Luxemburgo apoiou a ratificación polo Parlamento do Tratado de Maastricht en xullo de 1992.
Os gobernos de Jean-Claude Juncker
O nomeamento de Jacques Santer como presidente da Comisión Europea (xullo de 1994), levou á súa substitución como primeiro ministro por Jean-Claude Juncker. En marzo de 1998 o goberno anunciou un incremento na súa contribución financeira ao proxecto de extensión da rede ferroviaria do tren de alta velocidade desenvolvido por Francia, para intensificar os intercambios coa parte oriental do continente. Tralas eleccións de 1999 Juncker conservou o liderado, que renovou en 2004, e formou goberno cunha coalición entre o PCS/CSV e o PD/DP. Nestes comicios a extrema dereita obtivo o 10,5% dos votos e acadou representación na Cámara dos Deputados. O Gran Duque Xoán abdicou en setembro do 2000 e o seu fillo Enrique sucedeuno no poder en outubro. As tentativas da UE iniciadas desde 2000 destinadas a intercambiar información bancaria e tributaria entre os estados membros atopáronse coa oposición de importantes sectores da banca de Luxemburgo.