Luzes de Galicia

Luzes de Galicia
[PUBLIC]

Revista publicada en Sada a partir de xullo de 1985 por Ediciós do Castro, do Grupo Sargadelos. Desde 1994 apareceu baixo o subtítulo “Revista de liberdades, crítica e cultura”. Dirixida por Manuel Rivas, tivo como redactores a Xabier Seoane, Lino Braxe e Antón Baamonde. Entre os seus colaboradores contou con varias xeracións de escritores e ensaístas, como Xavier Alcalá, Vicente Araguas, Xan Bouzada, Bieito Iglesias e Suso de Toro. Tamén destaca a achega de fotógrafos, como Xurxo Lobato, Delmi Álvarez e Vari Caramés, e de ilustradores, como Luís Seoane, Reimundo Patiño e Maside, que lle deron á publicación unha gran calidade artística. Se ben nun principio saíu con carácter trimestral, a partir de 1997 converteuse en anual, aínda que mantivo unha periodicidade irregular. Inclúe artigos literarios e análises moi críticas da actualidade, contribuíndo á renovación da prensa cultural galega.

Palabras veciñas

luzada | Luzán, Ignacio de | Luzbel | Luzes de Galicia | Luzón | Luzón Central | Luzula