maxisterio

maxisterio

(< lat magisterĭu)

  1. s m [EDUC]
    1. Cargo ou profesión de mestre.

    2. Conxunto de mestres dun estado, dunha provincia ou doutra demarcación.

    3. Conxunto de estudios que realizan os mestres para ocupar os cargos docentes no nivel primario. Aínda que se coñecen antecedentes na idade media (escolas catedralicias, entidades gremiais), as escolas especiais para a preparación de mestres non xurdiron ata comezos do s XIX, como consecuencia da obrigatoriedade do ensino primario que impuxo a Revolución Francesa. O s XIX representou a renovación das tendencias pedagóxicas e o nacemento das escolas normais. En 1834, grazas á iniciativa de Pablo Montesinos, co apoio político do ministro galego Xosé Moscoso de Altamira, proxectouse por primeira vez a fundación dunha escola normal, seminario de mestres, en España. Aínda así, esta non se puxo en marcha ata 1839 e houbo que agardar ata 1858 para que se inaugurase tamén en Madrid a primeira Escola Normal de Mestras. O sistema educativo español recolleu por primeira vez a consideración dos estudios primarios, secundarios e superiores na Constitución de 1812 e no posterior Decreto Quintana en 1814. En 1857, coa aprobación da Lei Moyano, vixente ata 1945, establecéronse tres niveis educativos: o ensino primario, organizado en elemental e superior, os estudios medios divididos en xerais e de aplicación, e a educación superior que se estruturaba en carreiras de facultade e técnico-profesionais. Ademais tamén se regulamentou a selección de mestres e mestras. Creáronse escolas primarias superiores, elementais completas e incompletas e de tempada, de párvulos e de padroado, que, en 1910, cun decreto de Romanones pasaron a denominarse unitarias, mixtas e graduadas. As escolas completas contaban cun programa de estudios máis extenso e esixían profesorado con título de mestre. Establecíanse en poboacións de 500 habitantes, moi pouco frecuentes en Galicia a finais do s XIX e principios do XX, mentres que as escolas incompletas, con menor calidade pedagóxica e peor profesorado, reservábanse para entidades de menor poboación, como era o caso da maior parte de Galicia. Un decreto de 1859, vixente ata 1908, específico para Galicia, rebaixou a esixencia para dispoñer de escolas completas ao marcar o mínimo dunha por concello para nenos e nenas. As escolas e o profesorado dependían economicamente dos concellos e das familias, e naqueles casos en que era imposible manter unha escola incompleta podía establecerse unha de tempada (un mestre dividía a súa estancia anual entre dúas poboacións). Este tipo de escolas tiveron unha presenza moi importante na provincia de Lugo, aínda que a principios do s XX se reduciron drasticamente. En 1901 o conde de Romanones traspasou ao estado o pagamento do salario do profesorado de ensino primario co que comezou a regularizarse a profesión de mestre en España. Fixáronse cuestionarios únicos, programas únicos e libros de texto para todas as escolas do estado español, e prohibiuse o ensino do catecismo ou calquera outra disciplina en lingua distinta á oficial do estado nas escolas públicas. Durante a Segunda República, produciuse o decreto de bilingüismo para Catalunya e concedeuse permisividade para o uso doutras linguas no ensino. A escolaridade era obrigatoria de seis a nove anos, ata que en 1901 se pasou de seis a doce, aínda que neste caso a obrigatoriedade se consideraba satisfeita con períodos de seis meses de asistencia a clase. As clases eran de nenos ou nenas ou mixtas de idades diversas, aínda que agrupados en tres graos indicativos de índices de aproveitamento distinto. O currículo das escolas primarias completas abranguía as seguintes disciplinas: doutrina cristiá e nocións de historia sagrada; lingua castelá, lectura, escritura e gramática; aritmética, co sistema métrico decimal; xeografía e historia; nocións de dereito; de xeometría; de ciencias físicas, químicas e naturais; de hixiene e fisioloxía humana; debuxo; canto; traballos manuais e exercicios corporais. O programa das escolas incompletas era moito máis reducido. Na maioría das escolas rurais e nunha parte das urbanas, ata a segunda metade do s XX, ensinábase a ler, escribir e contar, á vez que se lle daba moita importancia ao ensino relixioso. Con todo, moitas das escolas que fundaron os emigrantes preferían o ensino graduado, e introducían o ensino ético-moral en substitución do relixioso e outras disciplinas como agricultura, xeografía de América, xeografía e historia de Galicia e coñecementos comerciais. Nesta mesma liña tamén estaban algunhas escolas privadas de carácter laico. A partir dos primeiros anos do s XX aumentou paulatinamente o número de escolas e difundiuse un clima de renovación didáctica e, en 1931, decretouse a neutralidade relixiosa e a desaparición dese ensino nas escolas. Non obstante , e despois da paréntese da Guerra Civil Española (1936-1939), esta situación cambiou ao se promulgar a Lei de Educación Primaria de 1945. Con ela volvéuselles dar prioridade aos valores e contidos relixiosos e patrióticos sobre os esencialmente educativos e prohibiuse expresamente a educación mixta, de maneira que se segregaba a mestres e mestras e a alumnos e alumnas en centros masculinos ou femininos, segundo o caso. A formación organizábase nun plan cíclico dividido en catro períodos: iniciación (maternal e párvulos), elemental (6 a 10 anos), perfeccionamento (10 a 12) e iniciación profesional (12 a 15). O ensino era obrigatorio só entre os 6 e os 12 anos e ao rematar obtiñan a cartilla de escolaridade e un certificado de estudios primarios. Regulamentouse a inspección, a formación do maxisterio e mesmo a súa actuación profesional, administrativa, económica e  disciplinar. En 1970, a Lei Xeral de Educación supuxo a superación definitiva do modelo educativo que estivera en vixencia en España, con poucas alternancias, desde a Lei Moyano. Estendeuse o ensino obrigatorio e gratuíto ata os 14 anos e enriqueceuse a formación do maxisterio. Ademais mellorouse e ampliouse a rede escolar do estado. Esta lei estivo en vixencia ata 1990, ano en que se aprobou a Lei Orgánica de Ordenación Xeral do Sistema Educativo (LOXSE). A LOXSE ampliou a educación básica ata os 16 anos en condicións de gratuidade e obrigatoriedade e reorganizou a educación en cinco etapas: educación infantil, educación primaria, educación secundaria, o bacharelato, a formación profesional de grao medio ou grao superior e a universidade. En Galicia, en 1845 creáronse as primeiras escolas normais de mestres; a primeira feminina foi a de Pontevedra, creada en 1860. Alén da pobre formación normalista, a partir das dúas últimas décadas do s XIX desenvolvéronse diversas iniciativas culturais, académicas e societarias tendentes a elevar a formación cultural e profesional do maxisterio (revistas, publicacións, congresos pedagóxicos); entre elas cómpre destacar a Institución Libre de Enseñanza (ILE). Este proceso intensificouse durante o primeiro tercio do s XX e quedou patente no amplo clima de renovación pedagóxica que se deu durante a Segunda República e en manifestacións de forte vitalidade educativa, particularmente visible en Catalunya. Pero, o franquismo paralizou todo ese avance, que só puido ser de novo observado durante os últimos trinta anos do s XX, no novo contexto democrático e constitucional.

  2. s m [QUÍM]

    Precipitado que se obtén con disolucións salinas.

  3. maxisterio eclesiástico [RELIX]

    Facultade e exercicio da Igrexa en virtude dos que se fixa a doutrina católica e a recta interpretación da escritura. En contra do principio da Sola Scriptura propugnada pola Reforma, a teoloxía católica defendeu sempre o principio do maxisterio eclesiástico. Neste poder estivo o fundamento da división tradicional da Igrexa en docente e discente, aínda que algúns teólogos tentaron superar esta dicotomía e establecer unha concepción máis dinámica do maxisterio.

Palabras veciñas

maxisaia | maxismo | maxisterial | maxisterio | maxistrado -da | maxistral | maxistratura