Maceda
Concello da comarca de Allariz-Maceda situado na provincia de Ourense no SL da Comunidade Autónoma de Galicia, situado a 42° 16’ 00’’ de latitude N e 7° 38’ 40’’ de lonxitude O. Limita ao N cos concellos de Esgos (Ourense), Xunqueira de Espadanedo (Allariz-Maceda) e Montederramo (Terra de Caldelas), co que tamén limita ao L; ao S co de Vilar de Barrio (A Limia); e ao O cos de Baños de Molgas e Paderne de Allariz, ambos os dous na comarca de Allariz-Maceda. Abrangue unha superficie de 101,9 km 2 cunha poboación de 3.146 h (2007) distribuída nas parroquias de Asadur, Castro de Escuadro, As Chás, A Costa, Covas, Foncuberta, Maceda, Piúca ou Araúxo, Santiso, Tioira, Vilardecás e Zorelle. A súa capital está na vila de Maceda, na parroquia homónima, que dista 139 km de Santiago de Compostela e a 28 km de Ourense. Está adscrito á diocese de Ourense, arciprestados de Maceda e Montederramo, e á xurisdición do partido xudicial de Ourense.
Xeografía física
O concello está dominado por rochas graníticas. Xeomorfoloxicamente pódese dividir en tres partes. No L aparecen unha sucesión de resaltes residuais, de altitude media ao redor dos 700 e 750 m, que serven de divisoria entre as depresións de Maceda e Ourense. Seguindo dirección N-S, destacan os montes Biduíza (787 m), Cabreiro (708 m) e Moura (781 m). O centro do concello está ocupado pola depresión de Maceda, cunha altitude ao redor dos 600-700 m e, dominada por un relevo chairo e drenada por afluentes do río Arnoia, tapizada por materiais sedimentarios cuaternarios que alimentan unha importante industria de cerámicas. O N e o L está ocupada por unha aliñación montañosa, con dirección NO-SL e altitudes superiores a 900 m, que vai medrando progresivamente cara ao S ata culminar na serra de San Mamede (1.618 m); destacan ademais o monte Couto (1.157 m) e o alto do Rodicio (971 m). Está repartido entre os dominios climáticos oceánico continental e oceánico de montaña. Localizado entre a depresión de Maceda e os contrafortes da serra de San Mamede, caracterízase por unhas temperaturas extremas e precipitacións moderadas. A temperatura media anual é de 10,5°C, onde a media de xaneiro é de 4,3°C e a de xullo de 17,8°C. A amplitude térmica extrema chega aos 24,7°C. A precipitación media anual é de 1.038 mm, cunha distribución estacional caracterizada pola concentración das precipitacións en inverno, cun 37%, fronte a unha notable seca estival, con tan só o 7%. Os valores intermedios sitúanse en outono cun 29% e en primavera co 26%. A rede hidrográfica pertence á conca do río Arnoia a través dos seus afluentes, o Maceda e o Tioira. O Maceda procede dos contrafortes de Cabeza de Meda e atravesa a depresión de Maceda seguindo unha dirección marcadamente N-S. O río Tioira nace ao pé da serra de San Mamede e, tras seguir unha dirección inicial SL-NO e recibir as augas do rego Castelo, traza un arco que o leva a mudar a un sentido L-O. A vexetación arbórea clímax (cerqueiros e castiñeiros) está moi mermada, en cambio abundan as superficies ocupadas por mato e piñeiros.
Xeografía humana
A evolución da poboación de Maceda está marcada por unha fase inicial de crecemento continuado, finalizada en 1940 cando alcanza o seu máximo demográfico, e unha segunda fase de forte retroceso, culminada por uns efectivos demográficos moi por debaixo dos que contaba en 1900. Ata 1940 pódese distinguir tres dinámicas: unha primeira etapa de estancamento, entre 1900 e 1920, que tan só medra un 0,14%; unha segunda etapa de extraordinario crecemento, entre 1920 e 1930, cun 1,64%; e unha terceira máis ralentizada, entre 1930 e 1940, cun 0,62% de crecemento interanual. A partir de 1940 as perdas foron continuadas e suaves nos períodos 1940-1950 (0,47% interanual), 1970-1981 (0,37%) e 1991-2001 (0,17%), e máis fortes nos intervalos 1950-1970 (cun -1,15% interanual) e 1980-1991 (cun -2,25%). A comezos do s XXI entre 2001 e 2007 o descenso foi do -2,93%. En 2006 o crecemento natural foi do -8,2‰, cunha taxa de natalidade do 6,5‰ e unha elevada mortalidade (14,7‰). A emigración é a principal responsable da decadencia demográfica, atribuída á escasa capacidade de xeración de riqueza. Tras anos de emigración cara ao exterior e ás cidades de Vigo e Ourense, a poboación está moi avellentada: os menores de 20 anos tan só suman o 13,6% da poboación e os de máis de 65 anos acadan o 33,6%; o grupo intermedio representa o 52,8%. A relación entre sexos está fondamente desequilibrada a prol das mulleres, que supoñen o 51,08% dos efectivos demográficos fronte ao 48,19% de homes.
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do concello de Maceda é do 43,4% (53,4% a masculina e 33,9% a feminina); a taxa de ocupación é do 38,5% (47,8% a masculina e 29,8% a feminina) e a taxa de paro é do 11,1% (10,6% a masculina e 12% a feminina). A agricultura posúe un peso moi relevante, dando traballo ao 19,4% dos ocupados, co que é a segunda fonte de traballo. A superficie cultivada supón o 11,20% da superficie do concello, concentrada case integramente na depresión de Maceda, sendo o millo, a pataca e o centeo os principais cultivos. Os prados e os pastos representan un escaso 3,09%, reflexo da debilidade da súa gandería, limitada a vacas destinadas a carne. En cambio, a gandería industrial, representada polo porco, está moi desenvolvida grazas o importante papel asociativo de COREN. A industria é unha modesta fonte de emprego, e tan só traballan nela o 12,8% dos ocupados, a partir de postos de traballo en empresas asentadas na área de Ourense pois a penas existe actividad industrial no concello. A construcción ocupa o 14,7% da man de obra, basicamente na edificación local ou na capital ourensá. O principal sector económico son os servicios, cun 53,2% da poboación ocupada. A principal vía de comunicación e a OU-536, que comunica Ourense coa Rúa, complementada pola estrada comarcal que une o Alto do Couso con Verín, e as locais que enlazan a vila de Maceda con Ourense, Allariz e o alto do Rodicio.
Historia
Os restos máis antigos atópanse no castro de Malamao, no que se acharon restos de construccións e cerámica. Consérvanse ademais miliarios procedentes da Vía XVIII do Itinerario de Antonio, que unía Bracara con Asturica, nas parroquias de Fontecuberta e Tiroia e no alto do Rodicio. Pola abundancia dos materiais arxilosos e limosos foi un lugar importante na fabricación de tellas e a elaboración de vasillas, olas e potes de barro. Durante o Antigo Réxime as súas parroquias repartíronse nas xurisdicións de Baños de Molgas, señorío de don Vicente Prado, do duque de Medina de Rioseco e do conde de Monterrei; Maceda de Limia, señorío do duque de Medina de Rioseco, do conde de Maceda, da encomenda de Quiroga e da relixión de San Xoán; Montederramo, exercida polo mosteiro bernaldo de Montederramo; e Vilardecás, señorío de don Xoán Losada. O concello de Maceda de Limia documéntase en 1820, sendo ademais partido xudicial da provincia de Ourense. Na división municipal de 1835 constituíuse o concello de Maceda.
Patrimonio cultural>
Ademais dos restos arqueolóxicos destacan as igrexas parroquiais de Santa Mariña de Asadur, Santa Baia de Castro de Escuadro, San Pedro de Maceda, San Xoán de Vilardecás e Santiago de Zorelle; o pazo de Casasoa, a casa grande de Bastavalle e a fortaleza de Maceda (s XII), declarada Ben de Interese Cultural (BIC) en 1994. Os días catro e vinte de cada mes celébrase unha feira de gando, que se orixinou nun privilexio real de 1401. Das festas que teñen lugar no concello destacan a romaría de san Pedro no mes de xuño, a festa da Virxe das Neves os primeiros días de agosto, a festa medieval o primeiro fin de semana de agosto, a feira da caza a partir do 14 de agosto e o magosto o 11 de novembro. Durante o Entroido os felos percorren as rúas ao son das chocas.
Datos de poboación (2007)
| Provincia | OURENSE |
|---|---|
| Comarca | Allariz-Maceda |
| Extensión | 101 Km2 |
| Poboación Total | 3146 h |
| Poboación Homes | 1539 h |
| Poboación Mulleres | 1607 h |
| Densidade de poboación | 31.15 h/Km2 |