mafia
(< ital mafia)
-
s
f
[SOCIOL]
Complexo de pequenas asociacións secretas orixinarias de Sicilia que lograron unha grande alianza de intereses económicos e políticos coa burguesía financeira e industrial do N de Italia. Con anterioridade a 1860 o termo estaba moi limitado no seu uso a Palermo pero pouco despois xeneralizouse no resto de Sicilia, Italia, EE UU e Latinoamérica ata facerse universal. Todas estas asociacións ilícitas tiñan en común a lealdade ao grupo, o secretismo, o compromiso de vingar calquera ofensa inferida aos membros do mesmo e os vencellos de familia ata o punto de que era considerado máis familiar outro individuo da mesma entidade que un consanguíneo. A forte inmigración italiana cara a EE UU favoreceu a expansión transatlántica dos grupos mafiosos que logo se implantaron en guetos urbanos. A dificultade de non falar inglés facilitou o establecemento de redes de protección e de explotación dos traballadores italianos por parte de bandas organizadas de compatriotas que a finais do s XIX controlaban xa as actividades portuarias e múltiples negocios nas grandes cidades estadounidenses. A inmigración clandestina e o contrabando explican o interese mafioso polo control dos portos que, á súa vez, resultaron as principais canles de expansión da mafia siciliana. A mafia converteuse nunha organización internacional e intercontinental, o que reclamou cambios nos xeitos tradicionais de funcionamento, e a organización xerárquica acolleu a xentes que xa non eran sicilianas e que alcanzaron as cotas máis altas de poder, como o coñecido A. Capone. O primeiro cambio verificouse cando a mafia pasou de ser unha organización de ámbito preferentemente rural en Sicilia, a traballar en exclusiva no marco urbano de grandes urbes como Nova York, e ser unha especie de garante da identidade cultural dos italianos, foran ou non sicilianos, polo menos, na etapa inicial de adaptación á sociedade estadounidense. Cando chegou o fascismo ao poder puxo a mafia completamente á defensiva e en situación de semiclandestinidade. En EE UU, a crise da década de 1920 obrigou a unha reformulación das actividades delituosas. O localismo autonomista impedía estender os negocios a escala nacional e na década de 1930, despois de que diversos xefes locais foron asasinados, como Lucky Luciano, unificáronse todas as familias mafiosas nunha nova organización denominada Cosa Nostra, un verdadeiro holding que se converteu en multinacional do crime organizado. Os problemas políticos e militares provocados pola Segunda Guerra Mundial proporcionaron aos mafiosos tapadeiras oficiais que implicaban a políticos e militares. En Sicilia, agrupáronse noutro holding, a Onorata Societá. A alianza entre a mafia e o novo estado republicano concretouse de modo definitivo en 1947, os vencellos entre a mafia, a masonería e o Partito Democrazia Cristiana (DC) fortalecéronse polo papel que os xefes mafiosos xogaron na loita anticomunista. A Igrexa por boca do cardeal-arcebispo de Palermo, prohibiu aos párrocos calquera denuncia antimafiosa e formouse así unha densa rede de alianzas que permitiron o control absoluto da política e a economía de Sicilia en beneficio da Onorata Societá. Con Amintore Fanfani na presidencia do Consello de Ministros, apoiado por Aldo Moro, produciuse un xiro na política de DC que provocou o xurdimento dunha “oposición moral” ás actividades da mafia, pero despois do asasinato de A. Moro, a vella alianza rexurdiu de novo e os brazos da chamada Tangentópolis, afectaban practicamente a toda a clase política. O terrorismo mafioso que se desatou con enorme violencia na década de 1980 e parte de 1990 non puido evitar a crise definitiva da mafia histórica que a comezos de s XXI estaba sendo substituída por outros grupos de dinámica, composición e intereses diferentes e proxección planetaria nos seus negocios. Noutros lugares xurdiron asociacións delituosas semellantes, e así pódese falar da mafia rusa, da colombiana, da brasileira ou da chinesa. Ningunha delas ten detrás o historial delituoso da mafia siciliana nin o poder económico e os vencellos políticos internacionais que acadou ao longo da historia a mafia siciliana e, na súa extensión, a mafia estadounidense.
-
s
f
Calquera asociación criminal clandestina.
Ex: Detiveron os dirixentes dunha mafia de falsificadores.
-
s
f
Grupo que, mediante medios ilícitos, protexe os seus propios intereses.
Ex: Ese taller é todo unha mafia, eu xa nunca vou alí.