Malaisia
Estado do SL de Asia, formado pola antiga Federación de Estados Malaios ou Malaisia Occidental, que ocupa a parte meridional da península de Malacca, e os estados do N de Borneo, Sabah e Sarawak, que forman Malaisia Oriental (329.847 km2; 23.834.000 h [estim 2001]). A súa capital administrativa é Putrajaya e a capital financeira e comercial Kuala Lumpur.
Xeografía física
A parte continental comprende case a totalidade da península de Malacca, e limita ao N con Tailandia. A parte N e NO de Borneo, que pertence a Malaisia, está bañada polo mar de China Meridional, o mar de Sulu e o de Célebes. A parte occidental é atravesada de NO a SL pola serra de Kerbau. A illa de Borneo fórmana unha serie de serras que se abren formando planicies litorais, que culminan en Kinabalu a 4.094 m de altitude. O clima é de tipo ecuatorial, con precipitacións abundantes e con temperaturas elevadas e constantes ao longo do ano. A rede hidrográfica está formada polos ríos Pahang, Rajang e Batam. Tanto Malaisia Occidental como Borneo están cubertos por bosque ecuatorial.
Xeografía económica
Economía e sectores de actividade
A agricultura é a base da economía e entre os cultivos comerciais destaca o látex, o aceite de palma, o tabaco, os cocos, as bananas, a cana de azucre, o cacao, o té, os cacahuetes e o arroz. A gandería non cobre a demanda interna e case toda a carne procede das aves de curral e do porcino. Conta con abundantes recursos forestais, o que permite unha importante produción de madeira, así como xacementos de estaño e ferro. A industria está en expansión estimulada pola modernización das infraestruturas e a atracción de capital extranxeiro, e fundaméntase nos recursos minerais con refinerías de petróleo e fundicións de estaño; tamén é importante a transformación de produtos agrícolas, a industria de cemento, da montaxe de automóbiles, de madeira, de pneumáticos, de produtos químicos, de maquinaria naval e téxtil.
Comercio exterior
Malaisia ten unha balanza de pagos deficitaria. O comercio internacional céntrase na importación de maquinaria e material de transporte, manufacturas de base, carbón e lubricantes e exporta petróleo, aceite de palma, madeira, caucho, estaño, gas natural e outros produtos tropicais.
Transportes e comunicacións
Nas comunicacións terrestres conta con 65.877 km de estradas das que 51.700 están asfaltadas (1997), 2.227 km de vías férreas (1997) e 7.297 km de vías navegables internas (1996). O porto principal é o de Kelang, pero como exportador é superado polo de Miri.
Xeografía humana
A poboación está desigualmente repartida e destacan as cidades de Kuala Lumpur, Ipoh e Pinang, Kota Kinabalu e Kuching. A taxa de crecemento natural é dun 20,1‰ (2000), debido a unhas taxas de natalidade elevada, 24,5‰ (2000) e unha mortalidade baixa 4,4‰ (2000).
Sociedade e goberno
Diversidade étnica e cultural
A composición étnica está formada por un 65,1% de malaios, un 26% de chineses e un 7,7% de indios; as demais etnias son o 1,8% restante. A lingua oficial é o malaio, pero o inglés está moi introducido no comercio e na administración. A relixión maioritaria é a musulmá (52,9%), seguida da budista (17,3%), da relixión popular chinesa (11,6%), induísta (7%), cristiá (6,4%) e outras relixións (4,8%). A educación non é obrigatoria, aínda que é gratuíta entre os 6 e 16 anos e só a metade dos alumnos realizan estudios secundarios. Para os estudios superiores conta con sete universidades.
Desenvolvemento humano
O Indicador de Desenvolvemento Humano sitúa a Malaisia entre os países cun desenvolvemento humano medio (ocupa o 56° posto cun índice de 0,774). A esperanza de vida ao nacer é de 70 anos para os homes e 75 para as mulleres; o índice de alfabetización de adultos é do 87,5% da poboación; o índice bruto de escolaridade é do 66% e o PNB por habitante é de 3.390 $ EE UU.
Goberno e política
A Federación de Malaisia acadou a independencia o 31 de agosto de 1957, data en que se fixo efectiva a súa constitución, que posteriormente sufriu diversas reformas. Á fronte do estado sitúase unha monarquía federal que non ten carácter hereditario. O monarca elíxese por quenda, entre os nove sultáns dalgúns dos estados federados que si teñen carácter hereditario, por un período de cinco anos. Os estados federados contan cunha asemblea lexislativa, elixida por sufraxio universal e un goberno local. O poder executivo reside no primeiro ministro, proposto pola Dewan Rakyat (Cámara de Representantes) e nomeado polo rei. Os ministros que integran o gabinete son nomeados polo monarca a proposta do primeiro ministro. O poder lexislativo reside nun parlamento bicameral formado pola Dewan Rakyat (Cámara de Representantes), que conta con 193 deputados elixidos para un período de cinco anos por sufraxio universal, e a Dewan Negara (Senado), integrada por 69 senadores, 43 designados polo monarca a proposta do goberno, e 26 nomeados polas asembleas dos estados federais. O sistema xudicial baséase na common law, non acepta a xurisdisdición do Tribunal Internacional de Xustiza e está en vigor a pena de morte. Os princiais partidos políticos son: Barisan Nasional (Fronte Nacional, BN), integrado por diferentes agrupacións das que destacan os autoritaristas do Pertubuhan Kebangsaan Melayu Bersatu/United Malays National Organisation (UMNO), a minoría india do Kongres India Se-Malaysia/Malaysian Indian Party (MIC), e os liberais do Parti Gerakan Rakyat Malaysia (Partido do Pobo Malaisiano). Outro gran grupo que aglutina os elementos opositores é o Barisan Alternatif (Fronte Alternativo, BA), integrado polos islamistas, Parti Islam se-Malaysia (Partido Islámico de Malaisia,PAS), os socialdemócratas Parti Tindakan Demokratik/Democratic Actino Party (DAP), e os centristas Parti Keadilan Nasional (Partido Nacional da Xustiza). Existen ademáis outros grupos políticos como o Parti Bersatu Sabah (Partido da Unidade de Sabah, PBS) que representa fundamentalmente a un electorado nativo e cristián. Forma parte entre outros dos seguintes organismos internacionais: Asociación das Nacións do Sueste Asiático (ASEA), Commonwealth, Cooperación Económica de Asia Pacífico (APEC), Organización da Conferencia Islámica (OCI) e ONU.
Historia
Dos primeiros reinos ao dominio colonial
A Península Malaia recibiu influencias culturais hindús a partir do s I e estivo dominada polo estado budista de Srīvijaya, establecido en Sumatra, entre os ss XI e XIII e polo imperio xavanés de Madjapahit no s XIV. Cara ao s XIV un príncipe malaio fundou Malacca que se converteu no principal centro de difusión do Islam. Ocupada polos portugueses en 1511, foi conquistada polos holandeses en 1641 e pasou despois ao dominio británico entre os ss XVIII e XIX. En 1888 Sabah foi declarado protectorado británico de Borneo do Norte. Sarawak que formaba parte do Sultanato de Brunei foi cedida polo seu sultán a un inglés en 1841 que o administrou como un estado independente ata 1888, cando se converteu nun protectorado británico. Despois da ocupación xaponesa (1942-1945) constituíuse a Federación Malaia (1948), que se converteu en membro independente da Commonwealth en 1957.
Os gobernos trala independencia
En 1963 os estados de Sarawak e Sabah, ao N de Borneo e Singapur uníronse á Federación Malaia para crear Malaisia, sen embargo, as malas relacións con Singapur levaron á súa separación da confederación dous anos despois. En 1967 Malaisia, Indonesia, Filipinas, Singapur e Tailandia constituíron a Asociación das Nacións do Sur-Leste Asiático (ASEAN). En 1970 o primeiro ministro, T. Abdul Rahman dimitiu polas tensións entre a minoría chinesa e a maioría malaia, e sucedeuno T. Abdul Razak. Este ampliou o goberno, incluíu os partidos da oposición e creou o BN. En 1977 sucedeuno D. Hussein e ese mesmo ano o partido islámico panmalaio foi expulsado do BN, o que provocou novos enfrontamentos raciais, que se reproduciron no período 1978-1979.
A presidencia de Mahathir Muhammad
En 1981 accedeu á presidencia Mahathir Muhammad do BN, que foi confirmado no poder en 1986. En 1994 foi entronizado sultán Tuanku Ja’afar ibni Al-Markum, que herdou menos privilexios que os seus antecesores. As eleccións de 1995 ratificaron a Mahathir Muhammad como primeiro ministro, pero iniciouse unha loita pola presidencia desde o UMNO protagonizada por Razaleig Hamzah. A pesar da boa conxuntura da economía, cun crecemento anual do PNB dun 9,6% durante 1995, as tensións entre as comunidades malaia e chinesa non se diluíron. A crise económica do SL asiático comenzou a sentirse en xaneiro de 1998 e o goberno implantou duras medidas presupostarias para acadar o equilibrio económico. En febreiro de 1999 foi elixido sultán Salahuddin Abdul Aziz Sha para un mandato de cinco anos. Nas eleccións de 1999 o BN revalidou a maioría, mentres o PAS, integrado no BA triplicou a presenza parlamentaria e formou goberno en dous dos estados federados de Malaisia. A limitación das liberdades estendeuse cos ataques á publicación opositora Harakah. As críticas á actuación do goberno forzou a creación dunha Comisión Nacional de Dereitos Humanos en abril. A política económica do goberno, caracterizada por un estricto control dos fluxos de capital, permitiu mitigar os efectos da crise económica e non depender exclusivamente dos préstamos das institucións internacionais. En 2001, trala morte de Salahuddin, Tuanku Syed Sirajuddin converteuse en xefe de estado. Dous anos despois, Mahathir anunciou a súa retirada e produciuse un inmediato traspaso de poderes que converteu a Abdullah Ahmad Badawi no quinto xefe de estado do país.