Maldivas

Maldivas
Nome científico: [nome oficial: República de Maldives; divehi: Divehi Jumhuriyya]

Estado insular de Asia meridional, situado no Océano Índico, a uns 450 km da punta S de India (298 km2; 276.000 h [estim 2001). A súa capital é Male.
Xeografía
Arquipélago formado por uns 2.000 illotes, dos que 220 están habitados. O clima é ecuatorial, o que favorece os cultivos de coco e a produción de copra. A agricultura é bastante pobre, cultívase millo, mandioca, patacas doces, cogombros, cebolas e algunhas fibras. A pesca é a actividade máis importante, e dela proveñen case a totalidade das exportacións do país. O sector secundario redúcese á extracción de mica, ao envasado de peixe, á extracción de aceite de tiburón e á confección téxtil. A mariña mercante constitúe unha das bases do sector terciario grazas ao frete dos transportistas e ao turismo. Gracias aos ingresos dos servicios compénsase unha balanza de mercadorías onde as importacións triplican ás exportacións, que consisten basicamente en alimentos, diversas manufacturas, maquinaria e produtos petrolíferos.
Sociedade e goberno

Diversidade étnica e cultural
Os cingaleses e os árabes conforman as dúas etnias máis representativas das Maldivas. A lingua oficial é o divehi. A relixión maioritaria é a musulmá sunnita (100%).
Desenvolvemento humano
O Indicador de Desenvolvemento Humano sitúa a Maldivas entre os países cun desenvolvemento humano medio (ocupa o 77º posto cun índice do 0,739). Este indicador desagregado ofrece o seguinte balance: a esperanza de vida ao nacer é de 67 anos para os homes e de 70 para as mulleres; o índice de alfabetización de adultos é do 96,7% da pobación; o índice bruto de escolaridade é do 77%, e o PNB por habitante é de 1.200 $ EE UU.
Goberno e política
República independente de Reino Unido desde o 11 de setembro de 1968. Pola constitución de 1968 o poder executivo reside no presidente, que é, ao mesmo tempo, xefe do estado e do goberno. O poder lexislativo reside no Majlis (Parlamento) unicameral que conta con 48 membros, dos que 42 son elixidos por sufraxio directo e 8 designados polo presidente, para un mandato de 5 anos. O sistema legal baséase nas leis islámicas mesturadas coa common law británica en materia comercial. Non acepta a xurisdición da Corte Penal Internacional. Non exiten partidos políticos. Forma parte dos seguintes organismos internacionais: Commonwealth, Organización da Conferencia Islámica (OCI) e ONU.
Historia

As orixes do poboamento e os primeiros contactos
Os primeiros habitantes do arquipélago deberon chegar de Sri Lanka e o S de India antes do s V a C. Visitado polos comerciantes árabes desde o s II na súa ruta cara a Extremo Oriente, foron islamizados en 1153. Coñecido polos portugueses desde comezos do s XVI, ocuparon as illas en 1558 e pasaron a depender da colonia portuguesa de Goa. Posteriormente os portugueses foron expulsados e os holandeses situaron o arquipélago baixo a súa protección, desde as súas bases de Sri Lanka (s XVII).
O dominio británico e o proceso de independencia
Os británicos convertérono en protectorado en 1887, para controlar a ruta entre o canal de Suez e India. En 1933 estableceuse a primeira constitución e o cargo de sultán converteuse en electivo ata que en 1953 se proclamou a república, pero antes dun ano restableceuse o sultanato. Despois dalgunhas revoltas nacionalistas acadaron a independencia en 1965 e mediante un referendo aboliuse o sultanato e converteuse nunha república presidencialista con Ibrahim Nasir á fronte (1968).
As presidencias de Ibrahim Nasir e Maumoon Abdul Gayoom
O goberno de I. Nasir prolongouse unha década, e despois de destituír o primeiro ministro e abolir o cargo (1975) gobernou en solitario. O presidente I. Nasir non se presentou a reelección e sucedeuno Maumoon Abdul Gayoom, que tivo que enfrontrarse ao intento de golpe de estado de 1980. M. Abdul Gayoom foi reelixido en 1983, en 1988 e 1993 e mantivo o monopolio do poder exercendo unha política represiva contra os disidentes nun país sen liberdade de expresión nin partidos políticos no Parlamento. A política económica do arquipélago, que dependeu en boa medida do turismo e a pesca durante as décadas de 1970 e 1980, na década de 1990, atraeu o investimento estranxeiro para o establecemento de numerosas empresas téxtiles polos baixos custes da implantación da industria e da man de obra. Despois da reelección de Gayoom polo Majlis en outubro de 1998, e de novo en 2003, desenvolveuse na opinión pública o desexo dunha certa apertura da tradición islámica.
Os problemas do medio natural
A subida no nivel dos océanos está afectando profundamente aos arrecifes de coral de Maldivas e podería provocar a desaparación do arquipélago a corto prazo polo que en 1998 creouse un observatorio para seguir os cambios climáticos.