Mali

Mali
Nome científico: [nome oficial fr: Rèpublique du Mali]

Estado de África Occidental que limita ao N con Alxeria, ao L con Níxer, ao S con Burkina Faso, Costa de Marfil e Guinea e ao O con Senegal e Mauritania (1.248.574 km2; 10.700.000 h [estim 2001]). A súa capital é Bamako.
Xeografía física
O relevo de Mali pode dividirse en dous sectores ben diferenciados. Ao N sitúase unha rexión árida, practicamente deshabitada, que enlaza polo NL coa rexión granítica sahariana. Ao S álzanse uns altiplanos formados por relevos tabulares de xesos. Pódense diferenciar catro zonas climáticas: na zona setentrional o clima é desértico, cunhas precipitacións case inexistentes; na zona central rexístranse unhas precipitacións de entre 200-600 mm de media anual e unhas temperaturas suaves; na zona meridional as precipitacións sitúanse entre os 600-1.000 mm anuais; e na zona S rexístranse unhas maiores precipitacións, arredor dos 1.600 mm anuais. A rede fluvial está composta polas concas do Níxer e do Senegal. A vexetación predominante é a sabana e o bosque en galería.
Xeografía económica e humana
A economía esta dedicada principalmente á agricultura e á gandería. A agricultura produce millo, arroz, cacahuetes, algodón, mandioca e tabaco. A gandería está constituída por gando bovino, ovino, caprino, asnal, de camelos e equino. O gando vivo e a pesca fluvial constitúen as principais exportacións. A minería é un sector importante, e destacan os xacemetos de sal de xema, fosfatos, ouro e mármore. As principais industrias son as alimentarias, as téxtiles, as peleteiras e as de cemento. Os ríos Níxer e, parcialmente, o Senegal, son navegables. As principais importacións proveñen de Costa de Marfil, Francia, Alemaña e Senegal. A poboación é maioritariamente rural (70%) e concéntrase no val do Níxer.
Sociedade e goberno

Diversidade étnica e cultural
O maior grupo étnico son os bambara (36,5%), concentrado nas rexións de Bamako, Ségou e Sikasso. Tamén son importantes os grupos fulbe, (13,9%), senufo (9%), soninke (8,8%), dogón (8%), songhai (7,2%) e malinke (6,6%). Outros grupos representan o 2,8%. A lingua oficial é o francés, aínda que tamén se fala o árabe, o mandé e o bérber. A relixión musulmá é a maioritaria (90%), un 9% son fieis de relixión animistas e o 1% do cristianismo. Durante o curso 1998-1999, 958.935 alumnos asistían ás escolas primarias.
Desenvolvemento humano
O Indicador de Desenvolvemento Humano sitúao entre os países cun desenvolvemento humano baixo (153º posto cun índice do 0,378). Este indicador desagregado ofrece o seguinte balance: a esperanza de vida ao nacer é de 45 anos para os homes e de 48 para as mulleres; o índice de alfabetización de adultos é do 41,5% da pobación; o índice bruto de escolaridade é do 28%; e o PNB por habitante é de 240 $ EE UU.
Goberno e política
Foi unha antiga colonia francesa, independente desde o 22 de setembro de 1960. Segundo a Constitución aprobada en referendo o 12 de xaneiro de 1992, o poder executivo reside no presidente e xefe do estado, elixido por sufraxio directo para un período de cinco anos. O poder lexislativo reside nun parlamento unicameral, a Assemblée Nationale, que consta de 160 membros elixidos para un período de cinco anos. O sistema legal baséase no sistema legal francés xunto co dereito consuetudinario. As principais forzas políticas son as coalicións Espoir 2002, integrado por Rassemblement pour le Mali (RPM), Congres Nationale pour la Initiative Démocratie (CNID), Mouvement Patriotique pour le Renouveau (MPR), Rassemblement pour la Démocratie du Travail (RDT); e a Alliance pour la République et la Démocratie (ARD), liderada por Alliance pour la Démocratie au Mali-Parti Pan-Africain pour la Liberté, la Solidarité et la Justice (ADEMA-PASJ). Forma parte dos seguintes organismos internacionais: Comunidade Económica dos Estados de África do Oeste (CEDEAO), Organización da Conferencia Islámica (OCI), ONU, Organización da Unidade Africana (OUA) e asociado á UE.
Historia

Dos reinos de Ghana e Mali ó dominio colonial
Cara ao s III constituíuse no curso alto do río Níxer, no territorio da actual Mali, o Reino de Ghana, estado poderoso que se estendeu ata Tombouctou polo L e Bamako polo S. Os ataques dos almorábides romperon a súa unidade e provocou a súa desaparición cara a 1240, absorbido polo Reino de Mali. Dominado polos bambaras durante o s XVIII, foron rexeitados no s XIX por unha reacción dos fulbes musulmáns, que constituíron o Reino de Macina (1810-1862). En 1898 os franceses ocuparon o alto Níxer e o territorio foi integrado no Sudán francés, pero os indíxenas mantiveron a súa resistencia ata 1918. En 1945, durante o período colonial, o Rassemblement Démocratique Africain creou unha filial, a Union Suda-naise (US), que iniciou a loita pola independencia. En 1958 Mali entrou na Communauté Francaise e en 1959 federouse con Senegal. Acadou a independencia total en 1960 e o primeiro presidente, cunha política progresista e antimilitarista, foi o dirixente do US, Modibo Keita, derrocado polo exército en 1968.
O período independente
En 1974 aprobouse por referendo unha constitución que aseguraba o poder ao réxime de Moussa Traoré. En 1979 entrou en vigor a nova constitución e o réxime militar de M. Traoré creou un partido único, a Union Democratique du Peuple Malien, do que foi nomeado secretario xeral. En 1985 M. Traoré foi reelixido xefe do estado, pero en marzo de 1991 resultou derrocado por un golpe militar, liderado polo tenente coronel Amadou Toumani Touré, que constituíu un Comité de Transición de Salvación Popular e propuxo a creación dunha conferencia nacional no marco dun total multipartidismo. En xaneiro de 1992 aprobouse por referendo unha nova constitución. Nas primeiras eleccións á Asemblea Nacional,   marzo de 1992, resultou vencedora a Alliance pour la Démocratie au Mali (ADEMA) e o seu líder, Alpa Oumar Konaré, accedeu á presidencia. Este mesmo ano asináronse os Acordos de Bamako, un intento de poñer fin á rebelión dos tuaregs no N do país, pero a paz definitiva coas guerrillas tuareg e as milicias songhai non se acadou ata marzo de 1996. O goberno de Konaré seguiu unha austera política económica, aplicando os criteios do FMI, coa que acadou bos resultados. As eleccións lexislativas e presidenciais de 1997 confirmaron a Konaré como presidente, que se viu obrigado a formar un goberno de coalición con membros da oposición moderada. En xaneiro de 2000 produciuse un novo intento de golpe de estado, que forzou a entrada de militares no goberno. As eleccións presidenciais celebradas entre abril e maio de 2002, cun caótico escrutinio e sólidas sospeitas de fraude, déronlle a vitoria a Amadou Toumani Touré, con   Mohammed Ag Amani como primeiro ministro.