Malta
Estado insular de Europa, situado no centro do Mediterráneo, a uns 90 km ao S de Sicilia e a uns 290 km ao N de Libia (315,6 km2; 391.000 h [estim 2001]). A súa capital é La Valletta.
Xeografía
Está constituída por un pequeno arquipélago que comprende as illas de Malta, Gozo e Comino (Kemmuna), Cominotto e Filfla. Malta é un bloque calcario de forma tabular, cunha altitude máxima de 258 m, e sen ríos. O clima é mediterráneo e a vexetación predominante é a maquis e o mato. A agricultura ten pouca importancia e está limitada polas condicións naturais. Cultívanse cereais, patacas, hortalizas, legumes, forraxe, grana e cítricos. A gandería está representada pola cría de porcos e o gando bovino e lanar. A actividade industrial é reducida e só destaca a reparación naval, a industria electrónica, a industria téxtil, a da confección e a da construción. Desde 1980, a principal actividade económica é o turismo. Os transportes céntranse no porto de La Valletta e no aeroporto de Luga. Exporta material electrónico, téxtil, artículos tabaqueiros, patacas e flores. Importa maquinaria, produtos químicos e petroleiros, alimentos e material de transporte. A balanza de mercadorías é negativa, mentres que as de servicios e transferencias son positivas. A poboación sufriu un estancamento desde a década de 1950, aínda que o índice de natalidade se incrementou. A maior parte da poboación concéntrase na rexión de Port Intern.
Sociedade e goberno
Diversidade étnica e cultural
Os malteses representan o 95,3% da poboación, os ingleses o 1,6% e outros grupos étnicos o 3,1%. As linguas oficiais son o maltés e o inglés. A relixión católica é maioritaria (93,5%). A educación é obrigatoria entre os 5 e os 16 anos.
Desenvolvemento humano
O Indicador de Desenvolvemento Humano sitúao entre os países cun desenvolvemento humano alto (ocupa o 30º posto cun índice do 0,866). Este indicador desagregado ofrece o seguinte balance: a esperanza de vida ao nacer é de 74 anos para os homes e de 80 para as mulleres; o índice de alfabetización de adultos é do 92% da pobación; o índice bruto de escolaridade é do 80%; e o PNB por habitante é de 9.210 $ EE UU.
Goberno e política
Declarada independente de Reino Unido o 21 de setembro de 1964, proclamouse a república o 13 de decembro de 1974. Segundo a Constitución de 5 de outubro de 1998 o poder executivo reside no primeiro ministro, líder da coalición maioritaria, designado polo presidente para un período de cinco anos. O poder lexislativo está representado pola Il-Kamra tad- -Deputati/House of Representatives, parlamento unicameral que conta con 65 membros elixidos por sufraxio universal para un período de cinco anos que elixen o presidente da república. O poder xudicial está presidido pola Constitutional Court. O sistema legal baséase na common law e no código civil romano. Acepta con reservas a xurisdición do Tribunal Internacional de Xustiza. O sistema político presenta un marcado bipartidismo, integrado polo conservador Partit Nazzjonalista/Nationalist Party (PN) e o socialdemócrata Partit tal-Haddiema/Malta Labour Party (MLP). Existe unha terceira forza, a ecoloxista Alternattiva Demokratika/Democratic Alternative (AD). Forma parte dos seguintes organismos internacionais: Commonwealth, Consello de Europa, EBDR, ONU, OSCE e UE.
Historia
Das orixes ao dominio aragonés
Integrada no imperio comercial fenicio, entre os ss XVIII e IX a C, foi ocupada consecutivamente por Cartago e Roma (218 a C), polos vándalos (454), polos ostrogodos (494), polos bizantinos (533), polo Emirato de Kairouan cara a 870 e por Roger de Sicilia (1091). Pasou ao poder de Carlos II de Anjou en 1266 e, posteriormente, o reino siciliano pasou a mans de Pedro II de Aragón (1282). En 1283 Carlos I de Nápoles tentou empregar a illa como base para recuperar Sicilia, pero foi derrotado por Roger de Lloria na Batalla de Malta. Pasou a mans de Federico, irmán de Xaime II de Aragón, en 1296, xunto coa illa de Gozo. Xoana I de Nápoles tentou conseguir a posesión de Malta e Gozo, e cedeullas como feudo ao florentino Niccolo Acciaiuoli. En 1409, á morte de Martiño o Novo, o seu herdeiro, Martiño I de Aragón o Humano, recuperou ambas as dúas illas. En 1522 Carlos V cedeu o arquipélago maltés á orde do Hospital. A capital foi amurallada por Parisot de La Valette (1557-1568) e amosou o seu valor estratéxico fronte a expansión turca, resistindo os seus ataques en 1565. Os cabaleiros da orde do Hospital, que pasaron a denominarse de Malta, mantiveron o seu dominio sobre estas illas ata que en 1798 foron ocupadas por Napoleón.
O control de Reino Unido e os gobernos laboristas
Conquistada por Reino Unido en 1800, os seus habitantes recibiron a nacionalidade británica en 1813. En 1921 aprobouse unha constitución que lles outorgaba certa autonomía. Durante a Segunda Guerra Mundial foi unha destacada base aliada. En 1947 aprobouse unha nova constitución que lle outorgaba un goberno autónomo, suprimido polos británicos en 1958. En 1961 aprobouse unha nova constitución e acadou a independencia en 1964 despois dun referendo. En 1971 o MLP gañou as eleccións, e o seu líder, Don Mintoff, converteuse en primeiro ministro. En 1974 aprobouse unha nova constitución, que converteu a illa nunha república. Trala prescrición dos acordos con Reino Unido (1979), este abandonou a súa base militar. En 1981 Malta asinou acordos con Italia, URSS e Libia para garantir a súa neutralidade. O MLP volveu gañar nas eleccións de 1981 e 1984. Don Mintoff renunciou ao seu cargo de primeiro ministro e foi substituído por Karmenu Mifsud Bonnici.
O longo proceso de integración na UE
Nas seguintes eleccións (1987) foi elixido primeiro ministro Edward Fenech-Adami, líder do PN, que presentou unha solicitude de adhesión á Unión Europea (UE) en xuño de 1990. O presidente Vicent Tabone, que fora elixido en 1989, foi sucedido por U. M. Bonnici nas presidenciais de 1994. Malia o ditame favorable emitido pola Comisión Europea en xuño de 1993, a vitoria de Alfred Sant (MLP) nas eleccións xerais de 1996, contrario ao ingreso na UE, provocou a conxelación da solicitude de adhesión e en febreiro de 1998 estableceuse un novo marco para as relacións coa UE. As tensións no seo do MLP orixinaron a convocatoria de eleccións xerais anticipadas o 5 de setembro de 1998 onde venceu o PN, que relanzou a solicitude de adhesión. Desde o goberno maltés aprobouse un programa de reestruturación industrial, que incluía importantes privatizacións, para mellorar o nivel competitivo nalgúns sectores da industria, orientada principalmente cara ao consumo interior e para a súa adhesión á UE. O 9 de marzo de 2003, despois dun referendo, a cidadanía aprobou a entrada de Malta na Unión Europea cun 53,6% de votos a favor, entrada que se produciu o 1 de maio de 2004.