manatí
Mamífero mariño, pertencente ao xenero Trichechus, da orde dos sirenios, de ata 3,60 m de lonxitude e 500 kg de peso. Presenta un corpo grande e fusiforme, cabeza pequena, en comparación co resto do corpo, e a boca co labio superior grande e partido, o que permite que o lado dereito se mova de maneira independente ao lado esquerdo, e facilita o movemento do alimento. Non ten pescozo e presenta a aleta caudal redondeada, que lle serve para impulsarse, e as extremidades anteriores flexibles e modificadas en aletas, que emprega como timón mentres nada. Son xeralmente animais solitarios que forman pequenos grupos durante a época de apareamento. Aliméntanse de plantas acuáticas, sendo os únicos mamíferos mariños herbívoros, e nadan con facilidade a profundidades entre 1 e 3 m en augas doces ou salgadas, cunha temperatura entre os 16-26°C. Ao igual que resto dos mamíferos posúen respiración pulmonar, polo que teñen que emerxer á superficie para tomar aire. Alcanzan a madurez sexual aos 10 anos e poden chegar a vivir ao redor de 70. Viven nas costas e nas desembocaduras dos ríos en augas tropicais e subtropicais. Existen tres especies de manatís: Trichechus inunguis (manatí do Amazonas), Trichechus senegalensis (manatí de África occidental) e Trichechus manatus, que a súa vez se subdivide en dúas subespecies T.m. latirostri (manatí de Florida) e T.m. manatus (manatí antillano).