Manzaneda

Manzaneda


Concello da comarca de Terra de Trives, situado na provincia de Ourense no SL da Comunidade Autónoma de Galicia, situado a 42° 18’ 20’’ de latitude N e 7° 14’ de lonxitude O. Limita ao N coa Pobra de Trives (Terra de Trives), Quiroga (Quiroga) e Larouco (Valdeorras), ao L co Bolo (Valdeorras), aoó S con Viana do Bolo e Vilariño de Conso (ambos os dous en Viana), e ao O con Chandrexa de Queixa (Terra de Trives). Abrangue una superficie de 114,6 km2cunha poboación de 1.069 h (2007), distribuída nas parroquias de Cernado, Cesuris, Manzaneda, Paradela, Placín, Reigada, Requeixo, San Martiño de Manzaneda, San Miguel de Bidueira e Soutipedre. A capital é o lugar de Manzaneda, na parroquia de San Martiño de Manzaneda, situada a 186 km de Santiago de Compostela e a 83 km de Ourense. Está adscrito á diocese de Astorga e ao partido xudicial de Pobra de Trives.
Xeografía física
Situado en pleno macizo central ourensán, o seu relevo divídese claramente en tres franxas lonxitudinais de anchura variable e de orientación aproximada NO--SL. A máis occidental coincide cos cumios da serra da Queixa, cunha altitude media entre 1.300 e 1.600 m, onde as principais elevacións son Cabeza Grande de Manzaneda (1.782 m), o alto dos Tuleiros (1.724 m) e Sistil (1.688 m), que se corresponden cun domo granítico rexuvenecido como consecuencia da Oroxenia Alpina. A segunda franxa correspóndese cun estreito territorio de transición que ocupa o centro do concello, cunha altitude media entre os 800 e os 1.200 m, en que destacan o Centura (1.045 m) e Lombo (886 m). Esta franxa está afectada pola acción fluvial que se desencadea nunha sucesión de vales e divisorias cunha orientación SO-NL e O-L. A terceira franxa esténdese polo oriente do concello, cunha altitude media entre os 500 e os 700 m, que se corresponde coa ribeira do río Bibei, e que se caracteriza polas acusadas pendentes. O concello de Manzaneda está en pleno dominio climático oceánico de montaña. A altitude e o alonxamento do mar condiciona o clima, que fai que as condicións climáticas sexan moi rigorosas a excepción do val do río Bibei. A temperatura media anual é de 11,1°C, a media de xaneiro é de 4,6°C e a de xullo de 19,7°C. A amplitude térmica extrema chega aos 26,5°C e a precipitación media anual é de 1.004 mm, cunha distribución estacional que se caracteriza pola contraposición entre un inverno chuvioso, cun 37% das precipitacións, e unha notable seca estival, cun 11%. Os rexistros intermedios rexístranse en outono, cun 28%, e primavera, cun 24%. A rede fluvial artéllase a partir do río Bibei, que discorre profundamente encaixado e serve de límite oriental do concello, a onde van desembocar unha serie de pequenos regatos que drenan o seu territorio. Os máis setentrionais, o río de San Lázaro e o rego de Tintín, seguen unha dirección SO-NL, mentres que os meridionais, os ríos San Miguel e Cernado, van de O a L. Por último, no concello sitúase a cabeceira do río Cenza, que desauga no río Conso. A vexetación natural caracterízase pola graduación altitudinal, contando con especies propias de condicións mediterráneas no fondo do val do Bibei (aciñeiras, sobreiras), outras de características plenamente atlánticas nas bocarribeiras e espazos de transición cara a montaña (carballos cerquiños, castiñeiros, bidueiras), para dominar especies adaptadas a situacións climáticas máis rigorosas nas terras máis altas (grandes superficies de mato, bidueiras, algunhas plantacións de coníferas).
Xeografía humana
A evolución demográfica do concello ao longo do s XX responde a dúas fases ben marcadas. Unha primeira vai desde principios de século ata 1960, de evolución irregular, e alterna decenios de crecemento con outros de retroceso demográfico; e unha segunda, a partir de 1960, en que se produce unha intensa perda de poboación. Entre 1900 e 1910 prodúcese un débil incremento da súa poboación (un 0,43% interanual), frenado polo leve retroceso vivido entre 1910 e 1920 (un -0,17% interanual). A poboación volve recuperarse entre 1920 e 1930 (acada un 1,08% de incremento interanual), momento en que alcanza o seu máximo demográfico. Entre 1930 e 1950 entra nun novo declive demográfico perdendo habitantes a un ritmo do -0,68% interanual, para recuperarse en parte entre 1950 e 1960 cando crece un 0,48% cada ano. A partir de 1960 sofre unha intensa e continua perda de poboación, podendo diferenciar o período comprendido entre 1960 e 1981, en que perde habitantes a razón dun -1,99% cada ano; do que se estende entre 1981 e 2001, en que se amortece o seu retroceso demográfico ata un -1,69% interanual. Entre 2001 e 2007 o descenso foi do -10,76%. Esta debilidade demográfica é propia dun concello de montaña, cunha actividade económica moi débil e lonxe dos principais centros económicos de Galicia. A emigración, especialmente na segunda metade do s XX, provocou no concello unha decadencia demográfica moi acusada, dirixíndose gran parte da súa poboación ás rexións españolas máis industrializadas, ás principais cidades galegas e á de Valdeorras. En 2006 o crecemento natural foi negativo (-15,1 ‰) a causa dunha baixa natalidade (3,6 ‰) e unha moi elevada mortalidade (18,7 ‰). Unha segunda consecuencia é o notable avellentamento da poboación, representando os menores de 20 anos tan só o 8,5% e os maiores de 65 anos o 41,3%; o grupo intermedio representa o 50,1%. A distribución da poboación por sexos mostra un equilibrio pois os homes representan o 50,14% fronte ao 49,86% de homes.
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do concello de Manzaneda é do 37,1% (49,1% a masculina e 24,3% a feminina); a taxa de ocupación é do 30,3% (38% a masculina e 22% a feminina) e a taxa de paro é do 18,4% (22,5% a masculina e 9,5% a feminina). A agricultura, a pesar de só ocupar ao 3,7% da poboación, é unha actividade con forte presenza na economía do concello. O seu relevo accidentado contribúe a que tan só estea cultivado o 7,64% do seu territorio, dos que destacan os cultivos forraxeiros, o viñedo e o centeo, recorrendo tradicionalmente aos bancais para ampliar a superficie cultivada. Os prados e pastos ocupan unha superficie superior, un 38,30%, onde pastorean o sector ovino, pois o gando vacún tan só está destinado á producción de carne. O porcino, fóra das explotacións familiares, tampouco ten relevancia. A industria dá traballo a un 16,4% da poboación ocupada, empregada en empresas doutros concellos veciños ou nos escasos talleres no concello. A construcción é a segunda actividade en número de ocupados 23,8%, aínda que a principal actividade económica son os servicios, cun 49,5% da poboación ocupada, basicamente en negocios sitos noutros concellos. A principal vía de comunicación é a estrada local que une Pobra de Trives con Vilariño de Conso, da que parten ramais que comunican as distintas parroquias do concello.
Historia
No Antigo Réxime o territorio formou a xurisdición de Manzaneda de Trives, baixo o señorío do conde de Ribadavia, compartido en Bidueira co mosteiro de Carracedo. A proclamación da Constitución de 1812 supuxo a abolición do réxime señorial e a súa substitución por unha administración municipal do territorio, que se concretou na creación dos concellos de Manzaneda, Cesuris e Bidueira, os dous primeiros do partido xudicial de Castro Caldelas e o terceiro do de Viana do Bolo. A derrogación da Constitución asinada polo Rei Fernando VIII en novembro de 1823 supuxo a supresión destes concellos e a restauración do réxime señorial. A recuperación do municipalismo produciuse en 1835. Ao longo deste tempo pertenceu sempre ao partido xudicial da Pobra de Trives e a única variación nos seus límites foi a segregación das parroquias de Placín e Requeixo, antes da parroquia de San Miguel de Bidueira.
Patrimonio cultural>
Da arquitectura relixiosa destacan as igrexas de Santa María de Cesuris (s XII) e San Miguel de Bidueira (s XVIII), a antiga fortaleza medieval de Manzaneda, declarada Ben de Interese Turístico en 1994, e o pazo de casa da Pena (s XVIII). Pola súa orografía o máis destacable é o seu aproveitamento para as actividades deportivas e de lecer, como a práctica do esquí en inverno xa que posúe a única estación de esquí de Galicia situada en Cabeza de Manzaneda. No encoro de San Miguel pódese practicar a pesca fluvial. Do seu patrimonio natural destacan o Parque Natural do Invernadeiro, e os espazos do Macizo Central e Pena Trevinca, declarados Lugaes de Importancia Comunitaria (LIC) en 2001. Entre as festas que se celebran destaca a patronal de Nosa Señora das Neves en agosto, o Campeonato Nacional de Bandas de Gaitas, no verán, e o Entroido coa saída dos folións.

Datos de poboación (2007)

Provincia OURENSE
Comarca Terra de Trives
Extensión 114 Km2
Poboación Total 1069 h
Poboación Homes 536 h
Poboación Mulleres 533 h
Densidade de poboación 9.38 h/Km2
GoogleMaps :
Mapa : Mapa xeral
Mapa : Mapa xeral 2
Mapa : Mapa parroquias