mapa

mapa

(< lat mappa)

  1. s m [XEOG]

    Representación gráfica plana da superficie da Terra ou de parte dela, atendendo a unha escala e a unha proxección determinada. A elaboración de mapas é obxecto da cartografía, e está orientada cara a xeografía e a navegación mariña e aérea. Os mapas elabóranse a escala para resolver os problemas de dimensións. Poden ser a grande escala, entre 1:200.000 e 1:10.000, empregados en grandes coberturas; a mediana escala, entre 1:200.000 e 1:1.000.000; e a pequena escala, de 1:1.000.000, que representan conxuntos de países, estados e continentes. A complexidade da realidade que pretende representar fai que todo mapa leve unha lenda que simplifique os datos mediante a selección da información e o emprego de símbolos convencionais. Segundo o que representen, distínguese entre mapas topográficos, que plasman a estrutura físico-política da Terra, e mapas temáticos, que representan aspectos monográficos, como mapas xeolóxicos, climáticos ou demográficos.

  2. mapa de predeterminación [BIOL]

    Diagrama no que se indica o futuro destino de cada unha das partes do embrión.

  3. mapa mudo [XEOG]

    Mapa sen lenda.

  4. mapa xenético [XEN]

    Diagrama que representa a posición dun xene no cromosoma. O mapa cromosómico constrúese a partir das frecuencias de entrecruzamento e da observación das aberracións cromosómicas. Canto maior é a frecuencia, máis próximos están os xenes, e viceversa. A unidade de distancia denomínase morgan. OBS: Tamén se denomina mapa cromosómico.