marfil

marfil

(< ár ‘aẓm alfíl ‘dente de elefante’)

  1. s m [ANAT]

    Substancia dura que forma a parte principal dos dentes dos vertebrados. Quimicamente está composta por fosfato cálcico e materia orgánica, principalmente coláxeno e pequenas cantidades de elastina. Está atravesada por pequenas canles polas que pasan as fibras nerviosas, os capilares sanguíneos e as prolongacións das células formadoras de dentina. Envolve a polpa dental e vai cuberta polo esmalte na coroa e polo cemento na raíz.

    Sinónimos: almafí.
  2. s m [ZOOL/HIST/ARTE]

    Material que forma parte dos cornos, cabeiros ou incisivos de certos animais, especialmente do elefante ou do rinoceronte. Fácil de traballar e de puír, empregouse para facer bólas de billar, peites, teclas do piano, pezas de marquetería e numerosos obxectos esculpidos. A arte de tallar o marfil comezou no Paleolítico Superior (Venus de Lespugue). Durante a Antigüidade usouse para revestir mobles, muros e, sobre todo, en esculturas e tallas. No antigo Exipto usouse en obxectos de toucador e adornos persoais. As pezas máis coñecidas da Grecia clásica son as estatuas colosais, de ascendencia exipcia, que se realizan con placas de marfil sobre unha carcasa de madeira, coñecidas como estatuaria criselefantina e da que destacan o Zeus de Olimpia e a Atenea Partenos de Fidias. Das mostras romanas destaca a cadeira curul de Maximiano de Ravenna. Durante a Idade Media o seu traballo tivo máis difusión en obxectos menores como imaxes, xogos e vestimentas diversas. No Renacemento os crucifixos e as imaxes relixiosas alternaron con personaxes nobres e guerreiros. No s XVII entrou a formar parte dos mobles, en forma de pilastras e balaústres, en ornamentación lisa, de placas gravadas, e na talla de marquetería. No s XVIII creáronse pequenas esculturas, tanto durante o rococó como no neoclasicismo. No s XIX, por influencia da arte negra, empregouse moito en xoiería. En India e en Extremo Oriente cultivouse desde antigo. En China destacaron os marfís da dinastía Qing (ss XVII-XIX), que procedían de Pequín e Cantón. En África tivo dous centros importantes: Benin e Congo.

  3. adx e s m

    Aplícase á cor que vai do branco ao amarelo.

    Ex: O vestido era de cor marfil. Non sabe se pintar a sala de marfil ou branco.

  4. marfil vexetal [BOT]

    Endosperma moi duro das sementes da especie Phytelephas macrocarpa que se emprega para fabricar botóns.