Maryland

Maryland

Estado de EE UU, situado na costa S do Océano Atlántico (27.092 km2; 5.296.486 h [2000]). A capital é Annapolis (35.838 h [2000]). Está dividido en dúas partes pola baía de Chesapeake, á beira dunha longa franxa costeira. O clima é temperado húmido. A cidade máis importante é Baltimore. Destacan os cultivos de tabaco, cereais e froiteiras. Posúe industrias siderometalúrxicas, alimentarias e de fabricación de fibras sintéticas. Descuberto por Giovanni Caboto (1498) e explorado o interior por Bartholomew Gilbert (1603), Carlos I de Inglaterra outorgou o territorio a George Calvert, primeiro barón de Baltimore, en 1632. O fillo deste, Cecilius, púxolle o nome de Maryland en honor da Raíña Enriqueta María de Francia. En 1655 o goberno pasou a mans dos puritanos, o que ocasionou longas loitas cos católicos. En 1776 foi un dos trece estados que se independizaron de Inglaterra. Durante a Guerra de Secesión (1861-1865) mantívose fiel á Unión, pese á forza que tiñan nel os escravistas.

Palabras veciñas

marxista-leninista | Mary | Maryland | Maryland | marza | Marzá | Marzá, mestre de