Maside
Concello da comarca do Carballiño, situado na provincia de Ourense no S da Comunidade Autónoma de Galicia, a 42° 24’ 30” de latitude N e 8° 01’ 30” O. Limita ao N co Carballiño e San Cristovo de Cea (O Carballiño), ao L con San Cristovo de Cea (O Carballiño) e Amoeiro (Ourense), ao S con Punxín e San Amaro (O Carballiño), e ao O co Carballiño. Abrangue unha superficie de 40 km 2 cunha poboación de 3.056 h (2007), distribuída nas parroquias de Amarante, Armeses, Garabás, O Lago, Louredo, Maside, Piñeiro, Rañestres e Santa Comba do Trevoedo. A capital está no lugar de Maside, na parroquia homónima, situada a 99 km de Santiago de Compostela e a 25 km de Ourense. Está adscrito á diocese de Ourense, e ao partido xudicial do Carballiño.
Xeografía física
A totalidade do concello está integrada nos Chaos de Amoeiro, penechaira levemente inclinada en sentido NL-SO, que marca a transición entre as depresións de Ourense e O Ribeiro coa Dorsal Occidental Galega. A altitude media está comprendida entre os 400 e os 500 m, e o seu relevo só está interrompido pola acción erosiva dos cursos fluviais que o atravesan, sendo os materiais dominantes granitos e granodioritas. As elevacións máis destacadas son Bolo (542 m) e o monte Penedo (473 m). O concello de Maside está nun dominio climático oceánico de transición, situado entre o val do Miño e as serras da Dorsal Occidental Galega, conta cunhas condicións térmicas suaves e unhas precipitacións bastante moderadas. A temperatura media anual é de 12,4°C, cunha media en xaneiro de 5,9°C e de 19,9°C en xullo. A precipitación media anual é de 1.117 mm, cunha distribución estacional caracterizada pola aridez estival, co 9% das precipitacións, fronte ás abondosas precipitacións do inverno, cun 36%; nunha situación intermedia queda a primavera, co 28%, e o outono, co 27%. A hidrografía do concello está dominada pola conca dos ríos Barbantes e Varón, a primeira verte ao Miño, drenando a parte central e oriental do concello; a conca do río Varón, tributaria do río Avia, só drena o extremo occidental. As plantacións masivas de piñeiros efectuadas nas décadas posteriores á Guerra Civil Española reduciron espectacularmente as vexetación natural, tanto arbórea como arbustiva, convertendo o territorio non dedicado a cultivos, nun gran piñeiral, a pesar da gran cantidade de incendios moi frecuentes.
Xeografía humana
A poboación era en 2001 a metade da de 1900. Desde principios do s XX ata 1920 a poboación do concello perdeu habitantes a razón dun -0,43% interanual. Entre 1920 e 1930 a poboación permaneceu estancada, cun 0,14% de crecemento interanual, antes da forte recuperación do período comprendido entre 1930 e 1940, cun 1,18% de crecemento interanual. A partir de 1940 a emigración, primeiro cara a América e logo cara ás rexións industriais españolas e cara a Ourense, Vigo e O Carballiño, minguaron os seus efectivos demográficos entre 1940 e 1970, cun -1,08% de crecemento interanual, e entre 1980 e 1991, cun -2,14% interanual. Esta perda demográfica só se viu freada en dous momentos concretos, primeiro entre 1970 e 1981 cando as correntes de retorno conseguiron inverter a tendencia, cun crecemento interanual do 0,23%, e entre 1991 e 2001, momento en que case desapareceu a emigración e o movemento natural pasou a ser o principal factor de reducción da súa poboación (neste momento as perdas demográficas foron dun -0,90% interanual). Entre o censo de 2001 e o padrón de 2007 a poboación descendeu nun 6,05%. En 2006 o crecemento natural foi negativo (-12‰), froito dunha natalidade moi baixa (3,8‰) e unha moi elevada mortalidade (15,8‰) que anuncia o avellentamento da poboación. Os menores de 20 anos representan o 10,3% fronte aos maiores de 65 anos que son o 34,3%;o grupo intermedio representa o 55,4%. O reparto por sexos está desequilibrado a prol das mulleres, que representan o 52,61% fronte ao 47,38%.
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do concello de Maside é do 40,3% (51% a masculina e 31% a feminina); a taxa de ocupación é do 35,9% (46,4% a masculina e 26,9% a feminina) e a taxa de paro é do 10,8% (9,2% a masculina e 13,1% a feminina) . A agricultura aínda segue a ter un importante peso na economía, alcanzando o 22% da man de obra, aínda que segue a estar baseada en pequenas explotacións. A superficie cultivada esténdese sobre o 12% da superficie cultivada, condicionada pola grande extensión dos usos forestais. Os principais cultivos son o millo (33,33%), a pataca (20,83%) e o viñedo (16,46%). A superficie dedicada a prados e pastos é igualmente limitada, cun 10,83%, e tributaria dunha escasa gandería vacúa, fundamentalmente destinada a carne, mentres que a explotación en granxas do gando porcino acada gran relevancia, impulsada pola empresa COREN. A industria conta cunha presencia modesta, dá traballo ao 18% da man de obra, con empregos usualmente situados en Ourense ou no Carballiño, ao estar moi limitada a actividade industrial do concello. A construcción, que dá traballo ao 18% dos ocupados, está igualmente condicionada polas necesidades da edificación de Ourense e do Carballiño. O principal sector son os servicios, cun 42% da man de obra. Tivo tradicionalmente un importante comercio por xunto de xamóns, asentado no lugar de Dacón. En 2001 os servicios cos que conta o concello radican na vila de Maside e, secundariamente, en Dacón e gran parte dos ocupados no sector traballan no Carballiño ou en Ourense. A principal vía de comunicación é a estrada N-541, que une Ourense con Pontevedra, e outras estradas locais.
Historia
Os primeiros restos arqueolóxicos achados no territorio datan de época castrexa, como os castros de Piñeiro e da Circa, en Piñeiro; o monte do Castro, en Maside, e o de Listanco, en Armeses. De época romana consérvanse restos dunha explotación mineira no Lago, onde se atoparon numerosas cerámicas. A inundación deste xacemento deu lugar á formación dun lago no seu emprazamento. Durante o medievo estas terras foron un importante lugar de paso ao verse atravesadas polo Camiño Real que unía Ourense e Pontevedra. O camiño iniciouse no s XIII e coñeceu sucesivas melloras. A coroa situou na vila un contador encargado da custodia, conta e entrega dos décimos, que Afonso IX doou para a igrexa de Santa María de Melón. O Camiño Real desempeñou un papel clave para o desenvolvemento da vila e supuxo un enlace fundamental co resto do territorio. Durante o Antigo Réxime as súas parroquias repartíanse entre as xurisdicións de Garabás, señorío da encomenda de San Marcos de León; Maside, señorío do conde de Ribadavia, e o couto redondo de Louredo, señorío do mosteiro de San Salvador de Celanova. En 1816 o concello figuraba como cabeza de partido, como se constata nun documento gardado na catedral de Ourense onde aparece como cabeza da xurisdición do señorío do conde de Ribadavia. Coa proclamación da Constitución de 1812 aboliuse o réxime señorial e implantouse a división municipal do territorio que se concretou na creación dos concellos constitucionais de Garabás, Maside e Santa Comba ou Trevoedo, pertencentes ao partido xudicial do Carballiño, na provincia de Ourense. Pero a derrogación da Constitución por parte de Fernando VII en 1823 supuxo a supresión destes concellos e a restauración do réxime señorial. En 1835 produciuse a definitiva instauración da municipalidade, que supuxo a reducción dos tres concellos anteriores aos concellos de Garabás e Maside. O concello de Garabás, coas parroquias de Garabás e Louredo, incorporouse en 1841 ao de Maside, que en 1870 sufriu a segregación das parroquias de Punxín, Barbantes e Ourantes, que pasaron a formar o concello de Punxín.
Patrimonio cultural>
Ademais dos restos arqueolóxicos mencionados, no campo da arquitectura relixiosa destacan as igrexas parroquiais románicas de San Tomé de Maside a Vella (s XIII), a de San Pedro de Garabás (s XIII), a de Santa María de Louredo (s XIII) e a de Santa Comba do Trevoedo (s XIV), a barroca de San Miguel de Armeses (s XVIII) e a igrexa de San Tomé de Maside a Nova (s XX). Da arquitectura civil destacan a ponte San Fiz e o pazo de Listanco (s XIX), en Armeses; o pazo das Condomas (s XVII), en Maside; a casa grande de Maside e a casa do concello (s XIX), cun reloxo que pertenceu ao mosteiro de Santa María de Oseira ata a desamortización. Da arquitectura popular destacan os numerosos cruceiros, como o de san Tomé, o hórreo de Listanco e petos de ánimas distribuídos por todo o concello. Destacan as festas de Santa Rita, en maio, en Dacón e Armeses; San Vitorio, en agosto, en Maside; as romarías de San Pantaleón, en Garabás, e do Bo Xesús, en Santa Comba do Trevoedo, e a festa do cabalo, en setembro.
Datos de poboación (2007)
| Provincia | OURENSE |
|---|---|
| Comarca | Carballiño, O |
| Extensión | 40 Km2 |
| Poboación Total | 3056 h |
| Poboación Homes | 1448 h |
| Poboación Mulleres | 1608 h |
| Densidade de poboación | 76.4 h/Km2 |