Mazaricos

Mazaricos


Concello da comarca de Xallas, situado no O da Comunidade Autónoma de Galicia, ao SO da provincia da Coruña, e situado a 42° 56’ de latitude N e 8° 58’ de lonxitude O. Limita ao N cos concellos de Vimianzo, Zas (Terra de Soneira), Santa Comba (Xallas) e Dumbría (Fisterra), ao L cos de Negreira (A Barcala) e Outes (Noia), ao S cos de Outes (Noia), Carnota e Muros (Muros) e ao O co de Dumbría (Fisterra). Abrangue unha superficie de 187,3 km 2 nos que acolle unha poboación de 5.170 h (2007), distribuída nas parroquias de Alborés, Antes, Arcos, Beba, Chacín, Coiro, Colúns, Corzón, As Maroñas, Mazaricos, San Fins de Eirón e Os Vaos. A súa capital é o lugar da Picota, na parroquia de Mazaricos, situada a 124 km da cidade da Coruña e a 55 km de Santiago de Compostela. Está adscrito á arquidiocese de Santiago de Compostela e á ao partido xudicial de Muros.
Xeografía física
Mazaricos localízase nunha área prelitoral que pertence ao chanzo que desde a Dorsal Occidental Galega baixa cara á costa. O relevo é diversificado e a altitude media sitúase entre os 300 e 400 metros. A súa superficie está constituída por unha penechaira pechada no seu extremo occidental por un bloque elevado en que se sitúan os montes da Ruña e a serra de Guián, con cumes que poden chegar ata os 600 m e nos que se encaixan os cursos fluviais. Estas elevacións prolónganse cara ao S ata o macizo do Pindo, que separa Mazaricos da enseada de Carnota e do mar. Climaticamente, o concello pertence ao dominio oceánico húmido con temperaturas máis contrastadas que na costa, sendo a media anual de 14°C, e o accidentado da topografía permite variacións climáticas a nivel local. A oscilación térmica é de 10°C, pois a disposición do relevo permite a acción temperizadora do mar. As precipitacións son cuantiosas, cunha media anual de 2.000 mm, debido ás influencias dos ventos húmidos do SO e a elevación de altitude con respecto á costa. No verán prodúcese un déficit hídrico desde xuño ata setembro e no inverno teñen lugar algúns días de xeada. Os principais vales están formados polo río Xallas e os seus afluentes (Arcos, Beba, Mazaricos e Pedroso) que conforman unha extensa rede hidrográfica, e que producen unha plataforma estrutural constituída por depósitos aluviais. No sector oriental destaca o río Santabaia que verte as súas augas na ría de Noia e completa esta rede fluvial o encoro da Fervenza e as represas de Ponte Olveira e Castrelo, todas elas no río Xallas. O espazo forestal ocupa unha parte importante do territorio, a maior parte, tanto nos vales como nas áreas elevadas, formado por especies de repoboación, destacando os piñeiros e os eucaliptos que dominan claramente a vexetación natural de Mazaricos. As especies autóctonas, carballos e castiñeiros redúcense a exemplares illados, nas vertentes dos cursos fluviais desenvólvese a vexetación ripícola, mentres que as xestas e as toxeiras se estenden polos montes.
Xeografía humana
Ao longo do s XX viviu unha evolución demográfica oscilante entre períodos de ascenso poboacional e fortes perdas de poboación, así desde 1900 e ata a Guerra Civil a poboación medrou de forma constante como produto dunha alta natalidade que coincide co descenso da mortalidade a causa das melloras sanitarias. Aínda que Mazaricos sempre foi terra de emigración, dirixida neste período cara aos países de América Latina, a expansión demográfica permitiu manter un crecemento sostido do número total de habitantes. Cando coa guerra e a inmediata posguerra se pecharon as fronteiras, o concello experimentou a maior subida da súa poboación, de tal forma que o máximo histórico se alcanzou no censo de 1960 con 7.920 h. A posta en marcha da segunda corrente emigratoria do rural galego durante as décadas de 1960 e 1970 cambiou completamente a dinámica demográfica, que se dirixiu principalmente cara a Suíza, e produciuse unha baixa do 10,32%. Este éxodo rural relativizouse desde a crise enerxética de 1970 que provocou a fin da emigración masiva cara a Europa. Entre 1981 e 1991 o concello coñeceu un ascenso demográfico debido ao retorno dalgúns dos emigrantes, pero este proceso finalizou, e en 2001, a poboación permaneceu estancada e con tendencia a descender polo seu crecente avellentamento e pola caída da natalidade; feito que se constatou nos anos seguintes ata cifrase no padrón de 2007 en 5.170 h. En 2006 o crecemento natural foi negativo (-9,8‰) froito dunha baixa natalidade (3,9‰) e unha alta mortalidade (13,7‰). A poboación ata os 20 anos supón o 12,8%, mentres que os maiores de 65 anos representan o 27,5%; o grupo intermedio representa o 59,7%. A distribución por sexos é a prol das mulleres, que constitúen o 52,13% da poboación fronte ao 47,86%. Os habitantes dispersanse polas numerosas aldeas que conforman as súas parroquias, sen que exista ningún núcleo urbano. Predominan as vivendas familiares, e tanto as segundas residencias como as vivendas sen habitar representan unha porcentaxe pouco significativa.
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do concello de Mazaricos é do 48,7% (58,1% a masculina e 40,,3% a feminina); a taxa de ocupación é do 40,4% (49% a masculina e 32,7% a feminina). A distribución da poboación activa por subsectores económicos reflicte a importancia do sector primario, que emprega o 36,7% da poboación ocupada, mentres que o secundario representa o 32%, predominantemente empregados no sector da construcción, e o terciario o 31,3%. A economía baséase no sector agropecuario, en concreto, na explotación do gando vacún para a producción de leite, ao redor da que xiran as estratexias de aproveitamento da terra e a disposición de recursos humanos. No concello atópase unha alta proporción de áreas de cultivos que a pesar de seguir a ser explotacións de tamaño reducido, téndese a eliminar as máis pequenas e a aumentar o número das máis grandes coa implantación da concentración parcelaria. A mecanización, a tecnificación e a adopción de métodos modernos para a cría e a producción do leite fixeron da gandería unha actividade intensiva e altamente cualificada, que se completou coa explotación forestal, destinada á obtención de madeira. A especialización agropecuaria do concello non permitiu que se desenvolvese de xeito relevante ningún outro sector. O secundario céntrase na construcción e as manufacturas redúcense a pequenos talleres e fábricas dedicadas a materiais de construcción, mentres que o terciario, tan só se centra en servicios de atención primaria tanto no comercio como na sanidade, na educación, na administración ou nas entidades bancarias. O concello entra dentro das áreas de dependencia terciaria da vila de Santa Comba e, en menor medida, de Negreira e da Serra de Outes. A rede de comunicación está conformada por estradas locais que comunican as aldeas e parroquias entre si. A principal é a que vai de Serra de Outes a Dumbría, que atravesa o concello e se cruza no Pino de Val coa que vai de Coristanco a Muros.
Historia
Os diversos restos arqueolóxicos atopados sitúan o primeiro poboamento de Mazaricos en época megalítica. De época castrexa acháronse varios asentamentos, como o castro de Monte do Aro (Mazaricos), que foron habitados durante a romanización. Da Idade Media consérvase a documentación que refire as doazóns feitas, entre outros, polo conde Alvito (s IX). En 1808 os veciños do concello loitaron contra os franceses na ponte Olveira (Corzón), á beira do río Xallas, pero foron vencidos polas tropas napoleónicas e os dirixentes veciñais foron decapitados no lugar da Picota (Mazaricos). Durante o Antigo Réxime as parroquias do concello repartíanse entre as xurisdicións de Muros, señorío do arcebispo de Santiago de Compostela, e Serra, ambas as dúas da provincia de Santiago de Compostela. Co establecemento da administración municipal no s XIX creáronse os concellos de Colúns e de Eirón, que pertencen ao partido xudicial de Outes. Coa división municipal de 1835, o concello de San Xoán de Mazaricos pasou a pertencer ao partido xudicial de Muros, despois a parroquia de Entíns incorporouse á de Chacín, e desde entón non se produciron máis variacións nos límites territoriais do concello.
Patrimonio cultural>
Ademais dos restos arqueolóxicos mencionados, dos que destaca o dolmen Mina da Parxubeira, sobresaen no campo da arquitectura relixiosa as igrexas parroquiais románicas de San Xián de Beba (s XII), San Cristovo de Corzón (s XIII) e Santa Mariña das Maroñas (s XII); as barrocas de San Mamede de Alborés (s XVIII), Santa Baia de Chacín (s XVIII) e San Fiz de Eirón (s XVIII); as neoclásicas de Santiago de Arcos (s XIX), San Salvador de Colúns (ss XVIII-XIX) e San Xoán de Mazaricos (ss XVIII-XIX); e a capela da Virxe do Monte de Coiro, fundada en 1615. Respecto á arquitectura civil, destacan a Casa dos Noveira en Arcos e o pazo de Fontán en Beba, ademais da ponte Olveira (s XVI). Da arquitectura popular sobresaen múltiples e singulares cruceiros como o de Arcos ou o do Bo Xesús das Maroñas, e o conxunto de hórreos de Quintáns en Corzón. Do seu patrimonio natural destaca o espazo de Carnota-Monte Pindo, declarado Lugar de Importancia Comunitaria dentro da Rede Natura 2000. Entre as festas que se celebran no concello destacan a de San Xoán de Mazaricos, o 24 de xuño, e a romaxe da Virxe do Monte en Coiro, no mes de agosto.

Datos de poboación (2007)

Provincia A CORUÑA
Comarca Terra de Soneira
Extensión 187 Km2
Poboación Total 5179 h
Poboación Homes 2479 h
Poboación Mulleres 27 h
Densidade de poboación 27.7 h/Km2
GoogleMaps :
Mapa : Mapa xeral
Mapa : Mapa xeral 2
Mapa : Mapa parroquias