Meaño

Meaño


Concello da comarca do Salnés, situado ao O de Galicia e da provincia de Pontevedra. A súa posición xeográfica é 42° 26’ de latitude N e 8° 46’ de lonxitude O. Limita ao N co concello de Ribadumia (O Salnés), ao L cos concellos de Meis (O Salnés) e Poio (Pontevedra), ao S co concello de Sanxenxo (O Salnés) e ao O cos de Sanxenxo e Cambados (O Salnés), e coa ría de Arousa. Abrangue unha superficie de 26,5 km 2 , cunha poboación de 5.479 h (2007) distribuídos nas parroquias de Covas, Dena, Lores, Meaño, Padrenda, Simes e Xil. A capital do concello está no lugar das Covas, situado a 19 km ao O da cidade de Pontevedra e a 67 km de Santiago de Compostela. Está adscrito á á arquidiocese de Santiago e á ao partido xudicial de Cambados.
Xeografía física
O relevo configúrase en dúas unidades. A primeira é unha pequena dorsal montañosa que se estende pola parte oriental do concello. Trátase dunha prolongación suroccidental do monte Castrove, na que as altitudes acadadas non exceden os 400 m: Fontefría (396 m), Montemaior (280 m) e Chandelare (271 m). O resto do termo municipal está formado por unha ampla chaira salpicada de outeiros suaves e arredondados duns 100 m de altitude. O rebordo montañoso oriental é un bloque levantado pola tectónica. A parte máis baixa é chá, xa que é unha depresión de afundimento que despois foi recuberto por fértiles depósitos aluviais. Climaticamente o concello entra dentro do dominio oceánico húmido, cun clima suave e temperado, con temperaturas pouco extremas ao longo de todo o ano. Os invernos son tépedos e os veráns non moi calorosos, e cunha temperatura media anual moderada, sobre os 14,5°C. O mes máis frío é xaneiro con 9°C de media, mentres que o máis calido é xullo con 20,1°C. A oscilación térmica é de 11,1°C, unha variación reducida que vén dada pola influencia do océano. As precipitacións anuais sitúanse nos 1.828 mm, unha elevada cantidade debida á inexistencia de barreiras orográficas que impidan a libre circulación dos ventos húmidos do SO. Estas precipitacións concéntranse sobre todo no inverno e no outono, na época invernal recóllense 687 mm e no outono 533 mm. Mentres, o verán é cálido e seco xa que tan só se recollen 134 mm. Isto fai que no balance hídrico anual se produza un déficit nos meses de xullo e agosto, cunha seca estival. Dentro do concello existen algunhas diferencias internas xa que conforme ascendemos en altitude e cara ao interior descende lixeiramente a temperatura media anual e aumentan as precipitacións por ascenso orográfico. O réxime de ventos é de dirección predominantemente N-NO, coincidindo coa orientación da ría de Arousa, sendo a oposta S-SO a segunda dirección predominante. A rede fluvial está composta por pequenos ríos, entre os que destaca o río da Chanca, que nace nas fontes de Fontefría e Montemaior, e os afluentes Fondón e Codrón. O espazo forestal está dominado por piñeiros e sotobosques de fieitos, e trátanse de árbores de repoboación que foron substituíndo as especies autóctonas, que quedaron relegadas a áreas marxinais. Os salgueiros e os vimieiros ocupan as ribeiras dos cursos fluviais.
Xeografía humana
O concello de Meaño tiña ao comezo do s XX unha poboación de 4.149 habitantes. Nos últimos cen anos experimentou diversas etapas de crecemento e despoboación demográfica. Desde 1900 ata a década de 1930 seguiu un aumento uniforme e reducido, produto dun forte crecemento natural compensado polas emigracións. A suspensión da corrente emigratoria cara a América provoca que, entre 1930 e 1940, Meaño teña un forte crecemento. Posteriormente, cando de novo se abren as fronteiras e se inicia unha nova fase da emigración no país, Meaño perde por primeira vez poboación. Nas décadas de 1960 e 1970 chégase a un estancamento debido a unha forte natalidade que equilibra o alto número de emigrantes do concello. Tras a fin da segunda corrente emigratoria a mediados da década de 1970, Meaño alcanza a maior poboación da súa historia en 1981 (5.801 habitantes). Despois, na década de 1980 volve a perder poboación pola marcha dos seus habitantes cara ás principais cidades galegas e, principalmente, cara ás cabeceiras da comarca. Os primeiros anos do s XXI recollen un aumento demográfico do 0,97% entre 2001 e 2007. Esta pequena recuperación no número de habitantes ten lugar polo retorno á aldea de persoas en idade de xubilación. En 2006 o movemento natural foi positivo, 0,5‰, motivado por unha natalidade (9,5‰) e unha mortalidade (9‰) semellante. A poboación ata os 20 anos supón o 18,9% do total, os maiores de 65 anos representan o 19% e a poboación adulta alcanzan unha porcentaxe do 62,1%. A distribución por sexos é favorable para as mulleres. O sexo feminino constitúe o 51,52% e o masculino o 48,47%. No concello non existe unha concentración notable dos habitantes na cabeceira municipal das Covas; predomina a vivenda unifamiliar e hai un escaso número de vivendas secundarias, menor incluso que o número de vivendas desocupadas. As vivendas baleiras débense ao seu abandono nas aldeas demograficamente máis regresivas.
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do concello de Meaño é do 55,1% (65,8% a masculina e 45,3% a feminina); a taxa de ocupación é do 46,4% (58,5% a masculina e 35,5% a feminina) e a taxa de paro é do 15,7% (11,1% a masculina e 21,8% a feminina). O sector primario ocupa o 14,7% da poboación activa, o sector secundario o 44,8% e o terciario o 40,5% dos traballadores do concello. A actividade económica principal de Meaño céntrase na agricultura e na gandería. As condicións climáticas, as boas características litolóxicas do chan para a súa explotación agrícola e unha topografía chá explican a fertilidade dos solos. Meaño conta cunha superficie agrícola útil de 847 ha, o 39,21% da superficie do concello. O principal cultivo é a vide, que está fortemente desenvolvido nos últimos anos grazas ao éxito alcanzado pola variedade de Albariño, producción na que está fortemente especializado, polo que se chegou a formar a Agrupación de Recolledores de Albariño da Comarca do Salnés. Tamén existen cultivos intensivos de horta cunha orientación comercial. Ultimamente aumentou a superficie cultivada baixo teito (invernadoiros), así como as hectáreas dedicadas a cultivos como o do kiwi. A producción hortícola e de froitas véndese nos mercados urbanos das principais cidades do S de Galicia. Complementariamente, a gandería tamén é un sector moi importante en determinadas parroquias, nas que o gando vacún de leite conforma o maior número de explotacións gandeiras, aínda que tamén aparecen granxas de gando porcino. Dispón ademais de empresas derivadas da construcción e da madeira. Polo carácter rural do concello, no seu interior non atopamos ningunha vila ou cidade importante, e só hai algúns comercios instalados na cabeceira municipal e dous centros sanitarios de atención primaria, dous colexios e cinco entidades financeiras en todo o concello. A nivel das relacións comerciais e de servicios Meaño depende das vilas de Cambados e Sanxenxo. A principal vía de comunicación é a estrada comarcal Vilagarcía de Arousa-O Grove, e a conexión desta coa de Sanxenxo. Tamén existen numerosas estradas locais que comunican entre si as entidades de poboación de Meaño.
Historia
O territorio que conforma o concello de Meaño pertenceu en tempos do Antigo Réxime á provincia de Santiago, unha das sete do Reino de Galicia, e as súas parroquias á xurisdición da Lanzada, señorío do arcebispo de Santiago de Compostela, e ao couto redondo de Simes, administrado polo mosteiro de San Xoán de Poio. Durante o medievo, a igrexa de Santa María de Simes converteuse nun importante lugar de oración, protexido tanto polo monarca como polos nobres. Posteriormente, Afonso VII doou estas terras ao mosteiro de San Martiño Pinario. Trala aprobación da Constitución de 1812, Meaño integrouse na provincia única de Galicia ata 1822, cando tivo lugar a división da mesma en catro provincias. Desde entón cesou a súa adscrición ao partido xudicial de Cambados e quedou adscrita á nova provincia de Vigo ata novembro de 1833, e á provincia de Pontevedra ata 1834, momento no que recuperou a súa adscrición ao partido xudicial de Cambados. Meaño foi no pasado un importante centro artesanal de tecedores e fiadores de liño, do que xa non queda case ningún rastro.
Patrimonio cultural>
Do seu patrimonio cultural destacan, no eido da arquitectura relixiosa, as igrexas parroquiais de San Xoán de Meaño e Santa María de Simes. Con respecto as construccións civís destacan os pazos de Zárate en Padrenda, o de Ríos en Dena e os de Lis e Meaño, ambos os dous en Meaño. Do seu patrimonio natural destaca o espazo do Complexo Ons-O Grove, declarado Lugar de Importancia Comunitaria dentro da Rede Natura 2000. Entre as súas celebracións máis destacadas atópanse as romarías de San Brais, celebrada en Simes o 3 de febreiro, a de San Bieito, celebrada os días 31 de marzo e 11 de xullo en Lores e a de Nosa Señora das Angustias en Xil, o 15 de setembro.

Datos de poboación (2007)

Provincia PONTEVEDRA
Comarca Salnés, O
Extensión 27 Km2
Poboación Total 5479 h
Poboación Homes 2656 h
Poboación Mulleres 2823 h
Densidade de poboación 202.93 h/Km2
GoogleMaps :
Mapa : Mapa xeral
Mapa : Mapa xeral 2
Mapa : Mapa parroquias