medicina

medicina

(< lat medicīna)

  1. [MED]
    1. s f

      Ciencia e arte que comprende o estudo do home san e do home enfermo, dos medios para previr e curar as enfermidades, e da técnica para aplicalos. O estudo do home san comporta o das súas estruturas macroscópicas (anatomía) e microscópicas (histoloxía), así como as súas funcións orgánicas (fisioloxía) e mentais (psicoloxía). O estudio do home enfermo comprende a observación e o estudo das anomalías que presenta (sintomatoloxía), o rexistro das lesións que se localizan nos órganos (anatomía patolóxica) e a determinación das perturbacións que experimenta a función dos distintos órganos (fisiopatoloxía). As nocións provenientes desta tripla fonte serven de base para a identificación de cada unha das enfermidades (nosoloxía) que cumprirá completar co coñecemento da súa causa (etioloxía) e da evolución probable (prognóstico). O proceso mental polo que se chega a esta identificación previa dunha enfermidade concreta é a diagnose (ou diagnóstico). A ciencia do conxunto de enfermidades é a patoloxía, que se divide inicialmente en patoloxía interna ou médica e patoloxía externa ou cirúrxica. A primeira comprende as enfermidades que afectan a todo o organismo ou as que, radicadas nun órgano, teñen múltiples repercusións noutros órganos, as enfermidades que se manifestan por alteracións pouco aparentes que cómpre procurar (exploración), e as que precisan de tratamentos esencialmente medicamentosos. A segunda comprende as enfermidades localizadas, as que se manifestan ben no exterior as que deben ser tratadas predominantemente coas mans ou con instrumentos (cirurxía). A diagnose das enfermidades non sempre se pode realizar mirando o enfermo (inspección), apalpándoo (palpación), introducindo o dedo en condutos naturais (tacto), apegando a orella á superficie do tórax ou do ventre (auscultación) ou provocando resonancia golpeándoos (percusión). Frecuentemente cómpre recorrer a medios complementarios de exploración, entre os que se poden mencionar, en primeiro lugar, as análises dos humores e dos produtos normais e patolóxicos, e de tecidos, presumiblemente patolóxicos, obtidos mediante unha intervención cirúrxica (biopsia); os exames do interior do corpo mediante os raios röntgen (radioscopia, radiografía, tomografía), ou os emitidos por substancias radioactivas introducidas artificialmente e que teñen afinidade por diferentes órganos (gammagrafía ou escintilografía); o uso de ondas ultrasónicas (ecografía) ou de campos magnéticos (resonancia magnética nuclear), e a visualización das cavidades mediante aparatos introducidos por vías naturais (gastroscopia, rectoscopia, broncoscopia, etc) ou perforando os tecidos (pleuroscopia, celioscopia). O tratamento medicamentoso debe estar presidido por un bo coñecemento dos medios dispoñibles (farmacoloxía) e da técnica de aplicalos (terapéutica). Pero non sempre o tratamento incruento se confía a medicamentos; ás veces acódese aos raios X ou ás radiacións procedentes do radio ou do cobalto 60 (radioterapia), á auga de determinados mananciais (balneoterapia) ou á auga corrente a unha determinada temperatura (hidroterapia), á ximnástica ou á masaxe (fisioterapia). Ademais destes procedementos ortodoxos, existen a homeopatía e a acupuntura. A extensión e a profundidade das ciencias médicas fixo necesaria a división do campo de estudo e así naceron as especialidades. Nestas, non hai nada que afecte aos coñecementos básicos da estrutura e das funcións do home, como é o caso da anatomía, a histoloxía, e a fisioloxía, xa comentadas, a bioquímica, ou sexa, o estudo da constitución química do corpo e dos produtos da súa actividade vital; a xenética, ou estudo de todo o que fai referencia aos xenes; a inmunoloxía, que versa sobre as reaccións defensivas do organismo antes as infeccións; e a microbioloxía, ou ciencia dos microorganismos. Existen outras especialidades que son definidas polas particularidades que a idade do enfermo lle imprime á patoloxía e que condicionan a terapéutica; este é o caso da pediatría, ou medicina dos nenos, e da xeriatría, ou medicina dos anciáns. Outro motivo de especialización é o órgano ou aparato afectados. A anxioloxía ten como campo os vasos arteriais e venosos, a patoloxía que lles afecta ou que deriva deles e as técnicas de tratamento. Finalmente, as técnicas cirúrxicas deben estar separadas da anxioloxía e constitúen unha nova especialidade, denominada cirurxía vascular. A cardioloxía ocúpase das enfermidades do corazón e dos grandes vasos. A crecente importancia e o refinamento das técnicas de tratamento cirúrxico das enfermidades cardíacas posibilitaron a desagregación neste aspecto terapéutico e a constitución da subespecialidade de cirurxía cardíaca. A dixestoloxía comprende a patoloxía de todo o tubo dixestivo; a súa extensión, a heteroxeneidade das súas estruturas e a diversidade das técnicas de diagnose forzaron a creación dalgunhas subespecialidades, como son a endoscopia dixestiva, a hepatoloxía (dedicada á patoloxía do fígado) e a proctoloxía (dedicada ás enfermidades do recto e do ano). A endocrinoloxía ten como campo de estudo a patoloxía das glándulas de secreción interna e engloba as enfermidades da nutrición, fundamentalmente a diabete e a obesidade. A dermatoloxía ocúpase das enfermidades da pel e das mucosas, do cabelo e das uñas, e tradicionalmente incorporaba o estudo das enfermidades de transmisión sexual. A xinecoloxía trata a fisioloxía e patoloxía do aparato xenital feminino. A hematoloxía ten dúas vertentes: por unha banda, o estudo e o tratamento das enfermidades do sangue e dos órganos que o xeran, e pola outra, a aplicación terapéutica do sangue ou do plasma (hemoterapia). A nefroloxía ten por obxecto o estudo dos riles, das enfermidades que lles afectan e todas as súas consecuencias. De aquí naceu a subespecialidade de regulación humoral, isto é, a normalización das constantes químicas nos líquidos orgánicos. A neuroloxía é a rama da medicina dedicada ás enfermidades orgánicas do sistema nervioso. Comprende tres subespecialidades: a electroencefalopatía (estudio dos potenciais eléctricos producidos pola actividade cerebral), a electromiografía (estudio das correntes producidas polos músculos en actividade) e a neurocirurxía. A obstetricia é a ciencia que se ocupa do coidado das mulleres embarazadas, dos partos e das consecuencias destes. A odontoloxía ocúpase das enfermidades da boca e da dentadura, e a ortodoncia é unha parte que ten como finalidade tratar e previr as anomalías de posición dos dentes. A oftalmoloxía atende as enfermidades dos ollos e a corrección dos seus defectos. A otorrinolaringoloxía ten como misión o estudio e o tratamento das enfermidades do nariz, da gorxa e dos oídos. A pneumoloxía é a especialidade dedicada a estudar a diagnose e o tratamento das enfermidades do aparato respiratorio. A psiquiatría é a rama da medicina dedicada á diagnose e ao tratamento das enfermidades mentais. A reumatoloxía ten por obxecto as enfermidades dos ósos, dos músculos e das articulacións que non precisan tratamento cirúrxico. A uroloxía estudia as enfermidades das vías urinarias, dos riles, no seu aspecto de órgano expulsor da urina e do aparato xenital masculino. Hai especialidades que por definición empregan tratamentos basicamente cirúrxicos. Son a traumatoloxía, a ortopedia e a cirurxía plástica e reparadora. Outras especialidades son a anestesioloxía, ciencia dos anestésicos e da súa administración; a de recuperación funcional, que axuda aos enfermos afectados de parálise, de anquilose ou de contracturas; a oncoloxía, dedicada ao estudo e ao tratamento das neoplasias; e a radioloxía, especialidade complementaria do proceso de diagnose. A medicina debe prever, así mesmo, a asistencia da colectividade orientando e promovendo a organización sanitaria do país, procurando que o home dispoña de todos os medios que lle poidan asegurar o benestar material e o equilibrio mental e social. A historia do pensamento médico ten o seu comezo na mesma orixe do home; daquela a relixión, a maxia e a medicina formaban un todo confuso, frecuentemente inextricable. A aparición das altas culturas primarias (Mesopotamia, Exipto, India e Extremo Oriente), aproximadamente a partir do IV milenio, tivo consecuencias no pensamento médico e nas doutrinas sobre a enfermidade e a súa curación. En Mesopotamia, e despois en Israel, a enfermidade e todos os acontecementos desfavorables eran consecuencia dos pecados humanos. No s VI a C a filosofía presocrática abriu novas posibilidades á razón humana para entender, entre outros feitos, a enfermidade como un fenómeno natural, capaz de ser investigado na súa natureza sen recorrer á superstición nin á divindade. Gracias ao milagre grego a medicina adquiriu unha nova formulación, e pódese afirmar, seguindo os precedentes exipcios, que a partir daquel momento existiu a medicina científica. Alcmeon de Crotona (s VII a C) foi o autor do primeiro texto médico científico ίύ (Sobre a natureza), ao que lle engadiu o famoso Corpus Hippocraticum de Hipócrates, obra que constituíu a primeira enciclopedia médica da humanidade. Os médicos poshipocráticos, continuadores e discípulos de Hipócrates, serviron de ponte e transición entre o hipocratismo estricto e a escola de Alexandría, que pertence xa ao período helenístico. Despois da éxida de Ptolomeo, esta cidade norteafricana converteuse no primeiro centro intelectual e, polo tanto, médico, do mundo antigo. En Alexandría estudiaron e aprenderon medicina os médicos máis famosos do Imperio Romano; pódese afirmar que a medicina romana, seguindo os escritos enciclopédicos (Catón, Plinio e Celso), é, no fondo, medicina de orixe alexandrina exercida por médicos de orixe e cultura gregas. Dentro destes médicos, pódese mencionar, sobre todo, a Galeno de Pérgamo (129-200). A obra de Galeno é o resultado de harmonizar o pensamento médico de Hipócrates e a filosofía de Aristóteles. As doutrinas galénicas influíron en toda a Idade Media, ata o Renacemento e, en aspectos concretos, ata o s XVII. O derrubamento do imperio abriu un longo período de decadencia científica: a Idade Media. Esta decadencia, que afectou sobre todo ao Occidente latino, non tivo tanta repercusión en Bizancio, que acabou sendo herdeira directa de Alexandría, nin no Islam, que, grazas á protección de minorías helenizadas, asimilou axiña o legado antigo. Desde o s X ao XII destacan os mellores médicos islámicos, ás veces de orixe persa (Razi e Avicena), ás veces andalusís, (Albucasis, Averroes e Avenzoar). No Occidente latino, durante a Alta Idade Media, a medicina tivo un signo marcadamente eclesiástico; é a medicina monástica, cultivada sobre todo nos mosteiros (Montecassino) e por ordes relixiosas (bieitos) e figuras da Igrexa. O despertar na Baixa Idade Media, favorecido pola creación de escolas laicas (Salerno s X) e de universidades (Montpellier, Boloña, Padua ou París), permitiu unha ostensible ampliación na ciencia médica. As escolas de tradutores (Toledo, o sur de Italia) permitiron as versións latinas de moitas obras médicas grego-árabes, textos que serviron de punto de partida no espertar científico da Europa occidental nos ss XIII-XIV. Unha nova fase moderna inaugurouse contra a finais do s XV. As novidades, sobre un fondo aínda medieval, desenvolvéronse en tres frontes: o humanismo médico, os anatomistas modernos e Paracelso. Destaca a obra do bruxelés Andrés Vesalio (1514-64), un dos máis destacados na historia da anatomía. Paracelso (1493-1541) foi o gran reformador da ideoloxía médica, o fundador da iatroquímica e o renovador de todas as ramas do saber patolóxico. O descubrimento da circulación pulmonar (M. Servet e R. Colombo) e a incorporación da nova farmacoloxía americana enriqueceron as posibilidades científicas da medicina do s XVI. O empirismo cirúrxico, beneficiado polas investigacións anatómicas, acadou un apoxeo inusitado; as obras cirúrxicas de Ambrosio Paré, Bartolomeo Maggi e Dionisio Daza Chacón demostraron claramente o rigor e a amplitude que atinxe á renovación da cirurxía renacentista. O logro definitivo dos postulados modernos triunfou plenamente no s XVII. A patoloxía enriqueceuse con novas formulacións doutrinais: a iatroquímica (J. B. Helmont e Silvi), a iatromecánica (G. Baglivi) e o empirismo clínico (T. Sydenham). A fisioloxía moderna tomou novos voos co descubrimento da circulación sanguínea, grazas a William Harvey (1578-1657). O descubrimento do microscopio permitiu estudar a fondo as diversas estruturas dos animais e dos vexetais (M. Malpighi, Rhook), e inaugurou, así, esta nova rama do saber morfolóxico. Ao longo do s XVIII a ciencia médica tivo un novo pulo, sobre todo no eido da anatomía, da fisioloxía, da clínica e da cirurxía. A cirurxía foi posiblemente a rama que máis se beneficiou do clima espiritual da Ilustración. Entre os mellores cirurxiáns e anatomistas están Jhon Hunter, J. L. Petit, Antoine Louis e A. Scarpa. A patoloxía europea do s XVIII impregnouse das doutrinas vitalistas de Sthal, pero proseguiu tamén a investigación anatómico-patolóxica (G. B. Morgagni). En 1796 Edward Jenner inaugurou a moderna medicina preventiva, coa vacina contra a variola. Ao inicio do s XIX, a medicina entrou nunha nova etapa de evolución científica, período que abrangueu case ata os primeiros anos do s XX. Os trazos máis sobresaíntes deste período son a progresiva tecnificación e o incremento realmente esplendoroso do saber médico. A primeira gran doutrina patolóxica, desenvolvida polos médicos franceses, foi a concepción anatómico-clínica da enfermidade, da que M. F. X. Bichat foi o iniciador. A creación de novos aparatos de exploración, como o estetoscopio, o laringoscopio, o oftalmoscopio ou os raios X, permitiu penetrar no interior do organismo e coñecer directamente as lesións morbosas. A segunda doutrina do s XIX foi a fisiopatoloxía, froito preferentemente do pensamento médico alemán (Frerichs, Wundelich, Traube, Kusmault, entre outros) e que considerou as alteracións funcionais como a causa fundamental da enfermidade. En último lugar, a bacterioloxía, obra conxunta da escola francesa e alemá baixo os respectivos maxisterios de Louis Pasteur e Robert Koch, procedeu a determinar as causas bacterianas dun elevado número de procesos patolóxicos. A cirurxía alcanzou unha nova posibilidade debido a de tres grandes conquistas, como a anestesia cirúrxica de Morton (1846), a antiséptica de Joseph Lister (1867) e finalmente as novas técnicas de hemostase de Kocher e os descubrimentos de Lansteiner sobre os grupos sanguíneos. Na historia da medicina galega, pódese sinalar unha primeira etapa, que abrangue desde os primeiros habitantes da rexión ata o s V, en que se tiña un concepto de enfermidade como algo sobrenatural pero nos que xa se realizan certas actividades de diagnose e tratamento das enfermidades. Durante a Idade Media apenas existiu un desenvolvemento da medicina, pero debido á importancia como lugar de peregrinaxe que acadou Santiago de Compostela, arredor do camiño xurdiron hospitais e centros asistenciais para o peregrino, para tratar as lesións típicas do camiñante e outras enfermidades de índole infecciosa. Un feito importante durante o s XVI foi a creación en Santiago de Compostela da Facultade de Medicina (1555). Non obstante , non foi ata a época barroca cando aparecieron as primeiras publicacións médicas de certa importancia, dado que nas etapas anteriores a medicina era máis de tipo asistencial ca investigadora. Durante o s XIX e principios do s XX produciuse en Galicia a creación de sanatorios privados para atender, principalmente, os enfermos de pago. Implantouse o uso da anestesia xeral e adquiriu certa importancia a Escola Médica Compostelá, formada por médicos de gran formación que posteriormente exercían o seu traballo nas poboacións do seu ámbito xeográfico, e que eran moi eficaces tanto na diagnose como no tratamento das enfermidades.

    2. medicina aeronáutica e espacial

      Especialidade da medicina que ten por finalidade previr ou tratar os trastornos que se producen no corpo humano no espazo exterior.

      Sinónimos: aeromedicina.
    3. medicina de familia e comunitaria

      Especialidade da medicina que ten como áreas de acción a prestación de atención médica, a prevención de enfermidades, a promoción da saúde e a educación sanitaria. O médico de familia ten como campo de acción o correspondente ao médico xeral ou de atención primaria e desenvolve unha misión médica completa e integrada para os membros da comunidade. Esta especialidade foi creada polo Real Decreto 3303/78 do 29 de decembro de 1978, recollendo os criterios da conferencia da OMS celebrada o mesmo ano en Alma--Ata.

    4. medicina do traballo

      Especialidade médica que ten por obxecto velar pola saúde dos traballadores vixiando que as condicións de traballo non impliquen riscos e que sexan as axeitadas.

    5. medicina intensiva

      Especialidade médica que trata as enfermidades graves ou en situación de risco vital, potencialmente reversibles. Sitúa a súa actividade nunha área específica do hospital, denominada unidade de medicina intensiva ou tamén denominada de vixilancia intensiva (UVI). As súas orixes están na creación de unidades de enfermería con atención especial na recuperación poscirúrxica das enfermidades, establecidas por Hopkins (1923) e Kirschener (1930). Despois da epidemia de poliomelite en Copenhagen en 1952, establecéronse unidades de asistencia respiratoria en Escandinavia, EE UU e Nova Zelanda, e na década de 1960, creáronse as unidades coronarias. Estes antecedentes levaron á creación de unidades de vixilancia intensiva.

    6. medicina legal

      Rama da medicina que trata os problemas biolóxicos e médico--cirúrxicos en relación coas ciencias xurídicas e sociais, en especial co dereito penal. Este corpo de doutrina consta esencialmente de dúas grandes partes: a medicina xurídica e a medicina forense.

  2. s f

    menciña.

  3. medicina popular [ETN]

    Actividade ou conxunto de prácticas dos curandeiros. Ten sido unha das prácticas máis estendidas da medicina popular. Tradicionalmente, tratábanse as enfermidades, que se atribuían a procesos naturais e á bruxería, con fármacos, pero tamén cunha gran variedade de obxectos e plantas. Conviven na Europa rural tres sistemas médicos: a biomedicina, a medicina humoral e a medicina bruxo--relixiosa. A tradición occidental, como outras moitas, distingue entre enfermidades naturais e enfermidades sobrenaturais. Estas últimas débense á acción das bruxas e cúranse por medios relixiosos, mentres que as naturais se deben a causas fisiolóxicas. A medicina sobrenatural e a medicina natural son complementarias. Esta última comprende dous sistemas: o humoral e o científico. A medicina bruxo-relixiosa ocúpase das enfermidades que non son competencia dos médicos: as enfermidades somáticas incurables e, sobre todo, as enfermidades psíquicas e psicosomáticas; a natural, das enfermidades somáticas, popularmente coñecidas como enfermidades de médicos.
    A medicina humoral
    A medicina hipocrática susténtase na concepción da natureza vixente en Europa desde a Antigüidade ata o s XVIII. Na base desa concepción está a doutrina dos catro elementos (terra, auga, aire e lume), que representan os tres estados da materia (sólido, líquido e gasoso) e o seu elemento transformador da mesma. Ligadas aos catro elementos están as catro calidades: quente, frío, seco e húmido. Así, o lume é quente mentres que a terra e a auga son frías. Ao referirse ao corpo humano, os médicos hipocráticos, máis que dos catro elementos, falan dos catro humores, ou sexa, das catro substancias corporais máis parecidas á terra, á auga, ao aire e ao lume. Eses humores son a bile negra (atrabile ou melancolía), a flegma, o sangue e a bile (bile amarela ou cólera). Asocian a bile negra co bazo, víscera entre parda e negra, como a terra; a flegma co líquido acuoso que sae polo nariz e que procede, segundo a súa crenza, do cerebro; o sangue, co aire, porque o transporta desde os pulmóns ao corazón e deste a todo o corpo para refrixeralo, e por último a bile, é dicir, o líquido que se acumula na vesícula biliar, co lume, pola súa cor amarela. Os humores non permanecen inmutables ao longo da vida dunha persoa; o corpo consómeos e logo rexenéraos a partir dos alimentos. O exceso de humores provoca enfermidades que dependen do tipo de humor e tamén do lugar onde ese exceso humoral se asente, que adoita ser o membro máis débil do corpo do enfermo. En realidade, todas as enfermidades causadas por un mesmo humor son unha soa enfermidade, só varía o nome segundo o lugar onde o exceso de humor se acumula. A curación prodúcese cando se logra restablecer o equilibrio humoral. Na maioría dos casos a mesma natureza encárgase desa misión por medio de purgas naturais, como a menstruación, os fluxos de sangue hemorroidais e os vómitos. Nos casos graves hai que axudar á natureza; en primeiro lugar, cambiando de dieta. O enfermo debe inxerir alimentos, facer exercicios e tomar baños que xeren humores contrarios aos causantes da doenza. Se o desequilibrio se mantén, hai que recorrer aos fármacos e á cirurxía. Entre os medios cirúrxicos destacan a incisión e a sangría, que serven para eliminar do corpo os humores nocivos. Os fármacos principais son os purgantes, substancias de natureza cálida que, coa súa calor, dilatan as vías de saída das purgas naturais e favorecen as evacuacións; e os astrinxentes, que, contrariamente, co seu frío, cerran as vías de saída nos casos en que o enfermo padece unha excesiva perda de humores. Cómpre ter en conta, ademais, que tanto a dietética como a farmacopea hipocráticas se basean nas calidades naturais das substancias (calor, frío, humidade e sequidade). A atrabile, ou sexa, o humor do bazo, é ácida; a flegma, como a auga, insípida; o sangue, doce; e a bile, amarga. Xa que logo, os médicos hipocráticos consideraron as plantas amargas, quentes e secas, como a bile; as ácidas, frías e secas, como a atrabile; as insípidas, frías e húmidas, como a flegma; e as doces, quentes e húmidas, como o sangue. Non obstante , nalgúns casos (como acontecía coas plantas tóxicas e as plantas con signos) desestimaron o sabor. Deste xeito, incluíron entre os eméticos as plantas tóxicas que producen vómitos, independentemente do seu sabor. De moitas plantas deduciron as súas propiedades curativas baseándose na súa semellanza formal. Así, unha das plantas medicinais máis coñecidas en Galicia, a soldaconsolda, emprégase para soldar os ósos porque cada ano bota un novo brote que parece estar soldado ao anterior; a consolda cura as feridas porque as follas nacen como soldadas ao talo; a herba viperina serve de antídoto contra a picadura da víbora porque a súa semente se parece á cabeza dese animal, e a herba das almorrás debe a súa utilización a que ten unhas raíces ensanchadas a xeito de tuberosidades semellantes ás hemorroides externas. Descubertos os principios en que se fundamenta, dificilmente se pode soster que a medicina humoral realmente cure, xa que o conxunto non responde a principios compatibles coa ciencia moderna. É, ademais, a parte correspondente á bioloxía e á medicina dunha concepción do mundo que considera o Universo formado polos mesmos catro elementos e dividido en macrocosmos, cosmos e microcosmos permanentemente relacionados. Esta concepción do mundo supuxo, sen dúbida, a elaboración máis complexa ideada polo home antes da ciencia moderna.
    A medicina bruxo-relixiosa
    Na medicina relixiosa a enfermidade forma parte do Mal e, polo tanto, da bruxería, como demostra o propio nome de moitas doenzas: mal de ollo, mal de aire e mal de bocado. Como o Mal está encarnado polo demo e as bruxas, téñenselle atribuído ao demo e ás bruxas as enfermidades sobrenaturais. A enfermidade é un demo ou unha bruxería que entra no corpo. Precisamente, o xeito de entraren dálles nome ás enfermidades máis tipicamente propias de bruxas. Se o espírito maléfico entra no corpo da víctima nunha comida, a doenza chámase mal de bocado; se se vale dun contacto persoal, mal de contacto; se o fai por medio do alento, mal de aire; e se entra a través dos raios visuais, mal de ollo. Ademais, estes males presentan síntomas ben diferentes e non se corresponden con enfermidades concretas. Como o mal o provoca un espírito maléfico que penetra na víctima, a curación consiste en expulsalo, feito que supón escorrentar o mal do corpo do paciente. Moitos ensalmos indican a que lugar se expulsa o Mal. Trátase, como cabería esperar, de lugares maléficos, de espacios asociados con Satanás e coas bruxas, causantes últimos das enfermidades: a terra, os montes, o mar, o deserto e o cemiterio. Se a enfermidade procede de Satanás, a curación só pode vir de Deus. O Ben expulsa o Mal dese campo de batalla cósmico que é o microcosmos humano. Naturalmente, tamén se invoca a axuda da Virxe e dos santos, entes intermediarios entre as persoas e o Altísimo. Os mesmos curandeiros recoñecen que non expulsan as enfermidades polos seus méritos, senón pola gracia de Deus. Como a enfermidade é un mal, unha bruxería que entra no corpo, os curandeiros expúlsano coas mesmas defensas simbólicas empregadas contra o demo e as bruxas: os obxectos sagrados, como a cruz, os rosarios, os Evanxeos, o pan e o sal; e as armas, como os coitelos, as navallas, as fouces, os dentes de xabaril, os dentes de allo e os cornos. O pan que empregan representa sempre o pan eucarístico, ao igual que acontece coas espigas, os grans de trigo e a fariña. Todo o relacionado coa elaboración do pan queda impregnado de santidade, incluso a artesa e o muíño, por iso nestes obxectos téñense celebrado diversos ritos curativos. Pola súa parte, as uvas e o lagar adquiren o valor sagrado do viño. Facendo sobre o enfermo cruces con sal curan, entre outros males, o mal de ollo. Outros obxectos sagrados que os curandeiros utilizan son a pedra de ara, o incenso, a campá e a estola. Especial santidade encerran as imaxes e as reliquias dos santos; de aí a inmensa afluencia de enfermos aos santuarios. As enfermidades, en canto manifestacións do Mal, son máculas ou impurezas que contaminan os enfermos e que os curandeiros tratan de eliminar lavándoas e queimándoas. No lavado ritual empregan, por suposto, auga; en especial a que está bendita ou procede dalgún santuario. Como na vida diaria, acrecentan a acción limpadora da auga con esparto, xabón e cinza. O lume, que aniquila a ganga e libera o ouro que destrúe a Satanás e deixa incólume a Silva Divina, destrúe os males e deixa sans os corpos. Pode ser lume de fogueira, calor de forno ou do ferro de pasar, que purifica a roupa limpa que ha poñer o enfermo. Tirando, lavando ou queimando a roupa sucia, tiran, lavan ou queiman a impureza, a enfermidade, e vestindo traxe limpo simbolizan o novo estado de pureza e saúde. O catolicismo tradicional usa como símbolos do enfrontamento entre o Ben e o Mal numerosas oposicións: masculino-feminino, vida-morte, luz--escuridade, ouro-ferro, etc. Numerosos ensalmos falan de cortar o mal; por iso realizan a miúdo cruces ou círculos sobre o enfermo cunha navalla, cunha fouce, cunhas tesoiras ou cun coitelo ou con calquera das medicinas simbólicas empregadas comunmente. Tamén castigan e expulsan as enfermidades con paos, látegos e disciplinas. Como amuleto contra o contaxio de enfermidades de bruxas e como medicina simbólica utilizan armas naturais: cornos, cornos de vacaloura, dentes de porco, dentes de allo e castañas. En resumo, atribúenlles as enfermidades sobrenaturais a espíritos malignos que penetran no corpo da víctima a quen contaminan de impureza. A medicina académica desprazou a medicina humoral, pero non á bruxo--relixiosa porque non son incompatibles senón complementarias, debido a que a medicina bruxo-relixiosa se ocupa das enfermidades que se escapan á competencia dos médicos: as enfermidades somáticas incurables e as psíquicas e psicosomáticas. Os curandeiros curan por suxestión, repiten unha e mil veces que sen fe non hai curación posible. O enfermo encontra na fe, na doutrina cristiá, apoio para superar, ou polo menos aturar, o conflito vital que está na orixe de toda enfermidade psicolóxica ou psicosomática. Ademais, os ritos curativos poñen en xogo a veracidade da doutrina cristiá, e o enfermo procurará sandar para que esa doutrina quede confirmada como auténtica. Resulta, daquela, que na medida na que cre, sanda, e na medida na que sanda, cre con máis forza.

Refráns

  • Este mal que non mellora, non é de agora.
  • Máis fácil é receitar que curar.
  • O moito apalpar descompón o corpo e chega a cansar/a rallar.
  • O tempo cura o enfermo e non o ungü?ento.
  • O viño con mel sabe mal e fai ben.
  • Os enfermos curan nos libros e morren nas camas.
  • Purgádeo, sangrádeo, coidádeo, e se morre, enterrádeo.
  • Quenturas de maio, saúde para todo o ano.
  • Quenturas de outono, non son boas para o seu dono.