Memorias dun neno labrego

Memorias dun neno labrego
[LIT]

Novela de Xosé Neira Vilas que se publicou en Bos Aires (1961) e que constitúe unha das obras máis editadas de toda a narrativa galega. A esta narración cómpre engadir Cartas a Lelo (1971) e Aqueles anos do Moncho (1977), coa mesma temática, que completan o que se deu en chamar O ciclo do neno. A obra, dun marcado carácter realista, preséntase como unha autobiografía dun neno labrego, Balbino, que pertence a unha familia con escasos recursos económicos. Quere ser a crónica da vida cotiá de moitos rapaces galegos de aldea, nados nas mesmas circunstancias, así como un achegamento ao mundo da infancia. Precisamente, un dos aspectos máis destacados da obra é a construción dese universo infantil partindo dunha visión moi achegada á dos nenos. A súa temática, centrada no sentido da xustiza, o anticlericalismo e a loita entre dous mundos, o da cidade asociado á riqueza e ao poder, e o do campo, relacionado coa miseria e a submisión, completan esta visión fiticio-biográfica de Neira Vilas.