Mendoza
Liñaxe da nobreza castelá que se consolidou económica e politicamente no s XIV, coa subida dos Trastámara ao poder. Durante os ss XV e XVI, acumularon importantes dominios en Castela e prestáronlle servizos á monarquía. O tronco da liñaxe foron os Mendoza, señores de Llodio (Araba), que a mediados do s XI pasaron ao servizo da casa real de Castela e se extinguiron no s XIII. A primoxenitura da liñaxe tivo unha liña colateral que se identificou coa dos duques do Infantado e que prosperou desde que Pedro González de Mendoza colaborou coa entronización dos Trastámara. Desta liña troncal xurdiron diversas liñas colaterais. Os que pertencen á póla galega traen escudo acuartelado en aspa: primeiro e cuarto cuarteis, en campo de sinople, cunha banda de ouro cargada dunha cotiza de goles; segundo e terceiro cuarteis, en campo de ouro, coas letras de azul Ave Maria no cuartel segundo e Gratia plena no terceiro.