merlo

merlo

(< lat merŭlu)

  1. s m [ANIMAL/ORNIT]

    Nome que reciben distintos paxaros da orde dos paseriformes.

    Sinónimos: melro.
  2. merlo azul [ANIMAL/ORNIT]

    Paxaro que pode medir ata 20 cm de lonxitude. O macho ten a plumaxe dun azul cinsento e a femia de cor marrón, coas partes inferiores a raias. Habita en Europa e en toda a Península Ibérica, en rochedos e cantís, e en Galicia é moi raro, xa que só se observa en diversos puntos do litoral e do interior.

  3. merlo común [ANIMAL/ORNIT]

    Paxaro que pode medir ata 25 cm de lonxitude e de cola longa. Os machos presentan unha plumaxe de cor negra co peteiro e o círculo orbital dun amarelo vivo e as femias de cor marrón co peteiro pardo. É omnívoro e aliméntase fundamentalmente de miñocas, insectos en xeral e diversos froitos. Ten un canto moi agradable e habita en campos, fragas, parques, bosques e xardíns, con vexetación mesta de baixa e media altura. Atópase amplamente distribuido por toda Europa e en Galicia é moi común en todo o seu territorio desde a beiramar ata os 1.500 m de altitude.

    Sinónimos: cotrosa.
  4. merlo papobranco [ANIMAL/ORNIT]

    Paxaro de ata 25 cm de lonxitude que presenta contornos claros nas plumas, o que lle dá un aspecto escamoso, o macho ten unha mancha de cor branca no papo e a femia unha de cor gris. Aliméntase de insectos, vermes, caracois e bagas, e habita en campos e zonas abertas. En Galicia é moi raro.

  5. merlo rieiro [ANIMAL/ORNIT]

    Paxaro de ata 18 cm de lonxitude e cola curta que presenta o peito e a gorxa de cor branca, as partes superiores mouras e as inferiores dunha cor castaña escura, e non posúe dimorfismo sexual. Aliméntase de larvas e insectos acuáticos, vermes e peixes que captura ao mergullarse ou nadar. Habita preto de augas limpas, nos cursos altos e medios dos ríos e en regueiros de corrente rápida. É común en case toda Europa salvo nalgúns países como Dinamarca, Países Baixos ou o N de Alemaña. En Galicia é raro velo en zonas preto do litoral e naquelas zonas onde existe contaminación.

  6. merlo rubio [ANIMAL/ORNIT]

    Paxaro que pode medir ata 19 cm de lonxitude. Os machos presentan no verán, a cabeza, o pescozo e o lombo azuis e o resto dunha cor avermellada, coas ás escuras. Aliméntase de insectos, vermes e moluscos. En Galicia é moi escaso, xa que só se atopa na zona suroriental en altitudes superiores aos 900-1.000 m.

Frases feitas

  • Armar ao merlo. Meterse alguén en problemas.

  • Ser un bo merlo. Non ser de fiar.

  • Ser un merlo branco. Ser alguén raro ou especial.