merovinxio -xia
(< antropónimo Meroveo)
-
adx
Relativo ou pertencente a Meroveo, á súa dinastía ou á súa época.
-
s
[HIST]
Membro da primeira dinastía dos reis francos que reinou durante tres séculos. Coñecidos como primeira raza, a súa orixe parece provir dun xefe dos francos salios chamado Clodio, que foi derrotado polos romanos en 446 e que morreu aproximadamente ao ano seguinte. Deixou como sucesor un fillo ou parente próximo seu, chamado Meroveo, que lle deu nome á dinastía. Sucedeuno o seu fillo Khilderico I e a este o seu fillo Clodoveo I, un dos reis máis destacados desta liñaxe, que unificou, baixo o seu dominio, varios territorios francos, pero á súa morte (511) os seus fillos repartiron os estados paternos. A historia desta dinastía está chea de loitas e violencias. Clotario II en 613 conseguiu unha certa unidade, aínda que durou pouco e Clodoveo II e Clotario III, a mediados do s VII, volveron restaurala. Desde comezos deste século, os verdadeiros señores dos reinos merovinxios foron os mordomos de palacio ata que Pipino I o Breve conseguiu converterse en rei en 751 e fundar a dinastía carolinxia.
-
arte merovinxia
[ARTE]
Arte desenvolvida na Galia durante o goberno dos reis merovinxios. En arquitectura destacan as igrexas sen bóveda, de tipo basilical, como a de Saint Pierre de Vienne do Delfinado, a cripta de Saint Paul en Jouarre (Île-de-France) e o baptisterio de Saint Jean de Poitiers. En escultura destacan os relevos do hipoxeo de Mellebaude (Poitiers) e os capiteis da cripta de Jouarre. En ourivaría hai que salietar o tesouro de Khilderico en Tournai.
-
escritura merovinxia
[PALEOG]
Escritura latina das chamadas nacionais, utilizada no centro e o N de Francia do s VI ao VIII. As súas variedades derivaron da cursiva romana nova e, no caso da cursiva, evolucionou da escritura dos chanceleres do Baixo Imperio Romano. A característica común é un trazado a miúdo sinuoso e pouco esquemático, cheo de nexos cursivos caligrafados. As formas merovinxias desapareceron ao xurdir a escritura carolinxia.