Mesía
Concello da comarca de Ordes, no centro-oeste da Comunidade Autónoma de Galicia e ao L da provincia da Coruña, situado a 43° 06’ de latitude N e 8° 14’ de lonxitude O. Limita ao N cos concellos de Abegondo (comarca da Coruña) e Cesuras (comarca de Betanzos), ao L cos de Vilasantar (comarca de Betanzos) e Boimorto (comarca de Arzúa), ao S cos de Boimorto (comarca de Arzúa) e Frades (comarca de Ordes), e ao O cos de Frades e Ordes (ambos os dous da comarca de Ordes). Abrangue unha superficie de 106,8 km 2 , en que acolle unha poboación de 3.080 h (2007), distribuídos nas parroquias de Albixoi, Bascoi, Boado, Bruma, Cabrui, Castro, Cumbraos, Lanzá, Mesía, Olas, Visantoña e Xanceda. A capital do concello é o lugar de Xanceda, na parroquia homónima, situada a 46 km da cidade da Coruña e a 42 km de Santiago de Compostela. Está adscrito á provincia da Coruña, á arquidiocese de Santiago de Compostela e á xurisdición do partido xudicial de Ordes.
Xeografía física
Mesía sitúase na conca alta do río Tambre. As súas terras son lixeiramente onduladas, sen grandes contrastes, constituídas por antigas superficies de erosión. A altitude media é relativamente elevada, os lugares máis baixos están sempre por riba dos 400 m e as maiores altitudes localízanse nos montes da Tieira no NL do concello, no límite co concello de Curtis, no Pico con 546 m e no Montouto con 540 m. A planicie xeral do terreo débese a que o substrato rochoso está formado por materiais que pertencen ao complexo de Ordes, facilmente erosionables. O único descenso brusco prodúcese desde O Pico cara ao Mero, no límite con Cesuras. Climaticamente o concello entra dentro do dominio oceánico húmido, aínda que relativizado pola súa condición continental. As temperaturas son suaves no verán e frías no inverno, cunha temperatura media anual de 12,34°C. O mes máis frío é xaneiro con 7,1°C de media e o máis quente xullo, con 18,3°C. A oscilación térmica é de 11,2°C grazas á proximidade do mar, que actúa como temporizador. Durante o inverno son bastante frecuentes as xeadas, e as precipitacións son de 1.684 mm anuais cun máximo no inverno, que representa o 42,75% do total anual, e un mínimo no verán, cunha media do 9,02% do total. Presenta un déficit hídrico estival nos meses de xullo e agosto. A rede hidrográfica organízase ao redor do río Tambre, que discorre polo S, no límite con Boimorto. Os afluentes recíbeos pola vertente setentrional e destaca o Samo, que nace nos montes da Tieira e percorre o sector N do concello, e outros de menor entidade como o Maruzo, o Gaiteiro e o arroio de Molar. Tamén pasa polo concello un tramo do río Mero. Estes cursos fluviais contribuíron ao relevo ondulado de Mesía. Os espazos forestais intercálanse coas terras de cultivo, cunha menor superficie ca estas, e están constituídos por especies de reforestación, eucaliptos principalmente e piñeiros, aínda que tamén permanecen algunhas especies do bosque autóctono, como carballos e castiñeiros.
Xeografía humana
O concello de Mesía tiña a comezos do s XX unha poboación de 4.198 h. A partir de 1900 e ata a Guerra Civil Española, a poboación medrou de forma constante, produto dunha alta natalidade que coincidiu co descenso da mortalidade a causa das melloras sanitarias. Aínda que en Mesía tiña lugar nesa época unha emigración cara aos países de Latinoamérica, a expansión demográfica permitiu manter un crecemento sostido do número total de habitantes. Cando coa guerra e a inmediata posguerra se pecharon as fronteiras, o concello experimentou a maior subida da súa poboación e alcanzou o máximo histórico no censo de 1960 con 6.306 h, pero desde 1960 a poboación descendeu espectacularmente, un 44,16% en 35 anos. A primeira causa desta baixa demográfica foi a posta en marcha da segunda corrente emigratoria do rural galego durante o s XX, a das décadas de 1960 e 1970, cara aos países industrializados europeos e no caso de Mesía, tamén cara as cidades da Coruña e de Santiago de Compostela. Esta emigración foi moi abundante e en 1970 o concello tiña 5.167 h. A fin da emigración a Europa non supuxo o remate da perda de poboación senón que esta seguiu constante debido a que nos derradeiros vinte anos do s XX se potenciou o éxodo rural de Mesía cara á Coruña e Santiago de Compostela. Houbo tamén un avellentamento poboacional do concello, que contribuíu a que en 1996 acadase a cantidade máis baixa de habitantes de todo o s XX. Cara ao futuro xorde unha problemática de despoboación e de déficit no relevo xeracional. O crecemento natural (2006) é moi negativo, do -9,1‰, a taxa de natalidade é baixa, do 4,8‰, e a mortalidade ascende ata o 13,9‰, debido ao crecente envellecemento da poboación. Os menores de 20 anos supoñen o 11,8% do total e os maiores de 65 anos representan o 29,5 %; o grupo intermedio representa o 58,8%. A distribución por sexos reflicte un equilibrio entre as mulleres, que representan o 50,09% da poboación, e os homes, co 49,90%. Non hai ningún núcleo importante no concello e os habitantes distribúense polas entidades de poboación que conforman as 12 parroquias. Predomina a vivenda familiar, as segundas residencias pertencen a emigrantes que manteñen unha vivenda no lugar da súa orixe e as baleiras relaciónanse coas abandonadas a causa do despoboamento do concello nas últimas décadas.
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do concello de Mesía é do 50,6% (59,7% a masculina e 41,7% a feminina); a taxa de ocupación é do 47,4% (56% a masculina e 39% a feminina); e a taxa de paro é do 6,3% (6,2% a masculina e 6,5% a feminina). A distribución da poboación activa por subsectores económicos reflicte o predominio do sector primario, que emprega ao 406% dos traballadores, sobre as outras actividades económicas. O secundario representa o 33,7% repartido entre a industria (21,4%) e a construción (12,3%), e o terciario o 25,7%. A economía baséase, pois, nas actividades agropecuarias. O concello presenta unha forte especialización na explotación de gando vacún para a produción de leite e incorporouse ás áreas galegas centradas na gandaría bovina, aínda que tamén conta cunha representación do gando porcino. As explotacións modernizáronse nas últimas décadas do s XX mediante a mecanización e a adopción dunha gandaría intensiva e altamente tecnificada, favorecida por factores naturais como a suave topografía, as abundantes precipitacións e os chans axeitados. A crise do sector, que se iniciou coa imposición das cotas leiteiras da UE, afectou, principalmente, ás explotacións de pequeno tamaño. Pola contra, as de mediano e gran tamaño seguen a ser das máis produtivas de Galicia. O sector secundario apenas está representado, e tan só existe un aproveitamento dos terreos barrosos da comarca para a manufactura de materiais de construción. En Mesía atópase unha das fábricas de tella máis modernas, produtivas e comerciais do país. A construción ten relativa importancia pola renovación do parque de vivendas municipal cos cartos obtidos na actividade gandeira, xerando pequenas empresas rexentadas por empresarios autónomos. O sector terciario tampouco ten unha presenza relevante na economía do concello. A vila de Ordes actúa como distribuidora de bens e servizos para os habitantes de Mesía, e este termo entra dentro da área de dependencia da cabeceira comarcal. No concello só aparecen escasos servizos de atención básica que se concentran no lugar de Xanceda. A principal vía de comunicación é a estrada provincial AC-544, que une Curtis con Santiago de Compostela e atravesa o extremo SL do concello. Múltiples estradas locais unen as entidades de poboación do concello e unha rede de camiños rurais e pistas completa as comunicacións terrestres.
Historia
As primeiras novas sobre o concello remóntanse á Alta Idade Media, cando formou parte do condado de Trastámara e cando o castelo de Mesía constituía o eixe da súa historia. Durante o Antigo Réxime, o territorio organizouse nas xurisdicións de Mesía, señorío do arcebispo de Santiago de Compostela -que compartía con Xoán Pimentel a parroquia de Xanceda- e Sobrado, que era señorío do mosteiro de Sobrado. O concello de Mesía xurdiu a comenzos do s XIX e con anterioridade á división provincial de 1822, pasou a pertencer ao partido xudicial de Poulo, na provincia da Coruña. Tras a división municipal de 1835, pasou ao partido xudicial de Ordes e un ano despois segregóuselle a parroquia de San Pedro de Ardemil.
Patrimonio cultural>
Do seu patrimonio cultural destacan as igrexas parroquiais de San Sebastián de Castro, San Lourenzo de Bruma, Santiago de Bascoi e a capela da Virxe do Carme na mesma parroquia, realizadas as dúas construcións en estilo gótico e barroco. ;Sobresae tamén o castelo de Mesía, declarado Ben de Interese Cultural (BIC) ;en 1994, o pazo de Lago (Castro) e o hospital de peregrinos. Do seu patrimonio natural destaca o espazo do río Tambre, declarado Lugar de Importancia Comunitaria dentro da Rede Natura 2000. O 10 de xullo, o concello celebra con Cesuras, Curtis e Vilasantar, a romaría da Cova dos Vales na confluencia entre os concellos.
Datos de poboación (2007)
| Provincia | A CORUÑA |
|---|---|
| Comarca | Ordes |
| Extensión | 107 Km2 |
| Poboación Total | 3080 h |
| Poboación Homes | 1537 h |
| Poboación Mulleres | 1543 h |
| Densidade de poboación | 28.79 h/Km2 |