Mesolítico
Fase do desenvolvemento económico de certas sociedades en que se efectuou a transición das formas de subsistencia paleolíticas ás neolíticas, é dicir, o paso da economía depredadora á de produción de alimentos. Este fenómeno só puido producirse en zonas con recursos naturais permanentes, que permitían aos grupos humanos converterse en sedentarios. Deuse por primeira vez nun sector do Próximo Oriente, onde se atopaban en estado salvaxe tanto os cereais como as principais especies herbívoras con posibilidades de seren domesticadas facilmente, o que propiciou os dous grandes descubrimentos do Neolítico, a agricultura e a gandaría. Os restos máis antigos atopáronse na cova de Shanidar (Iraq), datados en 10500 a C, pero a cultura máis importante apareceu posteriormente en Palestina: a natufiana. Durante este período desenvolvéronse en Galicia dous grandes grupos de industrias líticas: a litoral e a interior. A primeira, cunha industria caracterizada polos cantos tallados monofaciais e bifaciais e picos do tipo camposanquiense, desenvolveuse na costa entre A Guarda e Baiona e tamén en xacementos próximos como os de Budiño. Esta industria, pertencente ao Holoceno, era propia dunha poboación de tipo mesolítico e mantiña certa relación co asturicense cantábrico. Por outro lado, no interior, atopáronse en diversos abrigos rochosos industrias líticas anteriores á cultura megalítica. Considérase que estas industrias son pospaleolíticas e preneolíticas, propias dos cazadores-recolectores do Holoceno. Por similitudes coas cronoloxías das industrias mesolíticas da área asturiana determinouse a súa cronoloxía no período comprendido entre 6500 e 4500 a C.