2 mesta
(< lat [animalia] mixta)
Asociación dos grandes gandeiros da Coroa de Castela. Durante a Alta Idade Media chamábase mesta aos pastores comunais e a súa administración deu lugar á formación de federacións locais e rexionais de gandeiros, que adoptaron o mesmo nome. As diferentes mestas rexionais foron unificadas por Afonso X en 1273, co nome de Honrado Concejo de la Mesta, que tiña unha inmediata motivación de carácter fiscal. A existencia da institución respondía á importancia acadada polos gandeiros desde a estrutura económica de Castela. A coroa era a principal beneficiaria desta organización gandeira, que era responsable do pagamento dos impostos do servizo de gando, creado en 1269, e do montazgo, establecido en 1343. A partir de 1560 iniciouse a decadencia da gandaría castelá que se acentuou durante o s XVII e sobre todo no s XVIII, coa alza da renda da terra. Durante a administración de Campomanes, alcalde entregador ou presidente do Concejo, perdeu a súa situación de predominio (1779-1796), aínda que perdurou ata 1836.