metano
(< met[ilo] + -ano ‘hidrocarburo saturado’)
Hidrocarburo saturado, o máis simple da serie dos alcanos, que se presenta a temperatura ambiente como un gas incoloro e non tóxico, que se fai líquido a -162°C e que se inflama a 650°C. É o compoñente principal do gas natural e do grisú, e emprégase principalmente como combustible debido ao seu elevado poder calorífico (9.510 Kcal m3). Pódese obter a partir de sulfuros de carbono e de hidróxeno e por descomposición de certos carburos metálicos. Industrialmente, as principais fontes do metano son o gas natural, o grisú, a hidroxenación do óxido de carbono en presenza de vapor de auga e a fermentación da glicosa. Ademais da súa aplicación como combustible, tamén se emprega como primeira materia en numerosas reaccións de síntese, como por exemplo para a obtención de acetileno, etileno, metanol, formaldehido e sulfuro de carbono.