meteoroloxía

meteoroloxía

(< grμετεωρολογία)

  1. s f [METEOR]

    Ciencia que estuda a atmosfera e os fenómenos que teñen lugar nela. É considerada unha parte da física e ten un marcado carácter de observación, xa que xeralmente é imposible a experimentación e a reprodución dos fenómenos que teñen lugar na atmosfera. Ten un ámbito de estudo moi parecido ao da climatoloxía, pero diferénciase en que esta trata dos valores e as pautas que segue a atmosfera durante longos períodos de tempo e, pola contra, a meteoroloxía fai referencia ao estado das variables nun momento determinado. Os primeiros estudos meteorolóxicos foron feitos no s IV a C por Aristóteles e foi no s XVII cando se fixeron as primeiras observacións da temperatura, da presión e da choiva. A finais do s XVIII e a principios do s XIX un grupo de científicos europeos estableceron unha rede de estacións meteorolóxicas e apareceron os primeiros mapas do tempo. Foron os meteorólogos escandinavos, dirixidos por V.F.K. Bjerknes e polo seu fillo, quen desenvolveron a teoría das masas de aire e das frontes e construíron os primeiros modelos de sistemas atmosféricos, orixe das modernas teorías dos sistemas atmosféricos. Ao longo da historia empregáronse diferentes instrumentos para o estudo da atmosfera como o catavento, o máis antigo, o anemómetro, o termómetro, o pluviómetro, o barómetro, e a partir de 1930 a radiosonda que, transportada por un globo, envía información da temperatura do aire, a presión e a humidade, e permite, así, facer mapas de altitude. Tamén destaca o achegamento dos satélites meteorolóxicos para o coñecemento do estado da atmosfera, particularmente o que respecta á nubosidade, á humidade e á tecnoloxía avanzada dos grandes ordenadores, que permite manexar unha gran cantidade de información co fin de poder elaborar predicións a curto (1-2 días) e medio prazo (unha semana).

  2. meteoroloxía aplicada [METEOR]

    Aplicación da meteoroloxía a diferentes campos, como é o caso da meteoroloxía agrícola, meteoroloxía marítima, meteoroloxía médica ou meteoroloxía legal.

  3. meteoroloxía dinámica [METEOR]

    Parte da meteoroloxía que estuda as leis de movementos da atmosfera e os mecanismos de formación e desenvolvemento dos sistemas ou perturbacións meteorolóxicas de diferentes escalas, mediante a aplicación das leis da dinámica de fluídos na atmosfera. Así, a predición meteorolóxica mediante modelos numéricos é unha das partes principais da meteoroloxía dinámica. Nos estudos prácticos de diagnóstico e de predición, utilízanse mapas e diagramas que representan o estado da atmosfera a unhas horas determinadas e sobre unha extensión restrinxida.

  4. meteoroloxía física [METEOR]

    Parte da meteoroloxía que estuda a radiación solar, primeira fonte de enerxía do sistema Terra-atmosfera, e a súa transformación noutros tipos de enerxía que interveñen nos fenómenos meteorolóxicos, a termodinámica da atmosfera, a física das nubes, os procesos que dan lugar ás precipitacións, as tempestades e os meteoros eléctricos e ópticos.

  5. meteoroloxía sinóptica [METEOR]

    Conxunto de estudos prácticos que se aplican diariamente para a previsión do tempo. A micrometeoroloxía estuda os procesos que se dan na parte máis baixa da atmosfera, denominada capa límite, onde teñen lugar os intercambios de materia e enerxía coa superficie terrestre e onde os fenómenos de viscosidade, turbulencia e, en definitiva, o rozamento do aire coa terra, son máis importantes. A aeroloxía estuda as capas atmosféricas máis altas.