México

México
Nome científico: [nome oficial: Estados Unidos Mexicanos]

Estado de América do Norte, que limita ao N con EE UU, ao L co mar das Antillas, ao S con Guatemala e Belize, e ao O co Océano Pacífico (1.958.201 km2; 99.043.000 [estim 2001]). A súa capital é Ciudad de México.
Xeografía física
O relevo é moi variado e accidentado, cuxo elemento dominante é o altiplano mexicano que ocupa gran parte do país, e que está dividido en dúas zonas, o altiplano setentrional e o meridional, limitado nos seus flancos polas chairas do SO de EE UU, Sierra Madre Oriental e Sierra Madre Occidental. As chairas costeiras son en xeral zonas baixas e compostas por materiais areosos, aínda que as costas do Pacífico, son ocasionalmente interrompidas por pequenas serras. No centro do país atópase unha cadea volcánica con dirección de O a L, onde se concentran as máximas altitudes (Orizaba, 5.700 m, e Popocatépetl, 5.452 m). A parte meridional está ocupada ao L pola península de Yucatán que é un terreo baixo e chan, cunha máxima elevación que non supera os 150 m e unha superficie de 39.340 km2. O clima é moi variado, xa que na fronteira estadounidense domina o clima mediterráneo con chuvias invernais. Na parte occidental, o desértico está ligado ao anticiclón subtropical; na costa oriental dominan as precipitacións ao longo de todo o ano; e nas terras baixas do Yucatán hai unha estación seca e unha pluviosidade menor.
Hidroloxía e medio natural
Os ríos mexicanos son pouco destacados, curtos e cun caudal pobre, o único destacable é o río Bravo ou Grande do Norte, que serve de fronteira con EE UU ao longo de 2.000 km. As formacións vexetais predominantes son a sabana e o chaparral, que se localizan no NO. O deserto e subdesertos ocupan unha grande extensión (os estados de Baixa California, Sonora e Chihuahua) e presentan unha vexetación moi escasa. Tamén hai bosques tropicais húmidos no S e ciprés mexicano no altiplano. Nas montañas son comúns os bosques e, nas zonas máis altas, os matos e os pastos. A contaminación do aire, a auga e a terra é grande nas zonas industriais, como en Ciudad de México e nas zonas urbadas da fronteira con EE UU. A deforestación acada os 6.000 km2por ano.
Xeografía económica

Sectores económicos
O país reflicte o cambio dunha economía de produción primaria, baseada en actividades agropecuarias e mineiras, cara a unha semiindustrializada. Estes logros débense ao sector empresarial privado e ás políticas gobernamentais. Na agricultura destacan os cultivos de millo (4˚ produtor mundial), cana de azucre (5˚ produtor mundial), café (4˚ produtor mundial), tabaco e froitas. O réxime da propiedade da terra, a pesar das intensas reformas agrarias, é latifundista cun gran número de campesiños sen terras. A reforma agraria comezou en 1915 e supuxo a redistribución por parte do goberno mexicano dunha considerable extensión de terra entre os eixidos e as explotacións comunais. A gandaría céntrase no vacún seguido do porcino e orientado á produción de carne e leite. A pesca tamén ten certo peso, os bancos pesqueiros máis importantes localízanse ao redor das costas de Baixa California, o golfo de México e parte da costa pacífica; a industria pesqueira está xestionada por sociedades cooperativas que son monopolios concesionarios de certos produtos. Entre os recursos minerais, os de maior importancia son o petróleo e a prata (1˚ produtor mundial), xunto co chumbo, o ferro, o uranio e o carbón. Antigamente case todas as compañías mineiras eran de propiedade estranxeira ata que a maior parte delas colaboraron co estado para nacionalizar a industria, e actualmente o capital maioritario destas compañías é mexicano. Conta cunha destacada industria siderúrxica, téxtil, química e cinematográfica. Aproximadamente o 24,9% do país está cuberto por bosques, e debido á corta incontrolada das ricas áreas madereiras, a explotación forestal está actualmente regulada polo goberno. O turismo, segunda fonte de ingresos, está moi desenvolvido en Acapulco, Cuernavaca, Veracruz, Saltillo, Ciudad de México, Puebla, Yucatán, e as grandes praias de Cancún (Caribe) e Zihuatanejo (Pacífico).
Transportes, comunicacións e comercio exterior
A rede de comunicacións por estrada e ferrocarril está ben desenvolvida. Dos 32 aeroportos internacionais, o máis importante é o de Ciudad de México. Os principais portos marítimos son Veracruz, Tampico, Acapulco e Coatzacoalcos; Tampico é o primeiro porto importador, mentres que o primeiro porto exportador é a terminal petrolífera de Pajaritos, no golfo de México. Na economía mexicana as compañías petrolíferas, o ferrocarril, a radio e a televisión son estatais. México importa soia, millo, sorgo, motores e pezas de automóbiles de EE UU, Alemaña, Xapón, Canadá e Francia; e exporta petróleo, motores e recambios de vehículos, gambas conxeladas e fibras téxtiles a EE UU, Xapón e España.
Xeografía humana
México ten case 100 millóns de habitantes e un crecemento anual de 1,1%, o 74,4% da poboación é urbana. Aínda non rematou a transición demográfica, polo que a poboación segue medrando. Desde 1920 o país experimentou un crecemento demográfico constante acompañado dunha gran mobilidade interna. A inmigración a Ciudad de México é moi intensa, provén das rexións pobres do país e adoita instalarse de xeito ilegal na capital. Tamén é importante a emigración de mexicanos, sobre todo clandestina e para traballos temporais, cara ao S de EE UU. As principais cidades son Ciudad de México, Guadalajara, Netzahualcóyotl, Monterrey e Puebla. As diferenzas sociais son moi notables. A parte desenvolvida do país está en determinados enclaves de Ciudad de México e algunhas cidades do N que teñen relacións comerciais con EE UU. Tamén a rexión de Yucatán, grazas ao turismo, é unha zona desenvolvida, mentres que, pola contra, as rexións petrolíferas, como Chiapas, son as máis pobres. O resto do país está maioritariamente despoboado.
Sociedade e goberno

Diversidade étnica e cultural
A poboación de México está conformada por un 60% de mestizos, un 30% de amerindios e un 9% de brancos. A lingua oficial do estado é o castelán e un 8% da poboación fala linguas indíxenas (entre elas, o maia, o mixteco, o náhuatl, o zapoteco e o tarahumara). Maioritariamente católica (90,4%), o 4% da poboación é atea e o 3,8% protestante, mentres que as demais filiacións relixiosas agrúpanse no 1,8% restante.
Desenvolvemento humano
O Indicador de Desenvolvemento Humano sitúa a México entre os países cun desenvolvemento humano medio (ocupa o 51º posto cun índice do 0,79). Este indicador desagregado, ofrece o seguinte balance: a esperanza de vida ao nacer é de 70 anos para os homes e de 76 anos para as mulleres; o índice de alfabetización de adultos é do 91,4% e o índice bruto de escolaridade é do 71% da poboación. O PNB por habitante é de 4.440 $ EE UU. A educación é gratuíta e obrigatoria ata os 14 anos. As escolas relixiosas legalizáronse en 1991.
Goberno e política
Antiga colonia española, foi declarada independente en 1810, pero non acadou a independencia total ata 1821. México formou unha república federal de tipo presidencialista formada por 31 estados e un distrito federal. Segundo a Constitución do 5 de febreiro de 1917, posteriormente reformada, o presidente da república exerce o poder executivo e é elixido por 6 anos non renovables. O poder lexislativo reside no Congreso de la Unión, composto polo Senado, que está formado por 128 membros elixidos por 6 anos e renovados 2/3 cada 3 anos, e a Cámara Federal de los Diputados, formado por 500 membros elixidos por 3 anos. O sistema xudicial baséase no dereito continental europeo con influencia da constitución estadounidense. A pena de morte está prevista en tempos de guerra ou no ámbito militar e acepta a xurisdición da Corte Penal Internacional, aínda que con reservas. Conta cunha Corte Suprema de Justicia onde os xuíces son designados polo presidente pero co consentimento do Senado. As principias forzas políticas son: a Alianza Electoral coñecida como Alianza por el Cambio (AC), formada polo conservador Partido Acción Nacional (PAN) e o Partido Verde Ecologista de México (PVEM); o centrista Partido Revolucionario Institucional (PRI); o bloque electoral denominado Alianza por México (AM), formado polo socialdemócrata Partido de la Revolución Democrática (PRD), o socialista Partido del Trabajo (PT), Convergencia por la Democracia, Partido Alianza Social e Partido de la Sociedad Nacionalista (PSN). Tamén existen outros partidos minoritarios como Democracia Social (DS), Partido de Centro Democrático (PCD) e Partido Auténtico de la Revolución Mexicana (PARM). Forma parte das seguintes organizacións internacionais: Acordo Norteamericano de Libre Comercio (NAFTA), Cooperación Económica Asia Pacífico (APEC), EBRD, OCDE, Organización dos Estados Americanos (OEA) e ONU.
Historia
Desde o 9000 a C, o val de México foi habitado por pobos paleolíticos cazadores e recolectores. Entre os séculos XX e XV a C iniciouse o período neolítico, no que destacou especialmente o desenvolvemento da cultura olmeca na zona de Veracruz. Durante o período clásico (ss I-IX) perfeccionouse a escultura, a pintura, a escritura e a astronomía, e realizáronse obras colosais. Entre os séculos III e VI desenvolveuse a cultura de Teotihuacán sobre os territorios de Veracruz, Michoacán e Oaxaca, mentres que ao S se estendía a cultura maia. No s IX, o pobo tolteca, orixinario de México setentrional, recuperou o culto ao deus Quetzalcóatl e creou un imperio no centro de México, con capital en Tula (1168). Derrotado polos chichimecas, estes ocuparon o baleiro deixado pola decadencia tolteca durante o s XIII. Durante o s XII xurdiu o pobo azteca, que traballou na creación dun imperio teocrático, fortemente xerarquizado e militarizado, de economía agraria e construtor de grandes edificios, que estableceu a súa capital en Tenochtitlán (1325), e que se converteu na principal potencia do centro e sur de México ata o s XV.
A conquista e o réxime colonial
Os primeiros exploradores europeos que chegaron a territorio mexicano foron os españois Francisco Hernández de Córdoba, descubridor dos asentamentos maias de Yucatán (1517), e Juan de Grijalba (1518), quen entregou a primeira información referida ao Imperio Azteca. Unha vez recibidas estas novas polo gobernador de Cuba, Diego de Velázquez, en 1519 preparouse unha expedición a México, comandada por Hernán Cortés, coa intención inicial de explorar o territorio sen levar a cabo ningún asentamento. Pero, Cortés, desamigado con Velázquez desde a súa partida, enfrontouse aos indíxenas e fundou ese mesmo ano a cidade de Veracruz. O 30 de outubro de 1519, foi recibido pacificamente polo emperador azteca Moctezuma II en Tenochtitlán, a quen mandou prender. Este feito, unido á matanza de indios liderada polo capitán castelán Pedro de Alvarado, tivo como consecuencia o apedramento de Moctezuma II polos seus súbditos (1520) e a rebelión dos aztecas, que se enfrontaron aos casteláns, aos que causaron un importante número de baixas, conseguindo expulsalos de Tenochtitlán a noite do 30 de xuño de 1520, coñecida como la noche triste. Unha vez refeito o seu exército, Cortés contraatacou, derrotou aos aztecas na Batalla de Otumba e sitiou Tenochtitlán; en 1522, foi nomeado capitán xeneral e gobernador de México. En 1535 o monarca español Carlos I creou o vicerreinado de Nueva España, con sede en México, do que dependían as Audiencias de Guadalajara, Guatemala e México. Aínda que durante os primeiros anos a pretensión española en México era conseguir a conversión dos indios ao cristianismo, desde a segunda metade do s XVI os conquistadores apoderáronse das mellores terras e obrigaron aos indios a traballar para eles, tanto nas propiedades rurais como nas minas, moi produtivas en ouro e prata, nunhas condicións que se tornaron escravizantes. Durante o s XVII tivo lugar unha importante recesión económica e un descenso demográfico que trouxo consigo longos períodos de fame, epidemias e revoltas populares. No século seguinte a situación mellorou grazas ás medidas administrativas tomadas polos Borbóns, que contribuíron á formación dunha industria local exportadora, así como á recuperación demográfica e ao incremento da produción mineira. A desconformidade dunha burguesía crioula enriquecida pero resentida coa administración colonial, a explotación e a miseria dos indíxenas e dos traballadores, o monopolio do comercio español, o exemplo da Revolución Francesa, a independencia norteamericana e o illamento comercial e administrativo entre 1795 e 1810, induciron á loita pola emancipación.
A presenza galega en México durante a época colonial
A administración civil, militar e relixiosa do vicerreinado de Nueva España contou cun importante número de galegos, desde vicerreis como García Sarmiento, relixiosos como o beato Sebastián Aparicio, arcebispos como Mateo Segade, presidentes da Real Audiencia como Antonio Álvarez de Castro, gobernadores como Xosé de Neira, a estudosos das linguas indíxenas como Pedro Afonso Betanzos. Existiu unha destacada representación das familias fidalgas e dos conventuais do reino que, sen ser xigantesca, non gardaba relación coa feble presenza da emigración galega noutros territorios. Ademais creouse unha gobernación co nome de Nueva Galicia (actual Nayarit) con capital en Compostela. Aínda que a cantidade de galegos aveciñados durante o s XVIII no vicerreinado seguiu a ser pouco cuantiosa, houbo intentos desde Galicia para incentivar a emigración, nalgúns casos con pouco éxito, como aconteceu coa Compañía de Galicia, creada en 1734 para a explotación do pau de Campeche utilizado na industria téxtil, e noutros con mellor resultado, como aconteceu co establecemento dos correos marítimos entre A Coruña, La Habana e Veracruz e a apertura do porto de Vigo ao comercio coas Antillas. Cuantifícanse en 117 os galegos emigrados con licenza a Nova España neste século, cifra á que se deben engadir os xa aveciñados naquel territorio desde épocas anteriores e o número descoñecido dos clandestinos. A pequena comunidade establecida en Ciudad de México organizouse en 1768 na Real Congregación dos Naturais e Orixinarios do Reino de Galicia, que foi a primeira entidade deste tipo creada en América e que resumiu nos seus estatutos o esquema de funcionamento dos centros galegos de épocas posteriores.
Da independencia á Revolución Mexicana
Durante a primeira etapa (1810-1820) as clases dominantes opuxéronse á independencia, iniciada o 16 de setembro de 1810 co grito de Dolores, lanzado por Miguel Hidalgo Costilla. Sufocada a revolta de 1811, a loita continuou e en 1813 José María Morelos proclamou a independencia de México; un ano despois aprobouse a Constitución de Apatzingán. O 24 de febreiro de 1821 o xeneral realista Agustín de Itúrbide pactou, co independentista Vicente Guerrero, o Plan de Iguala, segundo o que México se convertía nunha monarquía constitucional baseada en tres principios básicos: a independencia, a unidade na fe católica e a igualdade entre peninsulares e crioulos. A pesar de contar cunha forte resistencia, en 1822 os militares e parte da aristocracia proclamaron emperador a Itúrbide (Agostiño I), que protagonizou un mandato de liña conservadora. Por outra banda, a parte da nobreza e do exército restantes, xunto coa burguesía republicana, deron o seu apoio ao xeneral Antonio López de Santa Anna, que en 1822 derrocou a Agostiño I e reuniu un Congreso Constituínte que promulgou a Constitución Federal de los Estados Unidos de México (1824), de carácter moderado. A revolta liberal de 1853 interrompeu a orde colonial establecida no Plan de Ayutla e iniciou unha reforma destinada a reducir o poder da Igrexa. En 1857 aprobouse unha constitución de corte liberal, que provocou unha forte reacción conservadora e unha guerra coñecida como Guerra da Reforma (1858-1861). Os liberais, representados polo goberno liberal de ; Benito Juárez, recibiron o apoio de EE UU mentres que os franceses, mandados por Napoleón III, británicos e españois apoiaron na loita aos grupos conservadores, liderados por Félix María Zuloaga, que resultaron vencedores e proclamaron (1864) como emperador a Maximiliano I de México. Benito Juárez reemprendeu a guerra ao norte. A retirada das forzas, o descontento da aristocracia con Maximiliano e os sucesivos triunfos dos liberais remataron por entregarlle a posesión da capital mexicana, en 1867, ata a súa morte en 1872. Durante a etapa liberal, foron reformados o exército, a administración e o ensino. Entre 1875 e 1876, o xeneral Porfiro Díaz dirixiu unha revolta militar conservadora que o levou a facerse co poder. Inaugurouse así unha etapa de expansión económica e de importantes obras públicas, pero sometida a unha actuación ditatorial e represiva. A falta dunha reforma agraria, o progresivo conservadorismo do goberno ou a crise de 1907 provocaron un forte malestar popular que os liberais aproveitaron para enfrontarse a Porfirio. En 1910 Francisco Madero proclamou o Plan de San Luis, que marcou o paso da reforma á Revolución Mexicana, e un ano despois acadou a presidencia do país. Ante a incapacidade de Madero para levar a termo as aspiracións dos agraristas (Emiliano Zapata, Pascual Orozco) que se fixeran constar no Plan de Ayala (1911), estes levantáronse contra o presidente, xunto cos capitalistas estadounidenses, os conservadores e o alto clero. Finalmente os porfiristas, dirixidos polo xeneral Victoriano Huerta, depuxeron a Madero e iniciaron a represión no campo. Pero Huerta, abandonado polos estadounidenses, foi vencido por unha coalición de agraristas, liderada entre outros, por Pancho Villa e Emiliano Zapata, e de facendados, entre os que se atopaba Vetustiano Carranza, que se proclamou presidente da República en 1917 e baixo cuxo mandato se aprobou a Constitución de Querétaro (1917).
A presenza galega en México tras a independencia
Nos anos que seguiron á independencia, a pequena emigración galega a México paralizouse debido á inestabilidade política e á hostilidade amosada contra os españois, que culminou na expulsión dos mesmos en 1827. O proceso migratorio non se reanudou ata o goberno de Porfirio Díaz (1876-1911), quen mantiña excelentes relacións cos comerciantes e financeiros españois establecidos no país. Por influencia destes, o goberno favoreceu unha política de atracción inmigratoria da que se beneficiaron algúns galegos, que volveron considerar México como un destino atractivo. Entre 1878 e 1936 emigraron a México 2.135 galegos, a maioría deles procedentes da provincia de Ourense. En 1911 creouse o Orfeón Galego de México DF, que en 1917 deu orixe ao Centro Galego. Ademais, a política de acollida de refuxiados republicanos propiciada por Lázaro Cárdenas facilitou a chegada de exiliados galegos, que atoparon naquela terra unha segunda patria, de xeito temporal ou definitivo. Entre eles estaban persoas destacadas da vida cultural, política e académica de Galicia como Bibiano Fernández Osorio-Tafall, Marcial Fernández, Edmundo Lorenzo, Andrés Novo, Demetrio Bilbatúa, Xosé Frau Ruíz, Arturo Souto, Carlos Velo, Xosé Almoina Mateos, Florencio Delgado Gurriarán, Xesús Bal y Gay, Serafín Ferro, Luís Soto, Benito Búa e Xoán López Duro. Comezaron deste xeito a xurdir iniciativas culturais e políticas galegas de longo alento, como a Alianza Nazonal Galega, na que confluíron todos os grupos galegos de exiliados antifranquistas, a edición en 1943 do Cancioneiro da Loita Galega ou o Padroado da Cultura Galega, creado en 1953 como patrocinador do libro Presencia de Galicia en México e das revistas Saudade e Vieiros. Creáronse emisións de radio como Hora de Galicia, a iniciativa de Roxelio Rodríguez de Bretaña e Elixio Rodríguez, emitida a través dunha emisora propiedade do ourensán Ramón Ferreiro. Posteriormente, esta emisión deu pé a Por los caminos de España, de emisión diaria pola emisora ABC Internacional de México DF, que incluía un programa semanal dedicado a Galicia. Xa en tempos máis recentes continuaron xurdindo novas entidades asociativas galegas en terras mexicanas como os Centros Galegos de Guadalajara, Querétaro e Tijuana.
O século XX: o protagonismo político do PRI
A Revolución Mexicana abriu unha etapa de cambios moderados coas presidencias de Álvaro Obregón (1920-1924), Plutarco Elías Calles (1924-1928) -fundador do Partido Nacional Revolucionario (Partido Revolucionario Institucional ou PRI desde 1946)- e Lázaro Cárdenas (1930-1940), que asumiu durante o seu mandato a chegada dun importante número de españois que se viron forzados ao exilio tras a caída da Segunda República Española (1939). A partir da segunda metade do s XX, México desenvolveu unha política interior caracterizada polo autoritarismo, o conservadorismo e a corrupción, fronte a unha política exterior de prestixio (Xogos Olímpicos de 1968) e, polo xeral, moi avanzada. O liberalismo económico de Gustavo Díaz Ordaz (1964-1970) foi sucedido polo populismo de Luis Echevarría Álvarez (1970-1976), que iniciou unha política de independencia económica respecto a EE UU, continuada por José López Portillo (1976-1982), que en política interior outorgou maior proporcionalidade ao sistema electoral, ao tempo que legalizaba varios partidos da oposición (1978). Desde 1982, o goberno de Miguel de la Madrid Hurtado caracterizouse pola loita contra o déficit público e o endebedamento exterior, a privatización da banca e a política de austeridade e de loita contra a corrupción administrativa. Con Carlos Salinas de Gortari (1987-1994), acentuouse a política de privatizacións, completouse a reforma agraria e conseguiuse a redución da débeda externa. Pero a corrupción institucional fíxose cada vez máis evidente, e o 1 de xaneiro de 1994, coincidindo coa entrada en vigor do Acordo Norteamericano de Libre Comercio (NAFTA), produciuse unha revolta encabezada polo Exército Zapatista de Liberación Nacional (EZLN) na rexión de Chiapas. Os insurxentes, que contaban cun forte apoio indíxena, reivindicaban xustiza social (reparto equitativo das terras) e unha mellora nas condicións de vida das comunidades indíxenas. Mentres tanto, ese mesmo ano, Ernesto Zedillo acadaba a presidencia, tras o asasinato do seu predecesor Luis Donaldo Colosio. En 1996 asináronse os Acuerdos de San Andrés, favorables á comunidade indíxena, entre os zapatistas e o presidente, pero ante a parálise dos acordos por parte do goberno, xurdiu o Frente Zapatista de Liberación Nacional (FZLN) como brazo político do zapatismo.
Cambio de rumbo da política mexicana: o triunfo da Alianza por el Cambio
Os comicios do ano 2000 significaron un cambio radical na política mexicana, xa que por primeira vez en 70 anos o Partido Revolucionario Institucional (PRI) perdeu unhas eleccións. A vitoria recaeu en Vicente Fox, que se presentaba como abandeirado da Alianza por el Cambio, coalición integrada polo Partido de Acción Nacional (PAN), que el representaba, e o Partido Verde Ecologista de México (PVEM). En decembro dese mesmo ano, o subcomandante Marcos aceptou as propostas de paz do presidente, a cambio da liberación dos presos zapatistas e o cumprimento dos Acuerdos de San Andrés. En febreiro de 2001, o EZLN iniciou unha marcha pacífica desde San Cristóbal de las Casas ata Ciudad de México co fin de que o goberno realizase unha reforma constitucional na que se recoñecesen os dereitos dos indíxenas mexicanos. En xuño de 2001, rexeitou a lei sobre dereito e cultura indíxena proposta polo goberno, polo seu desacordo co conxunto de emendas introducidas polo Congreso mexicano.