Mezquita, A
Concello da comarca de Viana, situano na provincia de Ourense no SL da Comunidade Autónoma de Galicia, situado a 42° 00’ 30’’ de latitude N e 7° 02’ 30’’ de lonxitude O. Limita ao N con Viana do Bolo (comarca de Viana) e coa provincia de Zamora, ao L coa provincia de Zamora, ao S con Portugal, e ao O coa Gudiña (comarca de Viana). Abrangue unha superficie de 104,3 km 2 , cunha poboación de 1.406 h (2007) distribuída nas parroquias de Cádavos, Castromil, Chaguazoso, A Esculqueira, Manzalvos, A Mezquita, O Pereiro, Santigoso e A Vilavella. A súa capital é a vila da Mezquita, na parroquia do mesmo nome, que dista 236 km de Santiago de Compostela e 124 km de Ourense. Está adscrito á diocese de Ourense, ao arciprestado da Gudiña, e ao partido xudicial de Verín.
Xeografía física
As terras da Mezquita están en plenas serras orientais, nos contrafortes da serra Segundeira, dominadas por materiais graníticos. O segundo elemento que caracteriza este territorio é a pertenza á conca do Douro, que introduce un progresivo descenso da altitude media cara ao S, e enlaza coas terras portuguesas de Trás-os-Montes. Con máis detalle, pódese dividir o territorio en tres sectores ben definidos, en primeiro lugar, o sector setentrional, que se corresponde con macizos elevados, como as serras do Canizo e do Marabón, con altitudes comprendidas entre os 1.200 m e 1.600 m, e en que destacan como principais cotas o Aguallal (1.664 m), alto do Marabón (1.493 m), chao do Porco (1.469 m) e alto do Canizo (1.459 m). O sector central e meridional correspóndese cun plano inclinado de N a S no que se suceden resaltes montañosos de escasa entidade con vales apenas escavados con dirección NL-SO. A altitude media está entre os 900 e 1.000 m e destacan cotas como Pedreira (1.153 m) e Penedo dos Tres Reinos (1.025 m). O concello da Mezquita pertence a un dominio climático oceánico mediterráneo de montaña. A elevada altitude media é o principal condicionante do seu clima, caracterizado polas súas baixas temperaturas e unhas precipitacións elevadas. A temperatura media anual é de 10,6°C, cunha media en xaneiro de 4,5°C e 18,6°C en agosto, aínda que acada unha amplitude térmica extrema que chega aos 26°C. A precipitación anual media é de 1.460 mm, cunha distribución estacional que amosa unha notable seca estival. O 43% de precipitación recóllese en inverno, fronte ao 8% do verán, e os valores medios da primavera son do 25% e do outono do 23%. A rede hidrográfica pertence integramente á conca do río Douro, xa que coincide co curso alto de ríos que rapidamente penetran en terras portuguesas. Destacan o Pereira, que drena o NO seguindo unha dirección NL-SO, e os ríos Azureira ou Cádavos e o rego das Veigas, que drenan as parroquias centrais e meridionais cunha dirección tamén NL-SO. A vexetación natural (cerqueiros e bidueiros) consérvase bastante ben, especialmente nos vales máis abrigados, destacando pola elevada altitude media grandes extensións de pastos naturais e mato de escaso porte.
Xeografía humana
A poboación da Mezquita caracterízase pola continua perda de efectivos demográficos, de feito o seu máximo ao longo do s XX acádase en 1900, mentres que en 2001, a súa poboación apenas é a metade dese máximo demográfico. Entre 1900 e 1910 perdeu levemente poboación (nesta década o crecemento interanual cífrase no -0,41%), estancouse entre 1910 e 1920 (0,02% de crecemento interanual), retomou as perdas poboacionais entre 1920 e 1930 (-0,96% interanual), e entre 1930 e 1940 recuperou habitantes moi levemente (0,18% interanual), que perdeu parcialmente entre 1940 e 1950 (-0,12% interanual). Entre 1950 e 1960 acelerouse a contracción demográfica (-0,41% de retroceso interanual), que se acrecentou entre 1960 e 1981 (-1,38%), para refrearse entre 1981 e 1991 (-0,22%) e volver acelerarse entre 1991 e 2001 (-1,57% interanual). Entre 2001 e 2007 o descenso foi do 1,60%. As causas deste continuado retroceso están na emigración, impulsada polas negativas condicións ambientais propias dun espazo de montaña. Aos tradicionais destinos da emigración, América, Europa Central e outras rexións españolas industrializadas, uníronse máis recentemente as principais cidades de Galicia e a localidade de Verín. En 2006 o crecemento natural foi negativo (-17,7‰) froito dunha baixa natalidade (2,5‰) e unha elevada mortalidade (20,2‰). A poboación está avellentada, os menores de 20 anos suman o 10,2% da poboación e os de máis de 65 anos o 35,2%;o grupo intermedio representa o 54,6%. Por sexos dominan os homes: 52,56% fronte ao 47,44% de mulleres.
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do concello da Mezquita é do 42,8% (56,1% a masculina e 29,1% a feminina); a taxa de ocupación é do 34,3% (43,7% a masculina e 24,6% a feminina) e a taxa de paro é do 19,8% (22,1% a masculina e 15,2% a feminina). O sector primario dá traballo ao 18,6% da poboación ocupada. A superficie cultivada ocupa o 20,23% do territorio; o principal cultivo é o centeo, seguido polos cultivos forraxeiros e a pataca. Os prados e os pastos ocupan o 23,62% do seu territorio. A industria ocupa o 6,6% da man de obra, sen existir máis que talleres de escasa dimensión. A construción ocupa o 24,9% da man de obra, ocupada preferentemente en empresas con obras en Verín, A Gudiña ou Viana do Bolo. Os servizos adquiren unha gran relevancia, co 49,9% do emprego, moitos ocupados en establecementos á beira da N-525, pero tamén nos concellos veciños como A Gudiña ou Puebla de Sanabria. As principais vías de comunicación son a autovía A-52, de Vigo a Benavente, e a N-525, de Santiago de Compostela a Benavente, á que se unen estradas locais que a unen con terras zamoranas e con Portugal. Atravesa o territorio o ferrocarril A Coruña-Medina del Campo.
Historia
O carácter fronteirizo condicionou a historia da Mezquita, moi unida a terras lusitanas de Trás-os-Montes e ás zamoranas de Sanabria. Na romanización, a área do noroeste quedou baixo a influencia do convento Astur e o resto do territorio baixo o convento Bracarense. Durante a Idade Media foi dominio dos condes de Monterrei e dos de Benavente, e tamén tivo relación cos marqueses de Láncara. Viuse afectada polas intermitentes guerras que opuxeron ao Reino de Castela co de Portugal. Durante o Antigo Réxime, as terras da Mezquita pertencían á xurisdición de Vilavella da Mezquita, na que se mesturaban parroquias de reguengo con outras rexidas polo conde de Amarante e o marqués de Cautelar. Coa división municipal de comezos do s XIX formouse un concello co nome da Mezquita e en 1835 constituíuse o concello coas demarcacións actuais. Ata 1965 pertenceu ao partido xudicial de Viana do Bolo e posteriormente pasou formar parte do de Verín.
Patrimonio cultural>
Da arquitectura relixiosa destaca a igrexa neoclásica de San Martiño da Mezquita (s XVIII), obra de Simón de Monasterio, e da arquitectura civil, o pazo da Mezquita. Algunhas zonas do territorio da Mezquita forman parte do espazo natural de Pena Maseira, declarado Lugar de Importancia Comunitaria dentro da Rede Natura 2000. Das festas que teñen lugar no concello destacan a festa patronal de San Martiño que se celebra o 11 de novembro, coa celebración do magosto, en agosto celébrase a Virxe das Neves e en xaneiro, a festa dos Reis.
Datos de poboación (2007)
| Provincia | OURENSE |
|---|---|
| Comarca | Viana |
| Extensión | 104 Km2 |
| Poboación Total | 1406 h |
| Poboación Homes | 739 h |
| Poboación Mulleres | 667 h |
| Densidade de poboación | 13.52 h/Km2 |