Milagres

Milagres
[ONOM]

Antropónimo feminino que ten a súa orixe na advocación da Virxe (Nosa Señora dos Milagres). O substantivo ‘milagre’ procede do latín miraculu ‘prodixio, portento, marabilla’. Tense dito que no latín medieval tamén significou “lugar alto, posto de vixía” e que de tal polisemia puido nacer a vinculación relixiosa a tales lugares. Presenta o hipocorístico Mila. A Virxe dos Milagres recibe culto popular en moitos lugares de Galicia; destaca pola súa popularidade a do santuario de Amil (celebrada o primeiro domingo despois do 8 de setembro),   en Moraña, os Milagres de Saavedra (o 24 de maio), en Begonte, e os do Monte Medo (o 7 e 8 de setembro), en Baños de Molgas. A Virxe dos Milagres é patroa do concello de Taboada e de Valga, onde se celebra o 10 e o 28 de agosto, respectivamente.