mineraloxía
(< mineral + -loxía)
Ciencia que estuda os minerais. A mineraloxía non soamente se ocupa das substancias que forman a codia terrestre, senón que tamén comprende os meteoritos e os minerais extraterrestres. O documento máis antigo sobre minerais é o Tratado das pedras, do filósofo grego Teofrasto (372-287 a C). No s I, Plinio compilou moitos coñecementos de historia natural e describiu moitos minerais que entón se utilizaban como xemas, colorantes ou minerais metálicos. Durante a Idade Media a mineraloxía non tivo apenas importancia, e o interese por esta ciencia non rexurdiu ata o Renacemento. Unha obra clásica deste período é a de G. Agricola; despois del destaca a figura de Niels Tensen, coñecido como Stenon, que en 1669 enunciou a lei de constancia da simetría (ou dos ángulos diedros), que pon de manifesto a importancia da forma cristalina e dá pulo ao desenvolvemento da cristalografía. Durante o s XVIII os progresos foron lentos, pero constantes; entre os investigadores cómpre destacar a A.G. Werner (1750-1817). Nesta época a mineraloxía e a química estaban moi ligadas, feito que motivou o descubrimento de moitos elementos químicos. Non obstante, a importancia da cristalografía para o estudo dos minerais foi establecida sobre todo grazas aos traballos de René Haüy (1743-1822). Durante os primeiros anos do s XIX houbo un avance no campo mineralóxico, motivado sobre todo pola formulación da teoría atómica e polo descubrimento de que os minerais son substancias químicas de composición definida. En 1870 a invención do microscopio polarizador e a súa aplicación para determinar as propiedades ópticas dos minerais foi de grande importancia. Ao comenzo do s XX destaca a achega de Max von Laue, que en 1912 demostrou que os cristais difractan os raios X e que as fotografías obtidas por difracción permiten deducir as posicións reais dos átomos nos cristais (diagrama de Laue). Dentro da mineraloxía, podemos diferenciar a mineraloxía mineral, que estuda a estrutura, morfoloxía e composición fisicoquímica dos minerais, así como a súa cristalografía; a mineraloxía descritiva, que realiza as descricións dos distintos minerais; a mineraloxénese e a mineraloxía aplicada, que estuda os xacementos. En Galicia, a importancia da mineraloxía esta moi ligada á da xeoloxía, debido ás investigacións xeolóxicas que realizaron entre outros G. Schulz, A. Valenzuela, López Seoane, Casiano del Padro e á creación, xa no s XX, do Instituto Xeolóxico de Laxe, por Isidro Parga Pondal.