minerval

minerval

(< lat minervale)

  1. adx

    Relativo ou pertencente a Minerva.

  2. festas minervais [LIT]

    Certame literario promovido pola Universidade de Santiago de Compostela desde 1536, como homenaxe ao seu fundador, Alonso de Fonseca. Convertéronse nunha referencia literaria e lingüística moi importante pois, malia que a maior parte dos autores que participaron nos certames enviaron as súas composicións en castelán e latín, houbo algúns que excepcionalmente compuxeron as súas obras en lingua galega. Dos certames anuais apenas quedan máis noticias ca as correspondentes á súa convocatoria. A única excepción constitúena as celebradas en 1697, ás que se presentaron máis de 100 autores, e das que se conserva unha recompilación incluída nun volume titulado Fiestas Minervales y Aclamación perpetua de las Musas à la inmortal memoria de el Ilustrissimo y Excelentissimo Señor D. Alonso de Fonseca, que se converteu na mellor representación da poesía barroca en Galicia. Coñécense ata un total de nove romances en lingua galega de especial interese lexicográfico para o estudo da lingua da época e cunha estética desigual, todos eles supeditados a un tema anunciado na convocatoria. No que se refire á contía do premio, cómpre sinalar que para o primeiro estaba reservada unha medalla de ouro coa efixie do Apóstolo Santiago, mentres que o segundo recibiría tres garfos e tres culleres de prata, e o terceiro oito libras de chocolate. A estas composicións tamén hai que sumar as que se enviaron para celebrar a canonización de Pío V (1713). Co tempo, incluíuse na denominada Xeración das Festas Minervais, un grupo de escritores que foron galardoados en diversos certames celebrados pola Universidade de Santiago de Compostela ao redor da década de 1950 e que non conforman un colectivo homoxéneo polas súas características literarias. Dentro deste grupo de autores, cómpre salientar a Xosé Fernández Ferreiro, Salvador García-Bodaño, Bernardino Graña, Ramón Lorenzo, Manuel María, Méndez Ferrín, Avilés de Taramancos, etc.

Palabras veciñas

Minerva | MINERVA | Minerva, Certame Literario | minerval | minestra | ming | minga