Morrazo, comarca do

Morrazo, comarca do

Comarca rururbana situada no límite centro-occidental da provincia de Pontevedra, na península que lle dá nome, O Morrazo, que separa as rías de Pontevedra e Vigo. Limita ao N coa ría de Pontevedra, ao S coa de Vigo, ao O co Océano Atlántico, e ao L coa comarca de Pontevedra (concellos de Pontevedra e Vilaboa). Abrangue unha superficie de 140,7 km2, en que acolle unha poboación de 79.215 h (2001), distribuída nos concellos de Bueu (30,8 km2; 12.350 h), Cangas (38,1 km2; 23.981 h), Marín (36,7 km2; 24.997 h), e Moaña (35,1 km2; 17.887 h). A súa situación nunha península fai que a comarca sexa un espazo xeográfico ben diferenciado, pero non illado, xa que o proceso de urbanización e a súa situación entre as dúas grandes cidades pontevedresas fai que se una funcionalmente a elas. Deste xeito, Marín consolidouse como un centro portuario vinculado no ámbito socioeconómico a Pontevedra, mentres que no S, nos concellos que dan á ría de Vigo, Cangas e Moaña, hai unha dependencia da cidade olívica, á que os unen significativos fluxos económicos, empresariais e laborais. Así, desde un punto de vista funcional e socioeconómico, a comarca do Morrazo é un espazo intermedio que se sitúa entre as respectivas áreas de influencia das dúas cidades próximas. Non conta cunha cabeceira clara, existe unha clara bicefalia entre Cangas (42° 15’ 30’’ latitude N - 8° 46’ 30’’ lonxitude O) e Marín (42° 23’ 20” latitude N - 8° 42’ lonxitude O), que contan con servizos especializados que dan cobertura terciaria ao resto de concellos, aínda que moitos traballadores dos sectores secundario e terciario acoden diariamente desde Cangas e Moaña a Vigo, e desde Marín e Bueu a Pontevedra.
Xeografía física
O relevo da comarca do Morrazo aparece caracterizado por ser un territorio que se desenvolve na península do mesmo nome, que separa as rías de Pontevedra e Vigo, cunha orientación SSO-NNL, idéntica á desas rías. Trátase dun bloque macizo que se presenta como un resto de antigas superficies de erosión fragmentadas e erguidas durante o Terciario pola tectónica, en clara relación coa apertura da Depresión Meridiana. Pódense recoñecer restos de dous niveis achairados, un a 600 m de altitude, en que perviven pequenos outeiros (Domaio, 622 m; Castiñeiras, 436 m), e outro a 400 m. Desde o Faro do Domaio, na confluencia dos concellos de Moaña e Marín, a altitude da península descende de xeito moderado cara ao O e ao N, e máis acusadamente cara ao S e ao L, cara a onde o mar se atopa máis cerca. O macizo granítico do Morrazo parece ter unha forte unidade, pero presenta numerosas fracturas en dirección N-S que o disecan. Na área oriental, a Depresión Meridiana que percorre Galicia de N a S corta a súa continuidade de xeito brusco. Cara ao O, outra fractura coa mesma dirección abre a ría de Aldán e a península de Donón. Malia a orientación da península do Morrazo, as principais aliñacións montañosas, restos de antigas superficies de erosión, esténdense de forma meridiana seguindo a disposición da litoloxía. En xeral, esas superficies de erosión están mal conservadas e interrompidas por outeiros graníticos e vales, froito dunha erosión diferencial moi activa. No tramo costeiro do N da península existe en xeral unha superficie aplanada a nivel do mar, froito dun proceso de abrasión mariña terciaria, cun desenvolvemento duns 100 m de altitude, agás no sector de Bueu, ao O, onde penetra bastante no interior propiciada por unha liña de fractura. A transición cara ás serras do Morrazo é paulatina e aparece moi disecada por unha rede de pequenos ríos e regatos (Grela, Loria, Corgadas, Frade) que aproveitan fallas descendendo desde os niveis máis altos da península. Neste sector apenas existen tramos acantilados. Os accidentes máis destacados da marxe meridional da ría de Pontevedra, na área máis occidental da beira N da península do Morrazo, son a ampla enseada de Aldán e a contigua península de Donón. Esta enseada ou pequena ría ten unha dirección meridiana cunha clara forma de funil, con 7 km de lonxitude. A pequena ría de Aldán está unida ao Morrazo por un estreito istmo, o de Nerga, que non supera os 20 m de altitude. O resto da franxa N costeira da comarca aparece como unha paisaxe de pequenos entrantes e saíntes cara ao mar que forman enseadas e pequenas penínsulas, como as de Bueu e Marín. As praias desenvólvense nos pequenos entrantes costeiros (Mogor, Aguete, Lampamán, Bueu e pequenos areais da ría de Aldán). Forman parte da comarca tres illas que se asentan na ría de Pontevedra, Ons e Onza, na súa entrada, e Tambo, no seu fondo; as dúas primeiras chegan a acadar cumios de 130 m de altitude e actúan como barreiras que protexen a ría da forza do mar aberto, mentres que a terceira se aproxima no seu punto máis alto aos 40 m de altitude. Trátase de illas graníticas e no caso da máis importante, Ons, hai que destacar a disimetría das súas costas, pois a oriental, que dá á ría, é rectilínea e baixa, e nela ábrense varias praias, mentres que a occidental é abrupta e recortada, cun desenvolvemento de cantís de altura. Pola súa banda, a beira S da península do Morrazo, que se corresponde coa costa setentrional da ría de Vigo, presenta unhas ribeiras máis recortadas que na beira N. Neste sector meridional, as pequenas penínsulas e as enseadas son moito máis abundantes. Aparece ao igual que no N o nivel costeiro de abrasión desde a península de Donón ata Meira en Moaña. O sector máis occidental de Donón é unha costa máis rectilínea e acantilada, que acada varias altitudes duns 100 m (Couso, Fontecha, Costado do Río, Facho e Melide). Desde a enseada de Barra, a chaira litoral volve aparecer e penetra cara ao interior como en Liméns, Cangas (desde onde parte unha fractura meridiana cara ao N ata Bueu en que se asenta a estrada C-550) e Moaña. Non obstante, a partir da punta Arroás, a serra de Domaio chega case ata a costa. En todo este sector S do Morrazo as praias aparecen ben representadas nas enseadas (Barra, Liméns, Cangas e Moaña). O clima da comarca do Morrazo pódese encadrar dentro do dominio oceánico húmido, e dentro dos subtipos galegos pertence ao do litoral das Rías Baixas. Caracterízase por unha forte pluviosidade que deriva da exposición favorable aos ventos húmidos do SO que son os que xeran unha gran parte das chuvias que se rexistran. Ademais, o relevo pronunciado desta península favorece que se superen os 2.000 mm nas terras máis altas e os 1.500 mm nas ribeiras das rías de Pontevedra e Vigo. O réxime pluviométrico mostra un claro máximo invernal (38% das precipitacións anuais) e dous máximos secundarios en outono (27%) e primavera (26%), xunto a un mínimo moi acusado no verán (9%) que, unido ás temperaturas medias máis altas do ano dese período, favorece a aparición dun déficit hídrico durante os meses de xullo e agosto de entre 150 e 200 mm. O promedio anual de días de chuvia sitúase entre 140 e 150, máis baixo que no resto do litoral galego, o que non supón menores precipitacións absolutas, senón un ritmo máis intenso ao concentrarse unha maior pluviosidade en menos días de chuvia como consecuencia dos fortes chuvascos que acompañan as frontes frías das perturbacións ciclónicas do SO. Como a comarca se atopa nunha latitude das máis meridionais de Galicia, a insolación é das máis altas da Comunidade, circunstancia que repercute nunhas temperaturas medias bastante elevadas e fan que a comarca sexa o litoral máis cálido de toda Galicia, cunha temperatura media anual que se sitúa entre os 14,5°C e os 15°C. Os meses con maior temperatura son xullo e agosto, que superan nunhas décimas os 20°C, se ben xuño e setembro acadan valores tamén moi agradables, con medias por riba dos 18°C. A suavidade térmica tamén aparece no inverno, cunhas temperaturas medias que en poucas ocasións baixan dos 10°C nos meses máis fríos, decembro e xaneiro. Deste xeito, a oscilación térmica anual é feble. Sobre os solos podemos indicar que existen dous tipos fundamentais na comarca. Por unha parte están os que se desenvolven nas áreas máis próximas á costa e de pendentes máis suaves, que presentan unhas características que os fan bastante aptos para o cultivo anual, aínda que con algunhas limitacións derivadas da súa acidez e pouca profundidade. Nas áreas máis elevadas do centro da península, de pendentes máis acusadas, aparece un litosolo cun único horizonte e pouca profundidade, que o fai exclusivamente adecuado para o aproveitamento forestal. Como consecuencia dos caracteres climáticos e edafolóxicos, a vexetación ocupa boa parte da comarca, agás nas áreas máis altas en que adoita aparecer a rocha núa. O manto vexetal é fundamentalmente arbóreo coa excepción de pequenas áreas ocupadas só por matos. As especies forestais dominantes son o Pinus pinaster e o Eucaliptus globulus, subsisten tamén pequenas manchas de carballo (Quercus robur), mentres que entre as matogueiras dominan as especies típicas atlánticas como as dos xéneros Ulex e Ericas. As illas de Ons e Onza son un espazo protexido que forma parte do Parque Natural das Illas Atlánticas, e destacan sobre todo polo seu valor ecolóxico como lugar onde aniña unha ampla variedade de especies ornitolóxicas migratorias.
Xeografía humana
A poboación da comarca do Morrazo coñeceu un intenso e continuo crecemento desde a publicación do primeiro censo moderno (1887), cando contaba con 28.513 h, ata 2001. Non presentou en ningún momento crises demográficas acusadas como aconteceu noutras áreas de Galicia porque a súa privilexiada situación costeira e a proximidade ás cidades de Pontevedra e Vigo favoreceron a existencia dunha oferta laboral en traballos fundamentalmente vinculados ao mar, pesca, cordoarías, estaleiros, conservas e salgado de peixe, aínda que tamén na industria viguesa ou no sector terciario das urbes próximas. Esta situación fixo que a emigración exterior tivese unha menor incidencia que noutras áreas de Galicia, ao mesmo tempo que motivou a chegada de fluxos inmigratorios desde outras áreas da Comunidade. Deste xeito, a poboación comarcal tivo un incremento do 1,65% anual de 1887 a 1940, momento a partir do que diminuíu o aumento demográfico como consecuencia das penurias da posguerra. Así, desde ese ano e ata 1950 o aumento poboacional foi moi pequeno (0,14% anual). Durante esa década dous dos concellos integrantes da comarca chegaron a perder efectivos (Cangas, -0,32% anual; Moaña, -0,18%). A partir de 1950 recuperouse o crecemento, de xeito que a poboación medrou un 1,08% anual ata 1981. Despois desa data abriuse un novo episodio de crise, sen chegar a valores negativos (incremento anual do 0,11% ata 1991). Foi unha década de fonda crise económica na comarca, motivada fundamentalmente polos problemas que atravesaron os piares da economía local, o sector naval coa reconversión imposta pola entrada na UE, a crise do sector conserveiro diante da escasa competitividade que presentaba e a diminución de capturas pesqueiras nos caladoiros propios e os exteriores. Neste período foron os dous concellos con menores recursos humanos os que peor afrontaron a situación, de xeito que Bueu perdeu un 0,38% da súa poboación cada ano, mentres que Moaña, un 0,16%. Superada a crise, de novo retomouse a senda do incremento de habitantes, cun notable crecemento anual do 0,97% no conxunto do Morrazo entre 1991 e 2001. Moito máis espectacular resultou o incremento demográfico da vila de Marín, que medrou un 3% anual de 1887 a 1940. No decenio seguinte (1940-1950) medrou un 3,6%, precisamente no momento de maior crise do resto da comarca, pero neste caso a evolución foi contraria grazas á apertura da escola naval militar en 1943. Descendeu logo un pouco ese forte ritmo, pero a vila mantivo o pulo demográfico ata 2001 (2,1% anual de 1950 a 2001). A outra vila cabeceira da comarca, Cangas, coñeceu en cambio unha evolución diferente, con momentos de forte crecemento (1887-1940, un 2,12% anual; 1950-1960, un 0,37% anual; e 1970-2001, un 1,87%) e outros de retroceso (1940-1950, -1,8% anual; e, 1960-1970, -0,37% cada ano). O continuo incremento da poboación e a escasa incidencia da emigración exterior favorece que O Morrazo sexa un dos espazos máis novos de Galicia, de xeito que a súa estrutura por idades (2000) mostra un maior número de persoas de menos de 20 anos (20,99%) que de 65 ou máis (14,91%), algo bastante excepcional en Galicia. Por sexos (2001) dominan levemente as mulleres (50,73%) sobre os varóns. Os mesmos factores que inciden na xuventude demográfica comarcal determinan a existencia dun saldo vexetativo positivo (1,36‰) froito dunha natalidade do 8,89‰ (2001), superior á media da súa provincia (8,29‰) e galega (7,11‰), e dunha mortalidade moi baixa (7,53‰) tanto no seu contexto provincial (9,01‰) como no galego (10,5‰).
Xeografía económica
A economía comarcal está baseada nas actividades relacionadas co mar, fundamentalmente na pesca e na industria dela derivada, aínda que tamén son significativas as actividades portuarias relacionadas coas mercadorías que se moven no porto de Marín, debido á súa potenciación ao longo da década de 1990 cando se ampliou o peirao de mercadorías aumentando o número de atracadas e de toneladas desembarcadas. A importancia da pesca maniféstase observando o número de empregos directos que xera (30% en Bueu, 20% en Cangas, 17% en Marín e 15,8% en Moaña). A estas cifras débense engadir as numerosas persoas que traballan nas oito empresas de conservas e procesado de peixe, na comercialización e transporte da pesca, nas dúas fábricas de xeo ou nas 13 empresas de construción e reparación de buques existentes na comarca. O porto de Marín destaca por riba do resto debido a que é base dunha importante frota de conxeladores de grande altura que faenan en caladoiros de todo o mundo, aínda que non se debe esquecer tampouco que o de Marín é o terceiro porto de baixura de Galicia en número de capturas, tras os da Coruña e Ribeira. Pola súa banda, o porto de Bueu sitúase tamén entre os de maior importancia en Galicia dedicados á pesca. Os polígonos de bateas que cultivan mexillón son abondosos e xeran cuantiosos ingresos aos pequenos propietarios desas explotacións acuícolas. Fóra desta actividade cómpre destacar os servizos,destaca especialmente o concello de Marín (50,3%) como consecuencia das súas funcións de cabeceira e da proximidade á cidade de Pontevedra, de xeito que moitos traballadores terciarios, pero tamén da industria, acoden desde esta vila á capital do Lérez a desenvolver a súa xornada laboral. Esta circunstancia repítese nos outros tres concellos comarcais, aínda que en Cangas e Moaña a maior parte dos desprazamentos pendulares diarios son cara a Vigo. Entre os traballadores terciarios destacan aqueles que se dedican ao comercio (10,17% dos ocupados), tamén son frecuentes os empregados na Administración Pública (6,56%), na educación (4,72%), no transporte (4%) e na hostalaría (4%). O turismo acada moita forza na comarca grazas aos recursos, como praias, bo clima, paisaxe e gastronomía, pero non repercute apenas na creación de emprego porque adoita ser de segunda residencia. Pola súa banda, a industria presenta certa importancia pois existen significativas empresas conserveiras e estaleiros, especialmente en Moaña, onde máis de 500 persoas traballan neste tipo de actividades empresariais, de xeito que neste concello a industria (30,1%) se converte no segundo sector económico en importancia á hora de xerar emprego tras os servizos (44,3%). A construción, non obstante, non acada moito peso (11% en Bueu, 11% en Cangas, 10,2% en Marín e11,3% en Moaña). Isto indica a proliferación de empresas de construción con poucos traballadores pero cunha produtividade relativamente alta. Por último, a agricultura acada uns valores pouco significativos como creadora de emprego (1,3% en Bueu, 1% en Cangas, 0,9% en Marín e 1,4% en Moaña), aínda que a súa importancia real é maior pois é moi practicada a tempo parcial cunha finalidade de autoconsumo. Con todo, débese indicar que existen cultivos moi produtivos e competitivos baixo plástico, fundamentalmente de hortalizas e flores. O viñedo tamén presenta unha notable implantación cun destino fundamentalmente para o autoconsumo. No Morrazo o 10,3% da superficie das explotacións agrícolas censadas está dedicada a terras de labor, o 5% a pastos permanentes (apenas existe gandaría), o 53,5% a especies arbóreas e o 31,2% restante a outras terras. A taxa de actividade sitúase no 44,42% e a taxa de paro sobre a poboación activa no 5,3% (2002), moi semellante á media da súa provincia (5,2%). As vías de comunicación máis significativas son a estrada C-550, Tui-Corcubión, que comunica as catro capitais municipais da comarca circulando parella á costa; a PO-320 que se desenvolve de Bueu a Cangas aproveitando unha depresión tectónica que corta en sentido meridiano a península do Morrazo; e a PO-313 de Marín a Moaña. Polo mar circula unha liña regular de transporte de pasaxeiros por barco, que une Cangas e Moaña con Vigo.
Historia
Os primeiros vestixios de ocupación humana no Morrazo remóntanse ao Megalitismo, do que se conservan algúns exemplos, como os dolmens e mámoas de Chan da Arquiña (Moaña), os de Chan da Armada, Casa dos Lobos, Chan de Domaio e Pastoriza (Marín), ou os do monte de Morouzos (Bueu). No concello de Cangas localizáronse restos de machados de tipoloxía acheulense (Paleolítico Inferior) en Coiro e no Hío, e fragmentos de cerámica no xacemento da Cunchosa, datado no Neolítico. Da Idade do Bronce quedaron vestixios nas numerosas estacións de gravados rupestres, entre os que cómpre destacar os de monte do Castro, As Vaqueiras, Pedreira, A Graña, Castro dos Remedios, Borna, Meáns, Pozo Garrido, Rega Pequena e Torre de Meira (Moaña); os de Herbello-Aldán, Chan do Rei e Monte Carrasco-Darbo (Cangas); ou os de Pornedo, A Subidá, Carballal, Champás, Carballeda, Moreira, Godalleira, Teixugueira, Outeiro e especialmente   os de Mogor (Marín). Nestes últimos está insculpido un labirinto, iconografía que entronca con múltiples culturas do mundo antigo e que apenas conta con máis exemplos en Galicia. O resto de gravados son combinacións circulares e cazoletas, ademais dalgunha figura zoomorfa. Desta mesma época son a espada argárica achada na parroquia de Meira en Moaña e as fosas funerarias de Casal en San Martiño de Moaña. A cultura castrexa tamén deixou a súa pegada na comarca, existen exemplos na illa de Ons: Monte O Alto; en Moaña: As Cidades, Monte Alegre, Devesa do Mouro, Os Remedios; en Cangas: castro da calzada de Donón; e en Marín: A Cividade en Porteliña, onde apareceron abundantes restos de cerámica. A romanización xa se deixa sentir nalgún destes poboados castrexos, aínda que tamén se aprecia noutros vestixios arqueolóxicos, como nos restos dunha calzada romana aparecida no Hío e en Marín, no antigo Camiño Real de Pontevedra a Cangas, que parecen pertencer a unha vía secundaria que formaba parte da Vía XX do Itinerario de Antonino coñecida como Via per loca marítima. Ademais atopáronse en Macenlle (Marín) moedas da época de Xulio César e de Antonino Pío en Porteliña (Marín), e explotaron a riqueza mineira na Illa de Ons, de onde extraeron estaño. Durante a Idade Media aconteceron no Morrazo múltiples episodios de pirataría debido á súa situación peninsular que favorecía as incursións marítimas, destacaron as dos ss XI e XII e a protagonizada polos árabes en 1004, cando tamén arrasaron Santiago de Compostela e tomaron Cangas. Esta vila foi incorporada ao señorío do arcebispo de Santiago de Compostela en 1121. En cambio, Marín no s XII apareceu como vila de reguengo doada por Dona Urraca, entón raíña de Galicia, ao cabaleiro Diego Arias Deza en 1112. Posteriormente este doouna ao mosteiro de Oseira en 1150, de xeito que a vila e o seu couto se converteron en priorado dese mosteiro. Ao longo da Idade Media e Moderna a comarca mantivo importantes vínculos señoriais co val de Fragoso e Soutomaior, de xeito que a casa de Valladares e a de Soutomaior tiveron xurisdición sobre amplas porcións de territorio. As invasións e razzias marítimas continuaron na Idade Moderna, a máis coñecida foi a dos turcos en 1617, composta por dous mil homes, que arrasaron boa parte da costa. Os habitantes do Morrazo, en especial os moañeses, tiveron un papel importante na Batalla de Rande (1702) contra os ingleses, que afundiron boa parte da Flota de Indias. Esta inimizade cos ingleses tornouse en colaboración un século máis tarde na Guerra de Independencia Española (1808-1814), cando nas coñecidas como Alarmas do Morrazo se tomou ao asalto o forte de San Fernando (Marín) en 1809, provocando a rendición da gornición francesa e liberando a comarca da dominación napoleónica. A colaboración cos ingleses favoreceu a chegada de varios predicadores anglicanos (1882) e un dos seus pastores, Thomas Blamire, conseguiu que prendese o protestantismo na comarca. Durante o Antigo Réxime existiron tres xurisdicións que se repartían a totalidade das parroquias: a de Cangas, a de Marín e a de Couto Redondo de Meira, pertencentes á antiga provincia de Santiago. Coa aparición da primeira división municipal emanada das Cortes de Cádiz de 1812, a comarca conformábana nove concellos: Moaña, Meira, Domaio, Beluso, Bueu, Cela, Hío, Cangas e Coiro, que na reforma de 1836 pasaron a ser xa os actuais catro, aínda que o de Moaña tiña como denominación o topónimo da parroquia de Meira. Non obstante, a capitalidade municipal cambiou en favor de Moaña en 1874. En 1844 incorporáronse a Bueu as illas de Ons e Onza, ata entón baixo a xurisdición do concello de Sanxenxo. En 1873 produciuse a segregación das parroquias de Aldán e Hío que pertencían a Bueu e se incorporaron ao concello de Cangas. Este concello adquiriu importancia ao longo dos ss XVIII e XIX polas súas factorías de salgado e secado de peixe que exportaban a boa parte de España. Esta circunstancia fixo que se convertese na capital funcional do Morrazo, con xuíz para causas civís e criminais. Así e todo, a vila e o porto de Marín adquiriron máis importancia, sobre todo a partir de finais do s XVII cando o de Pontevedra foi perdendo calado. Floreceu durante o s XIX grazas ao transporte marítimo coas colonias americanas e tras a súa independencia como sede de liñas transatlánticas. Mais, a supresión da concesión deste tráfico en 1914 e a diminución do de cabotaxe fíxolle entrar nunha decadencia da que só se recuperou coa apertura da Escuela Naval Militar de Marín en 1943 nos terreos que ocupara o castelo fortaleza e antiga base naval de San Fernando.
Patrimonio cultural
Destacan, no que se refire a arquitectura, as igrexas románicas de San Martiño de Moaña, realizada no s XII con tres portadas de arquivoltas semicirculares; a de Santa María de Cela (Bueu), en que destaca o tímpano da portada principal, e as de Santa María do Campo e Santo Tomé de Piñeiro en Marín. Do s XVI sobresae a igrexa de Santiago de Cangas, antiga colexiata, que mestura motivos oxivais e renacentistas e que no interior conserva   o retablo do Santo Cristo do Consolo atribuído a Gregorio Fernández. Existen, ademais, numerosos pazos repartidos por toda a comarca, sobresaen o pazo-torre de Aldán (Cangas), o pazo do Priorato de Oseira (Marín) e o pazo de Santa Cruz (Bueu) construído por Fernando de la Rúa en 1671. Cómpre destacar tamén o cruceiro do Hío (Cangas) tallado por Xosé Cerviño coa iconografía do descenso de Xesús Cristo da cruz. O Museo   Massó de Bueu garda unha colección de portolanos, cartas de navegación, maquetas de barcos, incunables e outros obxectos antigos. O 16 de xullo celébrase a festa da Virxe do Carme. En Cangas destaca a festa do Cristo, a romaría de San Roque do Monte, a danza dos mozos de Aldán (orixinaria do s XVII) e unha danza datada en 1585 que se baila no Hío durante as festas de San Roque. En Marín sobresae a festa das Sete Espadas en Mogor o 25 de xullo, a romaría de San Blas en Seixo, o Enterro da Sardiña o mércores de Cinza e a festa dos maios. En Bueu destaca a celebración do Corpus Christi. En Moaña na última semana de xullo celébrase o Festival Intercéltico do Morrazo, con actuacións musicais do xénero folk, e as romarías da Virxe dos Remedios e a de San Lourenzo.