1 morteiro

1 morteiro

(< lat mortarĭu)

  1. s m

    Recipiente de pedra, de madeira ou doutros materiais, en forma de vaso, onde con axuda dunha maza se trituran substancias para esmagalas ou reducilas a pasta.

  2. s m
    1. [BÉL]

      Boca de fogo que lanza proxectís con grandes ángulos de elevación. Da variedade de pezas que recibiron o nome de morteiro a partir do s XV, desde 1918 reservouse este nome para as armas de infantaría de tiro curvo, sen freo nin percusor e canón de ata 10 calibres. A traxectoria parabólica das granadas, estabilizadas con aletas, e a súa caída vertical permiten alcanzar obxectivos inalcanzables para unha arma de tiro recto. Os calibres máis habituais son os de 60, 80 e 120 mm, estes últimos cun alcance duns 6.000 m. Os alcances máximos posibles consíguense mediante suplementos engadidos á carga de proxección.

    2. Peza pequena de ferro, parecida a esa arma, que se enche de pólvora para lanzar fogos artificiais.

  3. [CONSTR]
    1. s m

      Material aglomerado feito cunha mestura dun conglomerado (cal, cemento ou unha mestura de ambos os dous), area e auga, que endurece nun certo tempo. Emprégase para unir os ladrillos ou as pedras dunha construción, para revocar paredes e para facer pavimentos.

    2. morteiro celular

      Morteiro de cemento pórtland de baixo peso específico, pola presenza de aire na súa masa, obtido pola acción dun escumante e pola reacción dun aireante que provoca a súa expansión.

Formas incorrectas

almirez