mosca

mosca

(< lat musca)

  1. [ANIMAL/ENTOM]
    1. s f

      Insecto díptero da suborde dos braquíceros que pertence a moi diversas familias, xéneros e especies. A característica principal é que posúe un aparato bucal picador chupador e que presenta un só par de ás, porque o segundo está reducido a unhas estruturas denominadas halterios ou balancíns. Ademais, ten todo o corpo cuberto de pelos ou sedas. Algúns destes dípteros reciben denominacións populares propias doutras ordes de insectos como o piollo das abellas (Braula coeca) ou o carracho dos carneiros (Mellophagus ovinus). Na tradición oral recóllense ditos como: “As aguias non cazan moscas. En boca pechada non entran moscas. Unha mosca soa non fai verán”.

    2. mosca abellón

      Mosca de aspecto similar ao abellón, de ata 12 mm de lonxitude e con longa trompa. Os adultos aliméntanse do néctar das flores, pero as larvas son hiperparasitas das larvas de himenópteros.

    3. mosca azul/capivermella [Calliphora erytrocephala, Fam dos calliofóridos]

      Mosca duns 10-12 mm de longo e dunha cor azul metálica, que pon os ovos sobre a carne fresca. As larvas, chamadas areixas, producen un suco que descompón a carne, da que se nutren. Está presente en Galicia.

    4. mosca camaleón/das cortes [Stomoxys calcitrans, Fam dos múscidos]

      Mosca de aproximadamente uns 6 mm de lonxitude, moi semellante á mosca común, da que se diferenza por presentaren a trompa dirixida cara a adiante, mediante a que se nutre. Zuga o sangue tanto a animais como ao home, e a súa mordedura é moi dolorosa. Ten distribución mundial, polo que é común en Galicia.

    5. mosca común/doméstica [Musca domestica, Fam dos múscidos]

      Mosca dun 8 mm de longo, de cabeza negra, corpo gris con bandas negras por enriba e amarelado por debaixo e ás transparentes de tonos grises. Habita en zonas poboadas por humanos de case todos os países de climas temperados. Dunha gran proliferación, presenta de 7 a 10 xeracións anuais que se suceden de primavera a outono. A causa da súa desagradable presenza e do feito de ser a vectora de numerosas enfermidades infecciosas, é combatida con diversos insecticidas e con medidas de hixiene individuais e colectivas.

    6. mosca da carne [Sarcophaga carnaria, Fam dos sarcofáxidos]

      Mosca duns 15 mm de longo, de tórax co fondo gris e con bandas negras lonxitudinais e de abdome con cadrados negros sobre un fondo gris. É importante polo feito de ser vivípara, a femia deposita as larvas na carne en descomposición, en cadáveres e feridas. É perigosa, pois pode transmitir diversas enfermidades infecciosas. É común en Galicia, e aparece principalmente entre os meses de marzo a novembro. OBS: Tamén se denomina moscardo e moscón.

    7. mosca da froita/do mediterráneo [Ceratitis capitata, Fam dos tripétidos]

      Mosca duns 6 mm de longo, de cabeza amarela e co dorso gris, os costados amarelados, o ventre leonado, as patas amarelas e as ás irisadas e cunha banda afumada. As femias inxectan os ovos nos froitos de diversas árbores, mediante un longo oviscapto. Estendida por toda España, constitúe unha praga moi prexudicial.

    8. mosca da oliveira [Dacus oleae, Fam dos tripétidos]

      Mosca duns 5 mm de longo, de cabeza avermellada, tórax gris con tres liñas de cor parda e abdome dunha cor amarela alaranxada. É unha praga das oliveiras que provoca a caída antes de madurar. É común en todos os países mediterráneos, especialmente nas zonas costeiras, onde as condicións de humidade propician o seu desenvolvemento.

    9. mosca da pomba [Ornithomyia avicularia, Fam dos hipobóscidos]

      Mosca duns 8 mm de longo, coa cabeza e o tórax aplanados, ectoparasita das pombas e outros grupos de aves. É transportadora de axentes patóxenos.

    10. mosca das cereixas [Rhagoletis cerasi, Fam dos tripétidos]

      Mosca duns 3-5 mm de longo, de cor negra e con ás afumadas. É parasita das cereixas, e a súa praga atácase con insecticidas sistemáticos ou específicos.

    11. mosca do asno/das bestas/ladra [Hippobosca equina, Fam dos hipobóscidos]

      Mosca duns 8 mm de longo e de cor amarelada, de ás vermellas e de patas moi longas. Zuga o sangue de cabalos, asnos e de rabaños bovinos.

    12. mosca do sono/tse-tse

      Mosca do xénero Glossina, da familia dos múscidos, duns 9 mm de lonxitude e de cor gris, propia de África tropical. As especies G. palpalis, G. morsitans e G. tachinoides son moi importantes desde o punto de vista sanitario, xa que poden transmitir os tripanosomas, axentes produtores da enfermidade do sono ou tripanosomiase africana.

    13. mosca do vinagre

      Insecto braquícero do xénero Drosophila, da familia dos drosofílidos.

    14. mosca verde [Lucilia caesar, Fam dos calliofóridos]

      Mosca duns 8 mm de longo e de cor verde brillante, que pon os ovos sobre a carne en descomposición. Habita en Europa, en Asia e no norte de África e é común en Galicia.

  2. [ANIMAL/ENTOM]
    1. s f

      Insecto que pertence a ordes moi diferentes e que pola súa morfoloxía e o seu comportamento recordan ás moscas pertencentes á orde dos dípteros.

    2. s f

      Calquera insecto da orde dos rafidiópteros.

    3. mosca branca

      Insecto homóptero da familia dos aleuródidos. A mosca branca da laranxeira , Aleurothixus floccosus, converteuse na praga máis custosa de combater en citricultura, e ten un hiperparasito natural denominado Cales noaki. A mosca branca do invernadoiro , Trialeurodes vaporariorum, adaptouse aos cultivos ao aire libre en certas rexións, o que dificulta o control biolóxico co hiperparasito Encarsia sp.

    4. mosca da pedra

      Insecto da orde dos plecópteros, especialmente o que pertence ao xénero Perla, da familia dos pérlidos.

    5. mosca de maio

      Calquera insecto da orde dos efemerópteros.

    6. mosca dourada/de lume [Chrysis ignita, Fam dos crísidos]

      Insecto da orde dos himenópteros duns 8-10 mm de longo, coa cabeza e o tórax azuis e o abdome encarnado. As moscas douradas son moi vistosas polo brillo metálico das súas cores. Poñen os ovos dentro dos niños de abellas e de avespas. Son moi comúns nos lugares secos e soleados dos países de Europa sudoccidental.

    7. mosca escorpión

      Insecto da orde dos mecópteros, que alcanza 27-30 mm de lonxitude e presenta as ás transparentes e manchadas de negro. Os machos teñen o abdome acabado nun aguillón similar ao dun escorpión, pero que en realidade é o aparato reprodutor. A especie máis representativa desta orde é Panorpa communis, da familia dos panórpidos. Poden atoparse en Galicia.

  3. s f [PESCA]

    Cebo artificial, semellante a unha mosca, que se utiliza para a pesca fluvial.

  4. s f

    Pequena zona de barba que o home deixa medrar entre o beizo inferior e o queixo.

  5. s f

    Persoa impertinente e molesta.

    Sinónimos: moscón.
  6. moscas voantes

    Fenómeno subxectivo que consiste na aparición de puntos negros no campo visual.

  7. paxaro mosca [ANIMAL/ORNIT]

    colibrí.

  8. peso mosca [DEP]

    peso mosca.

Frases feitas

  • Andar coa mosca detrás da orella/no ubre. Sospeitar.

  • Caer/Morrer coma moscas. En gran cantidade.

  • Non ser capaz de matar unha mosca. Ser inofensivo.

  • Papar moscas. Estar distraído.

  • Picar a mosca a alguén. Irritarse ou facer algo de repente.

Refráns

  • A picada de mosca, peza de lenzo.
  • As moscas no verán comen o mel e comen o gando.
  • Con cazola que ferve ningunha mosca se atreve.