mozárabe

mozárabe

(< ár musta’rab ‘arabizado’)

    1. adx

      Relativo ou pertencente aos mozárabes ou á súa lingua.

    2.   m pl [HIST]

      Grupo de poboación que conservou a relixión cristiá baixo a dominación islámica da Península Ibérica. Os musulmáns respectaron os cristiáns e os xudeus, que tiñan unha relixión dimnī (‘protexida’). O carácter de comunidade bilingüe dos mozárabes converteunos en fecundos intermediarios culturais entre o mundo musulmán e o cristián. O Califa ‘Abd al-Raḥmān III de Córdoba puxo fin á acción directa dos grupos étnicos e gañou a adhesión dos mozárabes e dos xudeus. A amálgama acentuouse en 980 cando o caudillo Almanzor integrou os mozárabes no seu exército nacional.

    3. s m [LING]

      Lingua románica extinta que empregaban os mozárabes, os muladís e os indíxenas renegados do cristianismo. Os autores árabes denominárona lisan al-’aǧam e, máis concretamente, ‘aǧamīyya ‘lingua dos estranxeiros’. A heteroxeneidade étnico-cultural e lingüística da Península Ibérica motivou que non fose uniforme o latín vulgar que se propagou, diversidade que se acentuou máis polo feito de que non había unha pauta cultural durante a dominación moura. Non había, daquela, unha lingua mozárabe peninsular, senón diversos dialectos rexionais. A sociedade mozárabe era diglósica: coloquialmente empregaban unha fala románica, que non escribían, e todas as vivencias culturais recibíanas en árabe. O lento proceso de arabización cultural e lingüística parece que se consumiu na segunda metade do s XII. As muwaxahas, que conteñen as kharxas en mozárabe son todas do s XI ou comezos do XII. Posiblemente non existiu ningún documento redactado en mozárabe, pero pódense coñecer algunhas das súas características por algunhas pegadas que deixaron noutras obras (diversos glosarios latino-árabes, nos libros de repartición dos novos reinos, nas diferentes cartas de poboación e nos numerosos topónimos). Son trazos fonéticos característicos do mozárabe. No vocalismo obsérvase a ditongación o > ue (Aranzocco > Aranzueque), en Andalucía hai vacilacións entre ue, uo e o (royola/royuela, bona, morte, força); ditongación de Ĕ breve latina inicial en ja (yarba, yerba); alternancia do sufixo -ellu (-ello, -iello, -iel, -el ou -illo); conservación dos ditongos decrecentes ai en Carraira (‘traxecto’), colombaire ‘pombal’, e au en mauriško ‘mourisco’. Polo que respecta ao consonantismo pode observarse: a conservación do f- inicial (figo); conservación do g- inicial + vogal palatal (yenesta, yanair); j- inicial + vogal posterior dá y (yunco); conservación dos grupos pl-, cl-, fl- iniciais (Plana); palatalización do l- inicial (Llosa). O léxico, pola súa banda, incorpora moitos préstamos do árabe.

    4. arte mozárabe [ARTE]

      Conxunto de manifestacións artísticas producidas polos mozárabes. Desenvolveuse durante os ss IX e X no N de Castela e ao longo do Cantábrico, aínda que tamén contou con certa repercusión en Andalucía e Aragón. A arquitectura caractarizouse polo emprego de elementos de tradición cordobesa, como as bóvedas complexas ou os arcos de ferradura, enmarcado nun alfiz, e pola variedade de plantas, sobre todo de tipo bizantino e visigodo. As igrexas acostuman ser de pequeno tamaño e destacan Santa María de Melque (Toledo), San Miguel de Escalada (León), San Baudel de Berlanga (Soria), Santa María de Lebeña (Cantabria), Santiago de Peñalba (León) e San Cebrián de Mazote (Valladolid). En Galicia consérvase a capela de San Miguel de Celanova, situada no recinto do que fora o xardín do noviciado do mosteiro de San Salvador de Celanova. Os mozárabes destacaron na realización de miniaturas, en que se aprecia a influencia islámica. A obra máis relevante é o Comentario á Apocalipse, realizado por un monxe coñecido como Beato de Liébana.

  1. adx

    Aplícase á liturxia propia dos cristiáns da Península Ibérica antes da introdución do rito romano, chamada tamén liturxia visigótica ou hispánica.