mudéxar
(< ár mudaŷŷan)
-
adx
Relativo ou pertencente aos mudéxares.
-
s
[HIST]
Musulmán que permaneceu na Península Ibérica baixo dominación cristiá. As diversas capitulacións asinadas co avance da Reconquista permitiron, en xeral, a permanencia dos musulmáns na zona, que recibiron garantías para poder practicar o Islam e gozar das institucións e leis propias. Nas zonas rurais, onde a menor afluencia de repoboadores fixo moi lento o cambio da poboación, os mudéxares continuaron cultivando os mesmos campos. En xeral constituíron unha comunidade que evolucionou paralelamente á cristiá, pero con independencia. Pouco a pouco acentuouse o seu carácter endogámico, agravado por un maior índice de crecemento e a partir do s XV a Igrexa iniciou un proceso de captación e os bautizos forzosos orixinaron axiña o problema mourisco.
-
arte mudéxar
[ARTE]
Conxunto de manifestacións artísticas producidas polos mudéxares. Desenvolveuse entre os ss XII e XVI e resultou da fusión de elementos da arte hispanomusulmá e da arte cristiá, principalmente románica e gótica. Deste xeito, empréganse elementos decorativos musulmáns como os atauriques ou lacería, e a cubrición con armaduras de madeira. A tipoloxía das construcións proveñen da arte cristiá. As igrexas máis antigas (s XII) atópanse en Castela e León, destaca San Tirso de Sahagún, realizada en ladrillo e cunha decoración a base de arcos cegos de medio punto. En Toledo destaca a cristianización da mesquita do Cristo de la Luz (s XII), a igrexa de Santiago del Arrabal (s XIII), a sinagoga de Santa María la Blanca (s XIII) e a sinagoga do Tránsito (s XIV). Durante os ss XV e XVI estendeuse por terras de Aragón e de Andalucía, combinando elementos de cachotaría, ladrillo e cerámica vidrada e unha abundante decoración. Destacan os cimborrios da Seo de Zaragoza e das catedrais de Teruel e Tarazona, e as igrexas de San Marcos e Omnium Sanctorum en Sevilla. Tamén se aplicou o estilo mudéxar a palacios, como os Reales Alcázares de Sevilla, e nas fortalezas e conventos das ordes miliatares.