muíño

muíño

(< lat molīnu)

  1. s m
    1. [TECNOL/ETN]

      Máquina desintegradora que se emprega para moer gran e, en xeral, materiais sólidos. Os primeiros muíños eran empregados para a obtención de fariñas, pero máis adiante, o campo de aplicación ampliouse, entre outros, á obtención de aceites ou para moer minerais. Durante o Neolítico, as sociedades sedentarias agrícolas usaban dúas pedras ou dous corpos duros co fin de triturar, por presión manual, os grans dos cereais. Os gregos, e despois os romanos, xa empregaban muíños a base de dúas pedras planas, e máis tarde o muíño constituído por unha parte fixa e outra móbil en forma de cono. Aínda que estes muíños eran de tracción animal, no s I a C xa se coñecían os muíños de auga. Cara ao s XI apareceron en Alemaña os primeiros muíños de vento que se estenderon rapidamente, cos de auga, sobre todo a causa da falta de man de obra. Posteriormente, a evolución tecnolóxica do muíño foi lenta, ata que, a partir da segunda metade do s XVIII, coa revolución industrial, as novas necesidades e o uso progresivo de novos materiais e as novas fontes de enerxía aceleraron a introdución de novos cambios. Os muíños actuais pódense clasificar en muíños para materiais moi grosos, como os tubulares, os de bólas ou os de anel; muíños porfirizadores, dos que destaca o muíño de moas; e muíños coloidais que actúan por fricción e que se empregan na desintegración de materiais brandos, para a homoxeneización de pastas e suspensión. En Galicia os muíños máis abundantes son os muíños hidráulicos ou de auga, debido á abundancia desta forza motriz para ser aproveitada para moer o gran. Os muíños de río presentan dous tipos fundamentais, os de rodicio, nos que a roda motriz está horizontal, e que son os máis antigos e abundantes, e os de bruia ou aceas, coa roda en vertical e situada no exterior do muíño. A auga, que se regula en caudal, é levada ata o muíño por unha canle ou rego que a colle fóra cando entra polo cubo ou pozo ata o inferno, lugar onde está o rodicio, que xira ao chocar esta coas penlas, facendo xirar a pedra a través dun eixe, que se encaixa nesta por medio da segorella, formada por unha capa ou moa móbil, e un pé ou penedo fixo, que trituran o gran que cae da moega pola quenlla, despois de que a tanxedoira ou tarabela, que roza coa capa, a faga vibrar, determinando a cantidade de gran que cae. A fariña, así moída, vai caendo na caixa, que rodea a pedra. As pedras pódense mover por medio do freo para axustar a finura da fariña ou para deter a moenda, e tamén se poden desmontar para picalas de novo cando están gastadas. Adoitan ser de dous tipos, as pedras do país ou negreiras, que son de granito e serven para moer millo, e as pedras albeiras que se empregan para o trigo e o centeo, e adoitan estar feitas por un aglomerado de pedras de tipos diferentes, de máis dureza e finura. Normalmente, os muíños teñen unha ou dúas rodas, pero mesmo os pode haber de ata cinco. Tamén hai muíños en cadea que aproveitan unha forte corrente de auga, como os do Folón, no Rosal ou os da Ría Barosa (Barro). Nalgunhas ocasións, para aproveitar cursos de pouco caudal ou na época de estiaxe, algúns muíños teñen unha pequena roda vertical no exterior, chamada volante. Outra variedade de muíño hidráulico é o de mareas, que adoita estar situado nun lugar da costa onde se dá unha forte diferenza entre a preamar e a baixamar, xeralmente no esteiro dun río ou regato. Dispón dunha presa na que se embalsa a auga da marea alta e, cando esta baixa, déixase saír para que mova os rodicios, que adoitan ser varios para compensar o condicionamento horario ao que se ven sometidas as moendas. O lugar onde vai o rodicio adoita ser un cilindro cun diámetro maior, que fai que a auga chegue con moita presión. Outro tipo de muíños son os de vento, localizados preferentemente na beiramar e en lugares altos, que empregan a enerxía eólica en lugar da hidráulica. O tipo máis representativo é o dos muíños fixos de torre con cuberta fixa que adoitan ser construcións en cachotaría en forma cilíndrica de non máis de 3 m de diámetro, con cuberta de tella a dúas augas. Dos muros saen un ou varios eixes con aspas ou abanos, orientados para aproveitar o vento. Os muíños podían ser comunitarios, en que cada veciño dispoñía dunhas horas determinadas para moer, e recibían o nome de muíños de herdeiros; ou privados, tamén chamados maquías, por ser esta a cantidade de gran que se cobraba por moer. Outros tipos de muíños son o muíño albar ou albeiro, que se emprega exclusivamente para moer trigo; o muíño curtidor, que cun procedemento semellante ao batán se utilizaba durante os ss XII, XIII e XIV para curtir as peles; o muíño de aceite ou aceiteiro que se emprega para moer as olivas e reducilas a pasta para facer aceite; o muíño de lume que funciona movido por vapor; o muíño de sangue que funciona movido por tracción animal; o muíño fariñeiro ou trigueiro que se emprega para moer cereais; e o muíño papeleiro que serve para trinchar os panos cos que se fai a pasta de papel. Os muíños foron pezas moi importantes no desenvolvemento da economía rural e social, que deron lugar a contos, lendas e a unha importante tradición folclórica. Na tradición oral recóllense ditos como: “As que ao muíño van, se son bonitas logo as moerán. Cada muíño quere a súa auga. Muíño parado non gaña maquía. Nin muíño sen rodicio, nin home sen oficio”.

    2. Edificio no que se instala o muíño.

  2. s m [TECNOL]
    1. Instrumento para moer pequenas cantidades de materias granulosas. Os muíños de man normalmente trituran os grans entre os dentes de dúas engrenaxes cónicas, e os eléctricos baséanse na acción desintegradora dunhas aspas metálicas que xiran a gran velocidade por medio dun motor eléctrico.

    2. Aparato electrodoméstico que se emprega para a trituración de diferentes produtos de aplicación culinaria. Os máis correntes empréganse como aparatos moedores de café, pementa e outros sólidos secos.

  3. s m [QUÍM]

    Aparato de moer que reduce as substancias a fragmentos pequenos.

  4. [TÉXT]
    1. s m

      Máquina que frega o fío de xute e o distribúe en mandas.

    2. muíño sedeiro

      Máquina que se emprega para torcer ou retorcer os fíos de seda, de raión ou doutras materias artificiais ou sintéticas de filamento continuo. Consta dun gran número de fusos dispostos formando un arco, impulsados por unha correa continua única que os fai dar voltas a unha gran velocidade. Estes fusos levan uns rodetes onde vai enrolado o fío que se quere torcer.

    3. muíño trapeiro

      Batán de mazas que se move pola forza dunha roda hidráulica.

  5. s m [METROL]

    Aparato, cunha construción semellante á dun anemómetro de hélice, que mide velocidades e caudais de líquidos.

  6. s m [MAR]

    Torno horizontal colocado en dirección de babor a estribor sobre a cuberta de proa dunha nave que serve para levar as áncoras. Antigamente poñíase en movemento mediante unhas pancas manuais, pero os máis modernos móvense con motor.

  7. muíño de vento [XOGO]

    Aparello xiratorio de papel ou doutro material lixeiro, colocado da punta dun pao, que serve coma xoguete ou para observar a dirección do vento.

  8. muíño gástrico [ZOOL]

    Estrutura propia do estómago dos crustáceos malacostráceos, especialmente dos decápodos, que consiste nun dente dorsal e diversos laterais que trituran as cascas dos animais dos que se alimentan.

Formas incorrectas

moíño

Refráns

  • Ábrete, fol, pola boca, para que en vez dunha maquía dúas che colla.
  • Ábrete, saco; unha maquía me debes e dúas che agarro.
  • Andando gaña o muíño, que parado está perdido.
  • Cada muíño quere a súa auga.
  • Máis que muíño en espera vale sobro na moega.
  • Non fíes en maquía de muiñeiro nin creas en comida de despenseiro.
  • Non fíes en maquías de muiñeiro.
  • O muiñeiro maquieiro cóidase o amo do rueiro.
  • O muiñeiro, que oe e ve, non pode ser paroleiro.
  • O muíño treina, treina; a auga faino treinar.
  • O que está na acea moe e non o que vai e non volve.
  • O que está na acea moe e non o que vén.
  • O que pode, vai ao muíño e moe.

Palabras veciñas

muiñeiro -ra | Muiñeiro, O | Muiñelo | muíño | Muíño | Muíño | Muíño do Aire