Muras
Concello da comarca de Terra Chá, situado na provincia de Lugo no N da Comunidade Autónoma de Galicia, a 4° 27’ 30’’ de latitude N e 7° 43’ 20’’ de lonxitude O. Limita ao N co concello de Ourol (comarca da Mariña Occidental), ao L cos do Valadouro (comarca da Mariña Central) e Abadín (comarca de Terra Chá), ao S cos de Vilalba e Xermade (comarca de Terra Chá), e ao O cos de Mañón (comarca de Ortegal) e As Pontes de García Rodríguez (comarca de Eume). Abrangue unha superficie de 163,8 km 2 , en que acolle unha poboación de 891 h (2007), distribuídos nas parroquias de Ambosores, A Balsa, O Burgo, Irixoa, Muras, Silán, O Sisto e O Viveiró. A capital está no lugar de Muras, situada na parroquia homónima, localizada a 133 km de Santiago de Compostela e a 62 km de Lugo. Está adscrito á diocese de Mondoñedo-Ferrol e ao partido xudicial de Vilalba.
Xeografía física
O territorio caracterízase polo seu relevo moi accidentado, onde predominan os xistos na súa litoloxía. Pódese falar dun sector centroccidental deprimido, atravesado polo curso alto do río Eume, e un conxunto de serras que o flanquean polo N, L e S. O val do Eume conta con altitudes comprendidas entre os 400 e os 600 m, e moderadas pendentes. O sector setentrional, coincidente cos contrafortes do monte Guriscado (928 m de altitude), dá paso ás cabeceiras das concas dos ríos Sor e Landro. O sector oriental está ocupado pola serra do Xistral, que ten unha altitude media de 700 m, mentres que o sector meridional está dominado polos contrafortes da serra da Carba, onde destaca o monte Penote (871 m). Estes sectores compoñen un relevo moi complexo, integrado no conxunto das serras setentrionais e na divisoria entre as concas do Eume, Miño e os ríos da vertente cantábrica. O concello de Muras está repartido entre os dominios climáticos oceánico de montaña, oceánico continental e oceánico de transición. As súas condicións climáticas son as propias dun concello de transición entre as serras setentrionais e Terra Chá, xa que ten unhas temperaturas baixas durante todo o ano e precipitacións abondosas. A temperatura media anual é de 10,2°C, a media en xaneiro é de 6,2°C, a de xullo de 15,5°C, e a amplitude térmica extrema chega aos 18,2°C. A precipitación media anual é de 1.799 mm, cunha distribución estacional equilibrada, xa que predominan as choivas de inverno, cun 39%, fronte a un verán máis seco, cun 10%, ficando con valores intermedios o outono, cun 26%, e a primavera, cun 25%. A rede hidrográfica é complexa, o sector meridional está dentro da conca do río Eume, que percorre o concello no seu tramo alto; e o sector setentrional repártese entre as concas dos ríos Sor e Landro. A vexetación está condicionada polo clima, e destacan os carballos e os bidueiros, ademais de grandes extensións de mato e repoboacións de piñeiros.
Xeografía humana
A poboación de Muras mantívose estable ata 1940, cando acadou o máximo demográfico. Desde esa data comezou un continuado e acusado descenso que levou a que nos primeiros anos do s XXI a poboación sexa pouco máis dun terzo da contabilizada a inicios do s XX. Ata 1940 alternáronse momentos de leves retrocesos (entre 1900 e 1910 a poboación perdeu un -0,43% interanual; e entre 1930 e 1940, un -0,26%) con outros de crecemento (case imperceptible entre 1910 e 1920, cun 0,12%; e máis acelerado entre 1920 e 1930, cun 0,95%). A partir de 1940 as perdas de poboación foron continuadas, moderadas entre 1940 e 1950 (-0,74% interanual), máis acusadas entre 1950 e 1981 (-1,04% interanual) e entre 1991 e 2001 (-2,10% interanual), e moi graves entre 1981 e 1991 (-3,38% interanual). A crise demográfica de Muras veu dada por unha incesante emigración e por un avellentamento que derivou en fortes perdas por razóns naturais. Isto converteuno nun dos concellos máis recesivos do N da provincia de Lugo, en contraste coa próxima comarca da Mariña Lucense. Este descenso de poboación é moi acusado nos inicios do s XXI pois entre 2001 e 2007 a poboación diminuiu nun 14,65%. En 2006 o crecemento natural foi negativo (-13,5‰), cifra que aventura o forte avellentamento, xa que os menores de 20 anos representan o 8,1% da poboación, e os maiores de 65 anos acadan o 38,8%; o grupo intermedio representa o 53,1%. Por sexos a composición está equilibrada pois os homes representan o 50,16% fronte ao 49,83% das mulleres.
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do concello de Muras é do 40,6% (52,9% a masculina e 28,2% a feminina); a taxa de ocupación é do 34% (44,1% a masculina e 23,9% a feminina) e a taxa de paro é do 16,2% (16,7% a masculina e 15,3% a feminina). É un concello predominantemente agrario, traballa na agricultura o 36,9% da súa poboación ocupada. As desfavorables condicións ambientais limitan a superficie cultivada ao 4,35% do seu territorio. A orientación produtiva do concello é plenamente gandeira, os prados e pastos acadan o 17,51% do territorio, a gandaría vacúa está orientada á produción de carne, en explotacións de dimensións medias. A industria acada grande importancia, co 22,1% da man de obra, en gran medida residentes noutros concellos veciños. A construción ten unha presenza escasa, cun 15,7% da man de obra, que traballa nas vilas de Vilalba, As Pontes de García Rodríguez e Viveiro. Os servizos posúen relevancia, co 25,4% da poboación ocupada neste sector. A principal vía de comunicación é a estrada C-640 que comunica o concello con Viveiro e Lugo, ademais de estradas locais e camiños veciñais que enlazan as distintas parroquias coa capital municipal e os concellos veciños.
Historia
A presenza de restos arqueolóxicos de época paleolítica en Muras testemuñan o seu poboamento desde a prehistoria que deu paso ao asentamento de pobos castrexos, fenicios e gregos, segundo a interpretación da toponimia do lugar por parte dalgúns historiadores. Os primeiros indicios de documentación escrita sobre a zona datan do s XII. Durante o Antigo Réxime, as terras de Muras pertenceron á xurisdición do mesmo nome, administrada polo bispo de Mondoñedo. En 1835 creouse o concello de Muras, integrado entre 1820 e 1865 no partido xudicial de Viveiro, entre 1965 e 1988 no de Mondoñedo e a partir de 1988 no partido xudicial de Vilalba.
Patrimonio cultural>
No campo da arquitectura relixiosa destacan as igrexas parroquiais de Santa María da Balsa (s XII) e Santa María do Burgo (s XII) e respecto á arquitectura civil destaca a Torre de Silán, declarada Ben de Interese Cultural (1949). Con respecto ao patrimonio natural do concello, a maior parte do seu territorio está dentro do espazo natural da serra do Xistral, declarado Lugar de Importancia Comunitaria dentro da Rede Natura 2000.
15053 MUROS
Concello da comarca de Muros, situado ao O da Comunidade Autónoma de Galicia e ao SO da provincia da Coruña, a 42° 46’ de latitude N e 9° 03’ de lonxitude O. Limita ao N con Mazaricos (comarca de Xallas) e Outes (comarca de Noia), ao L con Outes, ao S coa ría de Muros e Noia, e ao O con Carnota (comarca de Muros) e co Océano Atlántico. Abrangue unha superficie de 72,9 km 2 cunha poboación de 9.931 h (2007) distribuída nas parroquias de Abelleira, Esteiro, Louro, Muros, Serres, Sestaio, Tal e Torea. A capital do concello é Muros localizada a 96 km da Coruña e a 71 km de Santiago de Compostela. Está adscrito á provincia da Coruña, á arquidiocese de Santiago e á xurisdición do partido xudicial de Muros.
Xeografía física
Está situado no extremo N da ría de Muros e Noia, espazo de transición entre as Rías Altas e as Baixas, e caracterízase pola penetración de terra no mar. Ocupa un accidentado terreo, onde se pasa dunha pequena rasa litoral a vertentes graníticas de fortes pendentes. A parte meridional está máis aberta ao mar e ten formas suaves mentres que a setentrional é máis escarpada. Os montes do macizo Pindo-serra de Outes rodean o concello, destacan os de Pedregal, a Estivada e Medoña, este último, situado na parroquia de Torea e de Outes, que con 581 metros é o punto máis alto. O litoral é recortado e extenso, forma unha estreita franxa de 25 km de longo, en que se suceden enseadas, con extensas praias de areas brancas e finas, delimitadas por pequenas formacións rochosas, onde destaca o Monte Louro. Entre as numerosas praias destacan as de Parameán (Esteiro) e San Francisco (Louro), ambas as dúas destacadas pola UE coa bandeira azul. Climaticamente, o concello entra dentro do dominio oceánico de litoral hiperhúmido. As temperaturas son moderadas ao longo do ano, a temperatura media anual é de 12,6°C. O mes máis frío é xaneiro con 8°C e o máis quente é xullo cunha media de 16,9°C, a oscilación térmica é de 8,9°C, unha débil variación polo efecto suavizante do océano. As precipitacións son elevadas, superiores aos 1.600 mm anuais, concéntranse no outono e no inverno e descenden claramente no verán. Presenta un déficit hídrico estival por esta redución das chuvias e pola dificultade de reter a auga por parte do substrato areoso. A rede hidrográfica articúlase a través de múltiples ríos e regatos. A disposición dos montes, que actúan como interfluvios, dan lugar a que, entre eles, os ríos e arroios formen pequenos vales estreitos e sinuosos que baixan transversalmente cara á ría. Son ríos de curso curto e escaso caudal, o de maior lonxitude é o Rateira, aínda que non chega aos 9 km; e o río Maior é o que ten máis caudal e contribúe á formación dun prolongado esteiro na súa desembocadura. A vexetación natural cobre boa parte do concello de Muros, aínda que a ocupación humana do espazo é tamén moi intensa, en especial na costa. A paisaxe vexetal orixinaria foi substituída na maior parte por bosques de eucaliptos e de piñeiros. Nos sectores de forte pendente, nos expostos aos ventos e nas suaves cimas da serra fórmase unha vexetación de toxeiras e xesteiras que dexenera nun monte baixo de herba.
Xeografía humana
O concello de Muros tiña ao comezo do s XX unha poboación de 9.130 h, desde entón experimentou catro fases na súa evolución demográfica. A primeira abrangue a primeira metade do século, onde a poboación creceu progresivamente. A pesar da emigración con destino a América, unhas altas taxas de natalidade deron lugar a un forte crecemento vexetativo que fixo que, en 1950, a poboación do concello fose de 11.155 h. Unha segunda fase obsérvase entre os censos de 1950 e 1970, onde o número de habitantes descendeu ata 10.305 h. A forte corrente emigratoria cara aos países industrializados de Europa, en especial Suíza, foi a causa desta perda de poboación. Posteriormente, o volume demográfico volveuse recuperar ata chegar ao máximo histórico do censo de 1991 cunha poboación de 11.255 h. O fin da emigración e o retorno de persoas que marcharan do concello provocou este aumento. Na década de 1980, o desenvolvemento económico adquirido pola vila de Muros e a especialización nas actividades turísticas da costa explican que o concello gañase poboación. No censo de 2001, pola contra, variou a dinámica e volveu baixar a poboación ata 10.156 h (o mesmo nivel demográfico que tiña o concello en 1930). Este descenso do 9,76% en dez anos explícase por medio de varios factores: a crise do sector pesqueiro e a industria relacionada con el, a estabilidade acadada polo turismo e unha caída moi forte da natalidade. O descenso continuou e dende 2001 ata o padrón de 2007 cifrouse no 2,21%. Non obstante, esta poboación aumenta moito nos meses do verán coa chegada de turistas e o desenvolvemento dos servizos asociados ao turismo. O crecemento natural (2006) é negativo (-4,9‰) como consecuencia dunha taxa de natalidade moi baixa (6,6‰) e unha mortalidade relativamente elevada (11,5‰). A poboación ata os 206 anos supón o 15,8% do total, mentres que os maiores de 65 anos representan o 23,9%; o grupo intermediario representa o 60,3%. A distribución por sexos amosa unha maior porcentaxe de mulleres, que constitúen o 51,54% da poboación Fronte ao 48,45% de homes. A poboación concéntrase na vila de Muros. No concello predomina a vivenda familiar, pero tamén existen moitas vivendas secundarias, destinadas á actividade turística, e parte das censadas como baleiras tamén teñen un fin de aproveitamento estival relacionado co turismo.
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do cocnello de Muros situouse no 42% (55,4% a masculina e 30% a feminina); a taxa de ocupación é do 36,8% (49,9% a masculina e 25% a feminina) e a taxa de paro é do 12,5% (9,9% a masculina e 16,9% a feminina). A distribución da poboación activa por subsectores económicos reflicte o predominio do sector servizos que ocupa o 50% da poboación empregada. O sector da construción acolle o 17,3%; a industria, o 18,6%, e o sector primario, o 14,2%. A economía de Muros depende do desenvolvemento do sector terciario, aínda que sen esquecer a importancia das actividades pesqueiras tanto pola porcentaxe de poboación ocupada como pola riqueza directa e indirectamente xerada. A relevancia do sector terciario é debida ás actividades propias dunha cabeceira comarcal que se desenvolven na vila de Muros, ao peso que adquiriu este concello como destino turístico e aos servizos que se desenvolven en relación co sector pesqueiro, en especial o comercio e o transporte. A vila de Muros no seu centro reúne as funcións urbanas terciarias que atenden ao concello e á comarca, servizos financeiros, comerciais, culturais, persoais, sanitarios, educativos e xudiciais teñen presenza nesta vila. O relativo illamento do concello respecto ás principais cidades da provincia aumentou este papel urbano de Muros, aínda que comparte certas funcións con vilas como Cee ou Noia. A existencia de praias extensas e de area fina e branca, a referencia de Muros como vila histórico-artística e a gastronomía derivada do seu porto converteron o concello nun punto de destino turístico. Este desenvolvemento turístico favoreceu o emprazamento de segundas residencias, a construción de cámpings, hostais e outros servizos, de hostalaría. O sector secundario está dedicado a pequenas industrias derivadas da pesca, a crise das conserveiras afectou a este concello aínda que se mantivo unha importante factoría en Esteiro. Dentro do secundario, a construción, pola contra, coñeceu unha clara expansión debida á proliferación das segundas residencias e á demanda de vivendas. No sector primario, a actividade agraria tende ao autoconsumo, apenas hai gandaría e as áreas agrícolas oriéntanse ao cultivo intensivo coa contribución de traballo a tempo parcial. Nas serras cobraron importancia as explotacións forestais intensivas de piñeiros e eucaliptos. A pesca é a actividade primaria principal, e ten un carácter comercial. O porto de Muros ten un alto volume anual de capturas, na súa lonxa non só se comercializan as obtidas no seu propio porto senón tamén as dos portos de Lira e O Pindo. As especies máis comúns que desembarcan neste porto son as da pesca de arrastre. A principal vía de comunicación é a estrada AC-550, de Cee a Tui, que rodea o concello pola costa e é o eixe articulador deste espazo; vías locais atravésano transversalmente, comunicando os asentamentos entre si; non hai transporte ferroviario e o porto de Muros é o principal punto de comunicación marítima.
Historia
Os restos prehistóricos atopados nas terras de Muros, como os gravados rupestres de Louro e Serres ou o castro de Rimao en Torea, fan supoñer unha longa tradición no seu poboamento, pero o primeiro documento escrito con referencias a Muros, data de época medieval. En 1286, o Rei Sancho IV concedeulle un Real Privilexio a Puebla de Muro para engrandecela, polo que lle deu unha área de dominio que supoñía aproximadamente o territorio que posteriormente ocuparon os concellos de Carnota, Mazaricos, Muros e Outes. En 1298, Muros pasou, por doazón de Fernando IV, á mitra compostelá, polo que pasou de ser considerada vila dependente da realeza castelá a depender da Igrexa de Compostela. En 1452, o Rei Xoán II citou Muros como un dos portos máis grandes de Galicia. En 1544, a boca da ría foi escenario da Batalla de Muros, en que a escuadra francesa caeu derrotada pola española ao mando do almirante Álvaro de Bazán. A comezos do s XIX, sufriu o saqueo da invasión francesa e durante a Guerra da Independencia, padeceu un ataque das tropas napoleónicas que destruíron a propia vila (1809). En 1834, a consecuencia da reforma xudicial, o partido xudicial de Outes pasou a Muros, que en 1836 foi delimitado como concello.
Patrimonio cultural>
Ademais dos restos arqueolóxicos mencionados destacan as igrexas de San Pedro de Muros, Nosa Señora do Camiño, a capela do Espírito Santo, o convento de San Francisco de Louro, e as igrexas parroquiais de Abelleira, Serres ou Torea. Con respecto a construcións civís, destacan o Faro de Louro ou o paseo marítimo de Esteiro. A vila de Muros posúe un importante patrimonio con edificios nobres, estreitos rueiros, escondidas prazas e casas con balcóns voados sobre soportais; o conxunto histórico foi declarado Ben de Interese Cultural en 1970. Do seu patrimonio cultural destaca o espazo do Monte e a Lagoa de Louro, declarado Lugar de Importancia Comunitaria dentro da Rede Natura 2000. Das festas do concello, destaca especialmente a da vila de Muros, dedicada a san Pedro e celebrada na última semana de xuño; así como a festa do Carme, celebrada a mediados de xullo; e pola súa orixinalidade destaca tamén a carreira de carrilanas que se celebra en Esteiro a mediados do mes de xullo.
Datos de poboación (2007)
| Provincia | LUGO |
|---|---|
| Comarca | Terra Chá |
| Extensión | 163 Km2 |
| Poboación Total | 891 h |
| Poboación Homes | 447 h |
| Poboación Mulleres | 444 h |
| Densidade de poboación | 5.47 h/Km2 |