Museo do Pobo Galego
Museo creado en 1976 baixo a iniciativa dun padroado formado por un gran número de institucións culturais galegas, por numerosos especialistas das distintas áreas culturais e por representantes das administracións públicas. As primeiras salas inauguráronse en 1977 no antigo convento de San Domingos de Bonaval, cedido polo concello de Santiago de Compostela. A Xunta de Galicia recoñeceulle, en 1993, a competencia de actuar como centro sintetizador de todos os museos e coleccións públicas e privadas integrados no sistema galego de museos. O sostemento do museo realízase polas achegas, económicas e materiais dos seus socios e patróns e polo patrocinio de institucións públicas e privadas. As súas salas dedícanse ao mar, ao campo, aos oficios, ao traxe, á música, ás artes suntuarias e ao hábitat e arquitectura. Conta tamén con seccións de arqueoloxía, pintura e escultura e organiza exposicións temporais, cursos, congresos e outras actividades. Ten unha biblioteca, co Departamento de Educación e Acción Escolar e un servizo de publicacións que edita Cadernos do Museo do Pobo Galego, Manuais do Museo do Pobo Galego e Alicerces, ademais de monografías, actas, catálogos e outras publicacións. Pertence ao Consello Galego de Museos. Recibiu, entre outros galardóns, o Premio da Crítica Galicia na sección de iniciativas culturais (1975), a Medalla de Ouro das Xornadas de Folclore Galego de Santiago de Compostela (1984), o Premio Otero Pedrayo (1998), a Medalla de Ouro da Asociación do Traxe Galego (2000), o Premio La Voz del Año do Grupo Voz (2001) e o Premio Irmandade do Libro da Federación de Libreiros de Galicia (2003).