museoloxía

museoloxía

(< museo + -loxía)

s f

Conxunto de teorías sobre os museos como institución e sobre a súa función dentro da sociedade. Tras a Primeira Guerra Mundial intensificouse en Alemaña a estruturación destas teorías que deron lugar á tipificación dos museos como expoñente dunha nacionalidade concreta. Georges-Henri Rivièr estruturou dunha maneira coherente os estudos museolóxicos, e xunto con Hughes de Varine-Bohan estableceu a teoría do ecomuseo. A museoloxía describe como os museos se desenvolveron ata o que son, prescribe como debe ser e define as súas estruturas de organización e actividades. Segundo esta concepción, a museoloxía divídese en tres ramas: a museoloxía xeral, que estuda o museo, a súa historia, o seu papel social, os seus sistemas de investigación, de conservación, de educación e de organización; a museoloxía especial, que examina os diferentes tipos de museos, e a museoloxía aplicada ou museografía, que se ocupa da técnica museolóxica, práctica utilizada polo museo para cumprir as súas funcións. É unha ciencia interdisciplinaria.

Confrontacións

museografía

Palabras veciñas

museografía | museográfico -ca | museólogo -ga | museoloxía | museolóxico -ca | Museros | MUSES