muxe

muxe

(< lat mugĭle)

  1. s m [ANIMAL/ICT]

    Peixe teleósteo, da familia dos muxílidos, que presenta o corpo alongado, a cabeza e a boca grandes e a cor adoita ser gris azulada. Aliméntase de detritus e pequenos organismos. Son animais peláxicos, de hábitos gregarios, que se atopan no interior das rías e, ás veces, soben tamén polos ríos.

    Sinónimos: munxe, muxo.
  2. muxe común [ANIMAL/ICT]

    Muxe que pode acadar os 50 cm de lonxitude. Presenta unha cor ocre amarelada ou cinsenta, cunha mancha escura na inserción das aletas pectorais. Sobre os opérculos amosa unha mancha dourada. Penetra polos ríos podendo atopalo ben arriba de Padrón, no río Ulla. De costumes peláxicos, aliméntase de algas epifíticas, restos orgánicos e pequenos organismos planctónicos ou bentónicos.

  3. muxe negro [ANIMAL/ICT]

    Muxe que pode acadar os 60 cm de lonxitude. Presenta unha cor gris azulada no dorso e arxéntea na rexión do ventre, con bandas lonxitudinais negras seguindo as fileiras das escamas; non posúe mancha negra axilar. Penetra polos sumidoiros das vilas e concéntrase nos peiraos, á saída dos sumidoiros urbanos. En augas costeiras aliméntase de algas epifíticas, restos orgánicos, pequenos invertebrados ou diatomeas bentónicas. A súa carne asimila a cor, olor e sabor das augas onde habita.

  4. muxe saltón [ANIMAL/ICT]

    Muxe que pode acadar os 50 cm de lonxitude. Distínguese do resto por unha mancha dourada moi marcada de forma ovoide sobre os opérculos. Presenta pálpebra adiposa rudimentaria e non posúe mancha negra axilar. Presenta unha cor gris azulada no dorso e arxéntea na rexión do ventre. Habita frecuentemente as augas interiores pero moi raramente en auga doce. Aliméntase de plancto, restos orgánicos, pequenos invertebrados bentónicos e, de xeito ocasional, de insectos. A súa carne é máis prezada xa que, polo seu hábitat, non se ve contaminado por axentes externos.

Palabras veciñas

muwaxaha | muxa | Muxa | muxe | muxega | Muxeira | Muxeiro