nu, núa

nu, núa

(< lat nudu)

  1. adx
    1. Que non está cuberto con ningunha peza de roupa.

      Ex: Cando o toparon o rapaz estaba nu e morto de frío.

    2. Que está desprovisto de vestimenta.

      Ex: Teño que comprar roupa de verán porque estou nu.

  2. adx
    1. Que carece daquilo que normalmente o adorna ou o cobre.

      Ex: A igrexa estaba núa e a voda quedou un pouco eslamiada.

    2. Que carece de vexetación.

    3. [BOT]

      Aplícase á flor carente de periantio.

    4. [BOT]

      Aplícase ao receptáculo desprovisto de pelos ou escamas.

    5. [ARTE/CONSTR]

      Aplícase á parede ou fachada que carece de ornamentos, pinturas e espellos.

  3. adx

    Que consta do esencial, sen ningún adorno nin engadido non material.

    Ex: É unha persoa núa de espírito.

  4. adx

    Que se amosa con claridade e franqueza.

    Ex: Isto que che conto é a verdade núa.

  5. s m
    1. Feito de estar ou ir nu.

      Ex: O nu estaba prohibido no cine de posguerra.

    2. Corpo nu.

      Ex: O nu feminino sempre foi o centro da súa obra.

  6. s m [ARTE]

    Representación en pintura, escultura ou fotografía do corpo humano que está desprovisto de vestiduras. Os primeiros exemplos de nus foron as representacións de Venus na arte paleolítica e as representacións sumerias e asirias da deusa nai da fecundidade. En Exipto tamén foi utilizada en moitas representacións. En Grecia, na época arcaica, predominou o nu masculino (kuros), que chegou ao seu máximo perfeccionamento anatómico no s V a C, cos canons de beleza ideal. Con Praxíteles desenvolveuse plenamente a representación do nu feminino e durante a etapa helenística estudouse o corpo nu dentro do movemento (Laocoonte, Venus Calipixia). Roma continuou este tipo de representación, pero co cristianismo o nu foi case evitado na arte, aínda que apareceu en exemplos da arte paleocristiá coma o baptisterio dos arianos en Ravenna. Durante a Idade Media limitouse ás representacións de martirios de santos e dos condenados dos xuízos finais, case sempre como un seminu, -predominante tamén durante o Barroco-, coas partes sexuais cubertas. No Renacemento volveuse ao nu clásico, que se perfeccionou (Michelangelo Buonarroti, Leonardo da Vinci) e que co manierismo se fixo plenamente sensual. Na arte dos países protestantes foi moi pouco corrente, exceptuando o caso de Rembrandt e desde o s XVIII triunfou o nu erótico e picante (J. H. Fragonard). Durante o neoclasicismo volveu a representarse o corpo humano a través de canons e no s XIX o nu foi aceptado plenamente, mais sempre baixo a representación de divindades ou escenas de harén. A partir deste momento empregouse como escusa para expresar a forza da cor, a luz e os arabescos (A. Renoir, E. Degas, H. Matisse). Aínda que o simbolismo e o modernismo preferiron o seminu, durante o s XX empregaron o nu fauvistas, expresionistas, cubistas e hiperrealistas e todos os realismos das últimas tendencias, así como a fotografía.

Palabras veciñas

Ntchisi | NTSC | Nu Jiang | nu, núa | nuba | nubarrón | nube