Nasa, Sala de teatro A

Nasa, Sala de teatro A
[ESPECT]

Espazo escénico alternativo creado en Santiago de Compostela en 1992 pola compañía Chévere e dirixido por Xesús Ron Pereiro. Destacou pola programación de moi diversos espectáculos, desde os teatrais aos musicais. Das súas actividades destacan as “ultranoites”, marco en que se presentan pequenas escenas en que se utilizan as máis diversas linguaxes e rexistros e nas que teñen cabida desde a narración oral ata a música. Desde a súa creación converteuse nun lugar de referencia nas noites de Santiago de Compostela e nun espazo para a cultura alternativa e crítica. A Sala tamén constitúe o marco de operacións da compañía Chévere e o lugar onde presentan os seus traballos un bo número de compañías galegas vinculadas á investigación escénica.

Palabras veciñas

Nasa | NASA | Nasa, cabo da | Nasa, Sala de teatro A | nasada | nasal | nasalidade