naturalismo

naturalismo

(< natural)

  1. s m [FILOS]

    Doutrina filosófica que non admite nada exterior ou superior á natureza como conxunto da realidade existente, e que, consecuentemente, intenta comprender todas as cousas segundo as leis naturais, sen recurso a ningún principio transcendente. Aínda que por definición se opón a todo o que sexa sobrenatural, non quere dicir que se opoña ao espiritual, e neste sentido hai que distinguilo do puro positivismo. Destacou John Dewey.

  2. s m [ARTE]

    Tendencia artística que representa o realismo máis libre, a nivel de técnica e temática. É contraria ao idealismo e ao simbolismo. Émile Zola empregaba esta denominación para falar do impresionismo.

  3. s m [LIT]

    Escola literaria que naceu en Francia ao redor de 1880 e que se manifesta, sobre todo, na novela e no teatro. Despois de 1850 a difusión do positivismo e o entusiasmo polos estudos científicos conduciu os novelistas a utilizar os métodos das ciencias experimentais e aceptar a tese de Taine: o home sométese ao determinismo universal, os sentimentos e os caracteres son rigorosamente predestinados, e unhas leis, especialmente as da herdanza, rexen o contexto literario. A novela non é máis ca unha parte da historia natural e o escritor ten que usar os métodos da nova ciencia: observación e experimentación, tendo como obxectivo a reprodución da realidade cunha obxectividade perfecta en todos os seus aspectos, tanto nos máis sublimes como nos máis vulgares. E. Zola deu as normas da nova escola no Roman expérimental (1880), no Naturalisme au théâtre (1881) e nos Romanciers naturalistes (1881), resumindo as bases teóricas da novela realista no estudo do temperamento e as modificacións profundas do organismo baixo a presión do medio e das circunstancias, entendendo a arte como un “documento humano”. A súa obra máis significativa é Les Rougon-Macquart, histoire naturelle et sociale d’une famille sous le Second Empire. Pertenceron a esta escola, Paul Alexis, Henri Casard, Joris-Karl Huysmans, Léon Hennique e Guy de Maupassant, que publicaron unha colección de narracións curtas (Soirées de Médan, 1880) que se converteu nun manifesto do movemento. En 1888 o Grupo dos Cinco separouse de Zola, e en 1893 este pechou o ciclo de Les Rougon-Macquart. En España non foi adoptado máis que por un pequeno grupo de escritores que, intelectualmente, eran a vangarda da burguesía da época, debido á dificultade que tiñan para conseguir a impasibilidade narrativa. Dos seus representantes destacan Narcís Oller e Emilia Pardo Bazán, que publicou La cuestión palpitante (1883), colección de artigos difusores do naturalismo na Península Ibérica, que culminou en Los pazos de Ulloa (1886), ademais de Clarín e Galdós; pero Zola non os recoñeceu como seguidores. No teatro, o naturalismo tivo unha figura destacada en A. Antoine, iniciador dunha escola de interpretación e dun verismo escénico que foi herdado e modificado por Stanislavskij. A literatura teatral foi parar no expresionismo (J. A. Strindberg) e no impresionismo (A. P. Čekhov). O exemplo máis claro de naturalismo no teatro é H. Ibsen coa obra Gengangere (1897).