nécora

nécora

(< ár naqara ‘pandeiro’?)

  1. s f [ANIMAL]

    Cangrexo, da orde dos decápodos, que acada como media uns 60 mm de lonxitude e uns 80 mm de ancho. O caparazón é de cor escura, pentagonal e recuberto de pilosidades, que lle dan un aspecto aveludado. Posúe o último artello do quinto par de patas plano, para mellorar a natación. Os machos diferéncianse das femias por ter o abdome de forma triangular -o das femias é arredondado- e porque teñen unhas pinzas máis grandes ca elas. É omnívoro e aliméntase de algas, peixes mortos ou incluso individuos da súa mesma especie. Presenta costumes nocturnos, vive entre as rochas ou en zonas areosas e de lama na zona do litoral, e acada ata os 70 m de profundidade. Distribúese pola costa atlántica europea e mediterránea e en España atópase na zona do NO e en Cantabria. En Galicia é un marisco moi apreciado para o consumo, e para a súa captura utilízanse nasas e artes de arrastre. Ten que cumprir cun tamaño mínimo de captura para a súa comercialización de aproximadamente 5 cm, polo que existe un período de veda que oscila entre o primeiro de maio e o primeiro de outubro. As principais lonxas onde se comercializa son a de Vigo, a de Vilanova de Arousa e a de Cangas. Para o seu consumo, a forma de preparación máis habitual é cocida. No mercado pódense atopar outras nécoras, que se diferencian da galega en que son máis lisas e claras, e están desprovistas das lanuxes propias das nécoras da nosa terra. OBS: Tamén se denomina navalleira.

  2. nécora francesa [ANIMAL]

    Crustáceo decápodo que presenta unha cuncha oval, máis larga ca longa, a miúdo convexa lonxitudinalmente, de cor vermella con tons amarelos e puntos violetas, e de superficies máis ou menos granulosas. Vive en profundidades comprendidas entre 10 e 50 m.