Neda
Concello da comarca de Ferrol, situado no N da Comunidade Autónoma de Galicia e da provincia da Coruña. A súa posición xeográfica é de 43° 29’ de latitude N e 8° 09’ de lonxitude O. Limita ao N co concello de Narón (comarca de Ferrol), ao S co de Fene (comarca de Ferrol), ao L cos de San Sadurniño (comarca de Ferrol) e A Capela (comarca do Eume), e ao O novamente co de Narón e coa ría de Ferrol. Abrangue unha superficie de 23,98 km 2 cunha poboación de 5.649 h (2007), distribuídos nas parroquias de Anca, Neda, Santa María de Neda e Viladonelle. A capital do concello é Neda, situada a 47 km da cidade da Coruña e a 7 km de Ferrol. Está adscrito á diocese de Mondoñedo-Ferrol e ao partido xudicial de Ferrol.
Xeografía física
O relevo conta con formas moi suavizadas, modeladas pola erosión diferencial, e non hai altitudes considerables (Pico Louseiro, 461 m). Forma unha especie de conca, modelada polo río Belelle e aberta cara a occidente cunha sucesión de pequenas lombas e onde a ría forma unha franxa costeira practicamente chaira. No N discorren os ríos Xubia e Castro, que forman un val encaixado preto da desembocadura. A orla montañosa con forma de ferradura pecha o val do Belelle e serve de interfluvio entre este río e o Xubia-Castro. Todas estas unidades seguen a dirección SSL-NNO. O substrato xeolóxico está formado por materiais antigos da época Paleozoica nas áreas máis elevadas, cuarzos ou xistos; granitos na parte centro-occidental e rochas básicas no N. Os sedimentos cuaternarios son abondosos nas áreas de menor altitude e o terreo, amplamente afectado pola tectónica, está atravesado por numerosas fallas. O concello encádrase dentro do dominio oceánico-húmido, pero está marcado polo illamento no fondo da ría de Ferrol e pola disposición do relevo que suaviza as temperaturas, fai descender as precipitacións e conforma un microclima propio. A temperatura media anual é de 14°C cun mínimo en febreiro (9°C) e un máximo en agosto (18-19°C). As precipitacións anuais son relativamente escasas (1.000 mm), pero increméntanse nas cotas máis elevadas (1.200-1.300 mm) cun máximo en decembro e un mínimo en xullo. Os ríos Xubia e Castro no N, e o Belelle no centro, bañan o concello cun réxime regular e pluvial e un caudal abundante. Aínda existe no concello vexetación autóctona na beira do río Belelle, onde abundan os bidueiros e os amieiros, e na zona da Fervenza, onde se atopan castiñeiros, carballos e bidueiros mesturados con bosques de piñeiros e eucaliptos.
Xeografía humana
A evolución demográfica do concello de Neda mostra dúas fases claramente diferenciadas. Desde principios do s XX ata 1950 houbo un incremento constante da poboación, que pasou de 4.753 h en 1900 a 9.162 en 1950, o seu máximo histórico. A partir desa data, a poboación emigrou cara a Ferrol debido á grande oferta de emprego e ao illamento imposto pola construción da ponte das Pías (1968). Desde a década de 1980 ata comezos so s XXI o descenso demográfico continuou debido á crise industrial de Ferrol. Deste xeito entre 2001 e 2007 a poboación descendeu nun 10,44%. A distribución da poboación non é homoxénea. Existe un espazo urbanizado na área costeira, cunha estrutura urbana que está intercalada con espazos de horta e naves industriais en torno á AC-642, e unha área máis rural, no interior, con densidades de poboación máis baixas, poboamento máis laxo e aldeas pequenas. O crecemento natural (2006) da poboación é negativo (-8‰), cunhas taxas de natalidade moi baixas (7,1‰) e unha mortalidade crecente (15,1‰). Esta situación reflictese na estrutura por idades: o menores de 20 anos representan o 12,7% da poboación fronte ao 26% dos maiores de 65 anos e o 61,4% do grupo intermedio. Por sexos dominan as mulleres co 51,19% fronte ao 48,80% de homes.
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do concello de Navia de Suarna é do 45,5% (58,3% a masculina e 33,6% a feminina); a taxa de ocupación é do 38,6% (50,9% a masculina e 27,2% a feminina) e a taxa de paro é do 15,2% (12,8% a masculina e 19% a feminina). O concello de Neda está integrado nunha área urbana de considerable importancia na comunidade galega. As actividades relacionadas co campo apenas teñen relevancia na estrutura económica, cun 2,1% do total de activos. O número de explotacións agrarias, dedicadas a maior parte delas á gandaría bovina e á produción hortícola e frutícola, son explotadas a tempo parcial e as áreas cubertas de eucalipto e piñeiro, para a explotación forestal, sitúanse nos espazos máis elevados do concello. Ás actividades pesqueiras dedícase o 3,9% da poboación activa. A industria emprega ao 29% e a construción supón o 12,5%, claramente asociada ao espazo urbano ferrolán. Destacan a construción naval, as empresas auxiliares e as empresas situadas nos polígonos industriais próximos, aínda que no concello existen algunhas pequenas empresas de tipo familiar como serradoiros e industrias agroalimentarias. O sector terciario supón a maior fonte de emprego de todo o concello, co 52,5% da poboación activa, sector que medra anualmente. Na capital, dunha importancia relativa na área urbana ferrolá, emprázanse os principais servizos cos que conta o concello, pero a cidade de Ferrol é o centro de absorción de emprego do sector terciario, especialmente no que se refire ao comercio e aos servizos públicos. A principal vía de comunicación é a estrada AC-642, que atravesa o concello en dirección SO-NL e comunica as veciñas vilas de Fene e Xubia (concello de Narón). O ferrocarril Ferrol-Betanzos atravesa o concello na súa parte suroccidental.
Historia
No concello aínda quedan restos de cultura castrexa. O mosteiro de San Martiño de Xubia recolleu no s IX a doazón de varios montes, castros e aldeas. Na Idade Media o territorio foi posesión de distintas familias nobres galegas, como os Osorio, Traba, Castro, Trastámara e Andrade. Durante o s XIV a fabricación de barcos nos estaleiros nedeses, que se fixeron para loitar contra os musulmáns do sur da Península Ibérica ao mando de Afonso XI, motivou a concesión de foros e privilexios á vila por parte do monarca en 1344 e tivo dereito a cobrar pola carga e descarga de mercadorías no espazo entre o porto e o cabo Montón. Este privilexio foi ratificado posteriormente por Xoán II (1422), Enrique IV (1467) e Fernando VI (1746). No s XIV formou parte do señorío de Fernán Pérez de Andrade, que mandou construír a ponte do Xubia e a igrexa de San Nicolás. Durante o Antigo Réxime as parroquias de Anca e Viladonelle pertenceron ao señorío do conde de Lemos baixo a xurisdición de Anca e as parroquias de Neda e Santa María de Neda, ao señorío do marqués de Castelar baixo a xurisdición de Neda. En 1821, coa primeira división dos concellos constitucionais, o territorio conformou os concellos de Neda e o de Anca, que dependían respectivamente dos partidos xudiciais de Ferrol e Pontedeume. Coa división municipal de 1835 quedou conformado o concello de Neda, que aglutinou aos dous anteriores concellos. No s XX o desenvolvemento industrial medrou ata 1950 coa apertura do ferrocarril entre Betanzos e Ferrol (1913) e do tranvía Neda-Ferrol (1931).
Patrimonio cultural
Da arquitectura relixiosa destacan a igrexa de San Nicolás (s XIV) e a de Santa María, que acolle ao Cristo da Cadea (s XVI), xunto cos cruceiros de ambas as dúas igrexas. Nun lateral desta igrexa atópase o cruceiro, o máis famoso xunto co de San Nicolás (s XV). Da arquitectura civil destacan os pazos da Merced (ss XVII-XVIII) e o de Isabel II. A fábrica de Xubia comezou no s XVIII abastecendo materiais de cobre os estaleiros de Ferrol e durante un tempo fabricou armas, para despois (1811) ser fábrica de Moeda durante os reinados de Fernando VII e Isabel II. A finais do s XIX transformouse en fábrica de tecidos. Do patrimonio natural destaca o espazo Xubia-Castro, declarado Lugar de Importancia Comunitaria dentro da Rede Natura 2000.As festas máis importantes son as festas grandes de Santa María, o 8 de setembro, e o antroido. Tamén destaca a peregrinación durante tres ou nove luns seguidos á igrexa de San Nicolás en calquera época do ano e onde se celebra a romaría no chamado Luns de San Nicolás. Celébranse tamén as festas gastronómicas do Pan e da Empanada.
Datos de poboación (2007)
| Provincia | A CORUÑA |
|---|---|
| Comarca | Ferrolterra |
| Extensión | 23 Km2 |
| Poboación Total | 5649 h |
| Poboación Homes | 2757 h |
| Poboación Mulleres | 2892 h |
| Densidade de poboación | 245.61 h/Km2 |
Parroquias
| Anca |
| Neda |
| Santa María de Neda |
| Viladonelle |